Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

28.12.12

The invention of lying

Onte vin esta película, O invento da mentira. En resumo trátase dun home duns corenta anos que se considera e que é considerado un fracasado. Vive nunha vila (ou nun mundo) no que non existe a mentira e todo o mundo di o que pensa á cara. En realidade a maioría dos comentarios sobran, porque á parte de non mentir, son verdadeiramente francos e sinceros demais.
O caso é que chega un momento en que algo no seu cerebro lle fai clic e mente. Primeiro para facerse rico e despois xa vai encadeando trola con trola.
A película é bastante simpática e moi crítica.
Recoméndoa.
E xa que estamos de recomendacións, para frikis das series coma min recomendo unha aplicación xenial, que te ten ao tanto de temporadas, emisións, etc., á parte de crear unha lista cos teus gustos, poder compartila, creo que visionar capítulos e outras cousas que aínda non descubrín porque non me deu tempo a moito máis. Chámase Series Guide (como non) e é gratuíta.
O peor é que se xa estaba a mil series, agora teño no horizonte outras mil máis, polo menos ir amortizando a internet con lecer...
E máis nada. A piques de rematar o ano, sen facer balance, porque iso non é de facer, que o mellor é ir tirando para adiante, que o que ardeu, queimouse. E pista.

Inocencia...

É a que nos presupoñen a todos cando se aproban medidas que atentan contra o noso estado de benestar, sexa educación, sanidade, servizos sociais, prestacións, emprego...
Inocencia é a escusa que se utiliza para aproveitarse, coma se fósemos parvos e non só inocentes.
Non sei se a ola de presión dos inocentes acabará asubiando algún día. Acho que si.
Algún día ha ser.
Non sei se todo o mundo viu a portada do País, pero supoño que só os inocentes confiaron en que non é unha mostra de desinterese absoluto, e que é un estar a moitas cousas á vez.
Eu tamén me engancho ás novas tecnoloxías. Pero cando todo está feito, as pequenas durmindo, a xornada rematada e apenas nada pendente. Entón tamén prendo unha partida de Apalabrados.
Agardo non ser das que xoga mentres teño que tomar parte nunha decisión que deixe á señora Asunción sen comer porque entre o taxi, as pastillas, os gastos e a pobre pensión non lle dá para todo. Para papas de arroz un día si, e outro tamén. Que é o mellor alimento para a senectude tras unha vida de traballo.
Se xogo ao apalabrados mentres decido que os familiares dos meus colegas se fagan de ouro por xestionar con ánimo de lucro o que foi construído cos impostos de todos, por favor, que alguén me pegue unha hostia. Porque a estarei pedindo a berros.
Mentres erguen a man botan a partida. Coma se non fose con eles.
Benditos eles que presupoñen tanta inocencia no mundo que pensan que a ninguén lle vai repugnar a súa actitude de mediocres brazos manipulados por catro ambiciosos que só pensan en termos de lucro persoal.
Un día falarei sobre os monicreques que alimentan certas fileiras só porque son persoas maleables, manipulables, ignorantes pero con certo tirón. Un neocaciquismo que se está impoñendo por estes lares nos concellos, nas deputacións e, tristemente, incluso máis alá.

Inocentes. Tenemos un plan...

...pero es secreto. No lo podemos contar...

...pero se va a ahorrar mucho con el...

...nadie lo conoce, porque es secreto...

...pero lo tenemos, eh! lo tenemos...

Vergoña me dá. Moita.

27.12.12

Deica logo, Eleuterio...


Dous vellos que tamén tiveron mocedade, que se coñeceron nun baile, que logo se casaron por amor e que viviron amándose tolamente. Dous vellos, sempre xuntos e sempre calados, que viviron escoitando o rechouchío dun xílgaro engaiolado. Sen fillos e sen amistades. Soios.
Antonte leváronlle o viático ó vello e onte morreu. A compañeira dos seus días vestíuno, afeitouno e púxolle as mans en cruz.
Hoxe entraron catro homes e sacaron a caixa longa onde vai o morto. A vella saíu á porta da casa e, coa voz amorosa dos días de mocedade, despediuse do seu compañeiro:
-¡Deica logo, Eleuterio!
E os veciños que acudiran ó espectáculo tapáronse as bocas e riron cos ventres. A despedida da vella foi rolando e chegou ó casino, e o “deica logo Eleuterio” xa se convertíu en motivo de risa.
Todos, todos, se riron e ninguén se decata con que delor a vella namorada chamará pola morte nesta noite de inverno.
Castelao, Cousas
Hoxe na prensa non hai máis ca lixo, case coma sempre. A min xa me dá gana de non sei o que a metade do que leo. Este mundo é unha neoditadura do peor. Xente medida no cárcere e torturada (torturada!!!, algo que parecía extinto nun país avanzado, pero que carallo, se Guantanamo non lles dá vergoña aos americanos, que carallo de vergoña imos ter nós por maltratar nas comisarías a xente por exercer os seus dereitos); o dos bancos e o diñeiro xa non ten nome, o dos ERE é escandaloso, os SICAV, as empresas do IBEX 35, a non-liberdade de prensa e comunicación, a desafección pola política, a hipocrisía á hora de gobernar... 
Total, que nestas últimas noites dedícome, á parte de durmir, a enfangarme en series de ficción, a xogar ao Apalabrados e a fochicar nas novas tecnoloxías todo o que podo e máis. Así anda o tema. Creo que hoxe vou retomar o de coser e poñerlles unhas Peppa Pig ás camisetas que aínda teño pendentes de facer. Mellor me será.
De calquera xeito, hoxe lin unha noticia que me impactou moito, xa que non hai nada aínda mantiven a discusión con miña nai de que me presentasen o primeiro ou a primeira que morreu de amor. Porque nisto das rupturas sempre hai moita literatura barata polo medio e todos e todas quedamos na máis profunda soidade e desgraza. Pero iso é a xente nova. Non a vella. A vella é doutra pasta, porque xa viviu moito.
Supoño que todos coñeciades o conto de Castelao, para min un dos mellores, aínda que ningún deles sexa desbotable. Para min este é fermoso non, o seguinte, incualificable.
Pois ben, a noticia, que máis abaixo engadirei para quen quixer consultala, conta como unha muller morreu e o seu home é acusado inxustamente de maltrato e levado preso. Unha vez que queda á vista que non foi así, o home sae e suicídase. Non se sabe se por amor, por indignación ou polas dúas cousas. O caso foi que morreu tamén. A xustiza, esa que eu reclamaría con afán, moitas veces equivócase, e ultimamente moito máis ca nunca. 
Di miña irmá que se a xustiza e os ditames xa non se acatan, que apaga e imos, que xa non vai dar máis de si a sociedade e que iso non sería posible. Eu dixen ata agora tantas veces que tal ou cal non sería posible, por evidente, por rechamante, por inxusto e equivoqueime en tantas ocasións, que probablemente nesta tampouco me equivoque. Moitas veces ter a razón non é poder exercela. Inexplicablemente.
Deica logo, Eleuterio, que vostede atope o mundo que procura nalgures...

26.12.12

SICAV

Eu quero ter unha sicav, e forrarme ata os dentes sen tributar máis ca 1%. Ata estes días non sabía exactamente que eran, nin cantas, nin os nomes, nin quen estaba detrás.
Pero agora que o sei creo que inda irei con máis cautela polo mundo. Mirando a ver onde consumo o pouco que consumo.
Estanme dando gana de trousar os bombóns de Ferrovial que había pola casa de agasallo de Nadal (non meus, que a min agasalláronme un libro e xa bo foi, xa non hai queixa, que nin había por que)... porque papei neles sen moito máis cuestionamento e vai ser que é unha desas empresiñas.
A min as do IBEX35 xa me daban grima.
Ao final o mellor é o que dicía un paisano meu nunha reportaxe: se na feira xa temos de todo, boas patacas, bos grelos, bo porco, bo queixo, bos ovos... a que andamos indo ó supermercado, se os do supermercado, quitado o pouco traballo que dan (que non o regalan tampouco), o único que fan é levar os cartos por aí adiante para uns poucos...
Teño o firme propósito de consumir todo o produto local e de temporada que o peto me deixe, e deixarme de lerias.
E se hai que ir vivir á caverna irei.
Falando de caverna, onte vin unha viñeta boísima, na que a xente estaba na caverna e dicía que ao final un acostumouse a vivir nela e deixou de imaxinar opcións, ou algo semellante. Moitas veces teño pensado eu tamén no mito da caverna e en como aos exploradores lles teñen as pernas presas cunha pexa ben gorda, para que non poidan gabear inda que queiran.
Ao final volvemos ao de sempre.
Por iso xa non me estraña que ata se queira conculcar o dereito de reunión ou de manifestación, ou de libre expresión de opinión ou pensamento.
Pregúntome se algún día chegarei a ver unha denuncia e un peche deste misérrimo blog por dicir o que penso. Chegarase tan alá? Eu despois do que sei xa agardo ata o peor.
Non sei a quen lle oín que isto non se para ata que non haxa unha guerra.
Para min a guerra xa está, e coma sempre perden os máis débiles, e no canto de armas ao lombo levamos sentimentos mal xestionados, que é o peor.
A xente sentindo vergoña de verse estafada. Sentindo que lle arrincan o corazón se o deixan sen traballo (como non vai afectar se aquí a metade da xente considera os seus compañeiros de traballo, xefes, etc. coma da familia, aínda me queda ir a unha voda ou comuñón na que non estea un xefe, colega, compañeiro, amigo ou o que sexa do traballo, as relacións sempre se estreitan, que te boten é coma se teu irmán che cuspise á cara na maioría dos casos, aínda que non teña nada que ver). Xente sentíndose coma se non valese nada a súa vida, nin as súas ideas, nin os seus propósitos.
O que montou esta guerra era máis listo ca un cuco, e sabía que a xente pode deixar as escopetas no caixón, pero o sentimento teno que levar sempre canda el ou canda ela.
É así.
Polo que consigo outear que vai ser unha guerra moi, moi, moi, moi longa...
E entrementres as sicav a dalo todo, para cando pase a tormenta, que sigan aí na súa torre, no máis alto, e agachados e protexidos das balas...
Que noxo, non?
Investiguen, investiguen vostedes...

25.12.12

Política miúda

Non vin o discurso do rei e para evitalo mamei media hora de Bob Esponja. Pagou a pena. É que estou xa chea non, o seguinte, de discursos de fotonovela. A min a Hola! non me gustaba nin para ver as casas dos ricos que soñaba con ter.
Agora quitóuseme a ansia esa e todo.
Pero hoxe atinei a ver que o rei pediu para os tempos vindeiros que se faga política con maiúsculas. É que me troncho. Eu máis ben diríalle que pida abertamente que se roube menos e se sexa máis honrado, así directamente, porque mira queeeee...
Neste nadaliño que non pareceu nadaliño foi estupendo xuntarse cos amigos e ver que nos imos facendo máis vellos pero máis sabios. Sempre é un gusto botar unha risa simplemente falando do cotián. Teño unhas cantas persoas por fortuna na miña vida que me fan rir a cacha partida, atopémonos como nos atopemos. A algunha incluso lle pido que faga uns titoriais por algunha canle para vela de cando e cando e non esquecer que o mundo non se pode comer, pero pode intentarse, e pasalo ben mentres se intenta.
As miñas pequenas entenderon mal a festa, eu creo que foi un exceso de información entre papá noel, festexos da gardería, reis magos, tanta decoración, agasallos aquí e acolá, a destempo, a deshora, comer demasiado azucre e toda esa leria, que ao final acabaron cantando a viva voz o "cumpreanos feliz" e pedíndonos a todos que soprásemos as "velas".
Pois eu o mesmo, que se non fora polas xuntanzas pasaría o nadal sen pena nin gloria.
Facendo política con letra pequena, porque en realidade é así como se ten que facer.
Se alguén nesta vida reinvindica a vida de barrio esa son eu.
Coñecín un tempo en que o asociacionismo era o xermolo que abrochaba no público con forza. As asociacións de barrios, aldeas, grupos e calquera outro interese era o cocedeiro de onde saían as grandes ideas que despois se aplicaban. Para min eran o I+D+i da política.
Pero como non interesaba deixouse de fomentar, de fornecer, de subvencionar... porque así cada un na súa casa dificilmente poderá chegar a outros. Nin co bo, nin co mediocre, nin co ruín.
Así que me río na cara de Juancar que reivindica ir "ao grande", supoño que os que rouban ou viven ao grande non van aconsellar comezar por mangar ou rillar nunhas barriñas de pan. Era obvio.
Ai, mundo este.
Iso si. Para partirse comentando a vida pública teño a miña avoa, que lle chama a Feijoo "ollos de paxaro" e a Rajoy "boca que cospe", que che relate un telexornal non pode facer máis que dar a risa. Algo así como: o boca que cospe vén pasar o nadal a galicia, virase xuntar con ollos de paxaro, que eses dous non necesitan levar as nais contar as penas á de ana rosa, que han de ter boas paguiñas, porque a min mira que me dan rabia as mentiras que contan, o boca que cospe xa nada, que me rin o outro día que estaba de cumpreanos e poñíanlle unha pancarta que anos é o único que cumpre (inciso para partirse a caixa) e cando a collín xa me rin un anaco, porque a verdade é que si, que o único que cumpre son anos -tardou en collela porque en realidade nós facemos anos, non os cumprimos, pero acabou colléndoa- e despois irán esquiar ou así, irán coa cospedal, que a esa si que lle había que partir as pernas e que pedira paga de dependencia para que fora a ana rosa -ana rosa é ana rosa quintana, que se se presentase a presidenta miña avoa votaríaa, porque é moi humana, hahahahahahahaa, é que miña avoa é moitísimo cando che conta as cousas.
En fin...
E hoxe chego e vexo que este blog tivo 3100 visitas desde que o abrín. É unha humildade, pero esa humildade a verdade é que me dá moita alegría. Supoño que a maioría son amigos, pero algúns outros lerán con curiosidade, supoño, sobre o que penso do mundo.
O mundo estache podre, pero aínda así con todo, moito paga a pena...

21.12.12

Marcho, que teño que marchar...

E aproveitar o tempo para ver amigos que non se deixan ver con frecuencia porque a vida non sempre é un facer o que che saia da gana.
Para compartir o que é a vida e desde que puntos de vista se ve, se valora e se vive. Que un acaba perdendo a perspectiva cando non oe o que opinan os que tamén están aí, aínda que non os vexas diario.
Para estar cos que máis queres aínda que non llelo digas nin con frecuencia nin sen ela.
Para botarlle un aturuxo e sacarlle ferro ao asunto.
Para catar unha copiña de viño, que xa logo non se ve por estes lares máis que nas fotos.
Para ir festexar que aínda hai quen lle pon fronte á crise e trae meniños en camiño, seguros e seguras de que eles e elas serán o futuro.
Para festexar a vida.
Por iso marcho, que teño que marchar e vémonos probablemente á volta do 2013.
Desexando que o novo ano traia algo máis ca malas novas un día si e para o outro tamén.
Que vostedes teñan a oportunidade de querer, ser queridos e soñar, que iso aínda é de balde. Oxalá atopen oco para facer do cotián unha alegría, niso andaremos...

20.12.12

Quita, quita, quita de aí...

Quita comeza a ser o verbo da primeira conxugación máis terrorífico que ninguén imaxinara nunca. Se o buscas no google xa te das de conta de que como primeira acepción non sae ningún "quitateme de diante", "quita de aí rapás", "ai, quita, quita"...
Agora só corresponde a iso que lle chaman atraco a man con luva branca.
Estes días, buscando algún testemuño máis atopei meniños que teñen os cartos da comuñón en preferentes, pagas de discapacidade, indemnizacións de accidentes laborais, finiquitos de emigración...
Cando leos os comentarios que xente insolidaria fai nas noticias dos xornais gustaríame que a vida por un momento fose coma esa película na que o espírito do Nadal te leva a facer un percorrido pola túa vida, pola túa vida sen ti, para que intentes emendar o que fallaches e reafirmar o que non fixeches ou fixeches mal.
Non digo que non haxa xente polo medio movida pola avaricia do carto rápido ou fácil, non digo que non, pero a min fáltame por atopalo.
O 50% da xente soubo que tiña preferentes e non un prazo fixo cando intentou sacar cartos ou cando llo dixo Facenda. Coñezo xente que incluso dicía "pobriños, eses que timaron no banco, así e todo, onde imos ir parar" e un día chegou á súa casa véndose coma esa "pobriña" que tamén estaba incluída no lote.
Realmente cando ves as caras dos que se manifestan non me dan ganas de tirarlles dos pelos, algo que si me inspiran outros máis ladróns, máis especuladores e máis estafadores que saen dos xulgados co sorriso posto.
O mundo está bastante podre, a verdade.
E os médicos e os enfermeiros, médicas, enfermeiras, ATS, persoal administrativo, etc. xúntanse, maniféstanse, explícanse, fanlle saber ao mundo, que estamos vendidos e inda con todo, preparan reunións, informes, auditorías, trazabilidades... e ninguén se reúne con eles, porque en realidade todo é unha "pantomima" como ben sinalaron. En realidade o público xa foi vendido.
Podo poñerme no seu lugar e sentir a indignación que eles senten.
E a indefensión ao saberse defensores do público, do ben común, e bater de fronte contra un gran muro.
E inda que o constitucional diga que non se pode deixar os inmigrantes sen sanidade, o goberno di que ¡a mi con la constitución!; e inda que a constitución diga que é dereito que non se pode conculcar o da manifestación e reunión, o goberno di ¡a mi con la constitución! e mándache multas á casa por alteración da orde pública, por participar en manifestacións ilegais ou por vestir de negro en venres.
E inda que centos de xulgados xa ditaminasen a favor dos estafados das preferentes, inda que a arbitraxe recoñecese centos de casos de estafa flagrante, o goberno di ¡a mi con la constitución y la legislación!, cámbiancho por cromos de phosquitos e dinche que na repartición da dor, a ti tocouche que che tiren dos pelos dos collóns, para sentilo un día, e outro, e outro, e outro, e outro...
Si, estamos vivos. Si, podemos seguir loitando, caendo e erguéndonos, e todo canto faga falla, pero vendo moitos corpos que vexo debaixo dos paraugas diante das sucursais bancarias, penso que eses corpos xa non merecen caer máis, que xa viviron bastante agachados, que xa non teñen o alcacén para gaitas.
É así. Moitos só teñen eses cartos para deixárllelos aos fillos, ou para o final dunha vida de traballo algo descansada.
Eu creo que os que escriben os comentarios nos que se mofan da xente por "primos" é que non poden ter empatía con ninguén. Probablemente dos países do terceiro mundo opinarán que xa están afeitos, non teñen necesidade porque non a coñecen, así que non hai que meterlle man á desigualdade ou crearase un caos mundial. Imaxínate que descobren o que é comer 5 veces ao día, acábase o mundo!
Non sei se os señores que mandan no mundo saben que coa quita a moitas familias quítanlles a alegría de vivir, e por agora é ao que se vai amarrando medio mundo, a consolarse con que aínda hai alegría de vivir...

19.12.12

Xustamente para un mundo máis inxusto

Para iso parece que se corta todo ultimamente. Como dixo o xenial Quino por boca de Mafalda: Que pare o mundo, que eu baixo!
Non sei se serei capaz, pero non volvo ler un xornal de aquí ao que resta de ano, iso ou este nadal non vou nin dar tragado un lagostino.
O síntoma máis evidente de que todo canto acontece me parece escandaloso, inxusto e unha tolemia é que ata me marchou a fame. E estou autodiagnosticada de larpeirite aguda crónica, pero desde hai uns días non me baixa máis ca o xusto.
Non digo que non me vaia vir ben.
Só digo que é bastante representativo.
Teño tanto que dicir de tantas cousas que penso que é mellor non dicir nada, e ir deixando de tomar as cousas tan a peito, porque teño claro que nada está da miña man. Vaime saír a úlcera por algo que eu non podo solucionar.
Estamos nas mans de camicaces, terroristas do social, do común e do cultural. Non hai máis.
De todo, quedo con que un señor entrou nunha sucursal bancaria e agrediu o director, e despois marchou. Non xustifico a violencia, dáme mágoa ese director que non leva a culpa de nada, que levaba seis meses no posto. Só digo que ao final a cóbrega, cando a acurralan e non ve saída, acaba remexéndose e botándose a un para trabalo.
Ultimamente empezo a coñecer demasiados casos nos que a xente se sente acurralada, asfixiada, e non quere remexerse porque non é esa a súa natureza, pero non ten outra opción.
Uns saltan pola ventá.
Outros bótanse ao monte.
Outros pensan, se eu vou, tamén vas ti.
É difícil facerlle comprender á xente que ve que non ten que rillar que só se mire pola capacidade adquisitiva dunha minoría que non pode deixar de vivir ben.
Eu só digo que preferiría non me ver acurralada, só digo iso.

18.12.12

O amolado de Notre Dame...

Hoxe teño que dicilo, a pesar de todo.
Téñase en conta que admiro moito os neofalantes, creo que son a grande contribución ao futuro da lingua, tamén me congratula calquera iniciativa en favor da lingua, merco e consumo produtos das empresas que a utilizan como lingua vehicular, etc.
E antes de nada vou contar unha anécdota. Un día saíndo dun espectáculo preguntoume a miña colega que me acompañaba: Que che pareceu? E eu soltei un: bueeeeeenooo.... Como que bueeeeeno??? Foi unha merda pinchada nun pau, o que pasa é que como está en galego subvencionouse e nós coma parvas viñémoslle de público, pero é unha gran merda de espectáculo e o galego que usan é máis penoso ca pegarlle a un pai (vale, as frases feitas son da miña colleita, é que non podo evitar adornalo, pero en esencia a mensaxe foi esa).
Iso acontece.
Moitos e moitas dos usuarios intentamos celebrar intimamente que alguén teña a iniciativa e o compromiso por usar a lingua. Pois ben, eu fíxenme de R máis ou menos por esa cuestión, hai xa algúns anos.
Primeiro o teléfono, despois a internet, o TDT, os móbiles...
Ao comezo cando chegaba a revista, máis ou menos un 15% en galego e o resto en castelán pensaba en que algo era algo. Despois puxeron a páxina web a medias en galego. A publicidade en galego, o menú dos teléfonos e do descodificador en galego, a atención ao cliente en galego... Ben.
En canto á atención ao cliente, pois ben, ás veces topas con rapazas ou rapaces que o dominan e ás veces non, é normal, pouco que dicir, o bo é que parece que fan o esforzo os que dá nas vistas que non o usan como lingua habitual. Pero non hai queixa.
O da revista e a páxina web, vaaaaale, ter o botonciño do tradutor automático activado non é que sexa unha aposta moi seria, pero entendo o dos custos se me apuran un pouco.
O dos menús na tele xa é por demais, aquí si que xa é un despiporre. Non vou anotando todos os atentados cara a lingua que vou atopando, porque son moitos, pero o que ao principio me daba risa, agora cabréame infinito. Onte mesmo pola tarde vimos o Amolado de Notre Dame, que home, ten que foder que te encerren nunha igrexa por ser chepudo, pero en realidade ao final triunfa o amor, así que tan amolado non acaba...
Vaia, que si que é loable que aposten polo galego, pero a forma en que se fai as normas de calidade ISO non as pasaban, polo menos se lle teño que auditar eu a lingua, porque é despropósito tras despropósito... Pero como dicía esta colega miña, parece que porque é en galego xa nos consola e teñen carta branca para venderche unha merda coma se fose ouro... pois non, a verdade é que non...

17.12.12

Borrador da lei de educación

E a iso quero aferrarme, a que aínda é un borrador, que non está todo dito.
Tamén se aferran os sanitarios a que aínda o peixe non está vendido, a pesar que o armador xa está amarrado no porto e cos mariñeiros preparados para desembarcar peixe e marisco do bo.
Tamén se aferran os das preferentes pensando que Europa vai distinguir os grandes investidores dos pequenos estafados.
Tamén se aferran os do mundo xudicial a que o "taxazo" poida ser declarado inconstitucional, ai non, aquí digo mal, que xa está feito, que se é inconstitucional xa se verá co tempo...
Tamén se aferran os dos 400 euros pensando que llelos van prorrogar, ou os que chegan a acordos co banco para que non os deshaucien, pensando que a dación en pago chegará a tempo...
Onte vendo unha reportaxe dunha igrexa duns tarados americanos caín na conta do simplismo do mecanismo que nos goberna, supoño que froito da educación que levamos, o de crer nun ser supremo éche a hostia. Preguntábanlle a unha das mozas desa igrexa que que ía pasar a catro ou cinco anos vista (estaban en procesos penais e a piques de seren expulsados do país) e ela dicía que confiaba en que o señor se manifestase (un deus vingador, por suposto) antes de que ese momento chegase.
Eu tamén escoito moitas veces o de maloserá, que se fixo popular e desde que se fixo popular cada día gústame menos. Dios proveerá, din as beatas.
O caso é que por veces envexo a resignación e a confianza que mostra a xente que realmente cre en algo. O conforto que lles supón prender unha candea e saír pensando que todo irá a mellor, porque xa está alguén traballando no asunto.
Así que hoxe levanteime crente, aínda que se me foi desgastando a marchas rápidas, tan rápidas que nin acabei de ler o xornal, xa só chegar ao da matanza do colexio americano quitoume o propósito de crer en algo nun tris.
Total, que o do borrador da lei de educación lino primeiro con incredulidade, con indignación despois, con mala hostia nunha terceira lectura e tras meditalo quixen reconfortarme con que aínda está en fase de borrador.
Volvín miralo así de esguello e subiume coma unha cousa do estómago á cabeza. Se eu fose Dexter, o meu dark passenger xa estaría afiando os coitelos na moa, para saír dar unha voltiña.
No meu mareo estómago-cabeza vin as miñas nenas aprendendo Hogar, dándolle á agulla, á cociña, aos truquetes de limpeza; sabendo que Franco era de El Ferrol e que o rei foi un salvador que trouxo a democracia á unidade de España, que Doñana é unha zona húmida que cómpre preservar, pero ai, como me saian reviradas e non me presten atención a lecturas autodidactas, non van saber que aquí houbo unha desamortización, que tamén houbo castelos, e irmandiños, e que antes dos romanos estiveron os castrexos, e que diso hai pegadas aquí e acolá, e que tamén houbo heroes, e heroínas, e tesouros, e atrocidades, e cultura propia... e que hai herba de namorar, gaivotas patiamarelas, que temos catro provincias con cadansúa particularidade paisaxística e climática...
Ai carallo, vanme saír despois do proceso de escolarización máis ignorantes do que en principio calculara...
póñome enferma só de pensalo...
Quero confiar cegamente, pero cegamente, sen cuestionalo, que borrador só sexa que se vai borrar de arriba abaixo...
http://www.publico.es/espana/447434/historia-de-las-autonomias-en-peligro-por-la-reforma-de-wert

14.12.12

Meus amigos escritores...

Agradezo até o infinito que a xente se mova.
Polos que non podemos movernos.
Eu estes días recorto Apalpadores, saco as pinturas de dedos, as esponxas, ínchome a descargar free christmas printables, porque os nacionais sempre lles poñen impedimentos a isto do free, e ou riscan por riba ou fano imposible de imprimir. O do free por agora está mal entendido, xa que hai unha cultura demasiado instaurada de "o que me gusta cóllo para min", só hai que entrar nas páxinas de acceso a material "pirata" e ver que o petamos, así de claro.
Pero os americanos e americanas, ilustradores, pintores, debuxantes, mestres, mestras, xente curiosiña, xente con curiosidade, facedores de moitas cousas, ofrecen parte do seu de balde, se non hai por medio ánimo de lucro, vaia. Teño carpetas cheas con textos, debuxos, ideas, ilustracións, deseños... que me serven para xogar, para enredar, para coserlles ás nenas, para pasar o tempo, para traballos manuais, para decorar...
O caso é que mentres eu traballo a favor do non-consumismo, do traballado a pulso, do Apalpador fronte ao señor da coca-cola, outros van facendo o propio e o común escribindo fermosas letras, no caso de Ramón co seu Emily on the road e proveitosas, no caso de Carlos co Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. E tamén collendo molladuras para presentarse diante da consellaría a dicir que vale, que se poñan como queiran, pero que o están facendo rematadamente mal.
Onte acompañei a Carlos na presentación do seu libro, gustoume moito facelo e escoitalo e teño anotado como pendente buscar o oco que sexa para ir escoitar as sabias palabras de Ramón. Estou lendo o Emily on the road, compatibilizándoo con outras tolemias, outras obrigas e o moito de cotián que nos absorbe sen contemplación.
Agardo axiña poder comentar algo máis sobre Emily, que por agora está on the road, pero diante dun Stop, polo menos deica a noite.
Amigos escritores, paga a pena que continuedes traballando, aínda que non o acabedes de crer, sodes importantes e necesarios para moitos outros.

13.12.12

Díaz Ferrán, Luís de Guindos, Amancio Ortega, Fernando Roig...

Oñó, que modelos, que manequíns, máis ben diría eu, porque modelo de nada non me parecen.
Onte andei mirando o novo currículo e esa grandísima materia que lle chaman algo parecido a Economía e empresa. Esa grande idea visionaria dunha materia que tiña que existir necesariamente no currículo escolar temperán nun mundo capitalista e de economía liberal.
Aprendámoslles aos meniños e ás meniñas a seren competitivos, trepas, a pensar que o único obxectivo desta vida é gañar diñeiro, para acumular cousas, e arriscarse en mercados, para engordar as contas e levar unha vida de estrés, exceso e sacrificio no persoal.
Claro que si! E xa me vexo a guía do profesor, con frases de alento como eu son o mellor, esa praza é miña, teño todo para gañar nesta vida, eu son o elixido, se hai un posto, ese é meu, todo para alimentar a autoestima... jooooooder, como se vai poñer o panorama. Desde aquí a miña proposta aos que vaian desenvolver os contidos da materia. Como material complementario basiquísimo un cd que inclúa a canción de We are the champions, un recopilatorio das mellores xogadas de la Roja e unha montaxe de discursos célebres de grandes figuras da economía como Roig, Díaz-Ferrán ou Urdangarín, mesmamente. Para os nenos un sobre de semente de pelos para o peito, porque un home é un home, aínda que teña 12 anos, non queremos educar "mariquitas" imaxinativos, creativos, sensibleiros, así que é imprescindible que o pelo estea nacido. E para as nenas un kit de barbie executiva, con bebé en mochila incluído, para que se vaian facendo á idea de que teñen que ser altas, delgadas, guapas, elegantes, con gusto refinado, traballadoras, superviventes e triunfadoras nun mundo de tiburóns e todo iso sen descoidar o tema de manter unha familia e todo cun sorriso. Un kit de maquillaxe tamén é aceptable, para que vaian aprendendo todo iso da uniformización, que é moi de mundo moderno.
Ocórreseme unha cheaza de merchandaising para esta materia en concreto. Por favor, que alguén me contrate porque son un non parar de ideazas. Burbúllanme polos poros.
Despois les artigos como que os grandes directivos, a xente triunfadora, a que patenta inventos, a que fai avanzar o mundo é a xente creativa, imaxinativa, resolutiva, capaz de enfrontar escenarios que nunca catara antes na súa vida...
Vamos, que a pouco máis Murdock o do Equipo A ou MacGuiver terían que estar de presidentes dos Estados Unidos e da Unión Europea, porque máis imaxinativos, creativos e resolutivos non os hai como candidatos.
O que hai que ver por ter ollos e o que hai que oír por ter oídos.
Explicaban no tal artigo que a escola é a principal castradora da imaxinación, porque alí comezan a coutar ese tipo de ideas e apréndenche uns contidos, como moito algunhas estratexias, pero van minando a capacidade que é innata. Pode ser, non digo que non.
A todo isto ata de infolancer me mandan información para facer cursos para cultivar a miña intelixencia emocional, o meu lado creativo... molt fort, aos meus trinta e moitos a miña intelixencia emocional está máis que cultivada e vapuleada, xa pasou por todas as fases, así que non, grazas, creo que un curso online de 200 euros non me vai levar a acabar de superdirectiva alta, guapa e delgada. Iso tería que resolvermo corporación dermoestética, unha boa esteticista e pasta para aparcar o meu estilismo choni de últimas rebaixas.
Eu non sei se os políticos saben realmente o que significa introducir o currículo que nos están planeando, onde deixan que teña tanto peso a relixión e a educación para formar pequenos tiburóns e non persoas solidarias, colaboradoras, críticas, con ansia de superación saudable...
A estes ministros a historia do ben común débelles soar a outra galaxia.
Para min ningún dos personaxes que cito no título son exemplo vital, di ti que gañaron diñeiro, que foron oportunistas ou intelixentes, pero despois todo derivou en abusos, uns róubanlles a materia prima aos máis pobres e explotan os seus traballadores, outros teñen paraísos fiscais, defraudan, non teñen obra social e se a teñen é cativeira e oportunista, contaminan os países máis pobres... é que, é que... de verdade ninguén vai parar isto? Vaise continuar alentando que haxa réplicas das empresas do Ibex 35 en cada parroquia, en cada familia...??? Eu estou que non dou creto.
Quero ver como son as adaptacións curriculares desta materia, a ver como lle explican a nenos con necesidades educativas especiais que ou teñen un oco no mercado laboral ou serán tratados como escoura humana. Xa chega abondo o punto en que estamos, ir máis alá é unha tolemia enfermiza e que non fai máis que apodrecer aínda máis a sociedade inxusta en que por desgraza caeron...
Ti, chosco, gordo, tullido, xordo, baixo,  mudo, manco, coxo, nervioso, retardado, impedido, enfermidade rara, discapacidado mental, dificultade de visión, déficit de atención, síndrome variada... esquécete de sobrevivir, este mundo non se fixo para losers... E ti, Manolito, que aos tres anos non sabes nin abotoar o mandilón, vas ser un fracasado como non poñas as pilas, que xa temos unha idade!!!!

12.12.12

Criticismo

Dicíanme hoxe que moito que me queda por sufrir, porque son demasiado crítica con todo.
Ás veces un pensa, ¿serei eu de verdade a repunante?
Porque á parte de importarme que as miñas pequenas non mexen por elas, que non coman os mocos, que merenden, que non traben os compañeiros, que sexan educadas cos maiores... tamén me preocupa que aprendan as cancións en galego, os nomes das cousas na lingua que eu lles falo, que non se tornen unhas consumistas, que non crean todas as trapalladas que lles contan...
Quédame moito por roer porque no mundo estamos moitos, pero non todos contamos.
Normalmente só pesa a opinión dos que fan máis ruído, que non son sempre os que teñen a razón.
Pois si, algunhas cousas parécenme mal, pero realmente mal.
Teñan ou non teñan que ver comigo. E teñan ou non que ver coa lingua.
E ao final, se me chaman repunante, pois terei que aguantarme e levalo, pero aínda me queda moito que dicir, así que polo camiño andaremos...

11.12.12

A curiosidade matou o gato...

E o gato é un reputado-deputado que vai meter a man nunha muralla para coller un sobre con pasta de someter a chantaxe a un banqueiro...
E os seus asubían e miran para o outro lado.
Pero hai uns correos nun servidor que son literatura surrealista e que parecen unha coartada fiable.
Se non fora que no maxín de todo o mundo sempre pensamos que son todos uns ladróns... aínda tería certa marxe, pero así, auguro un futuro indulto, pero non popular (hehehe, o chiste saíume así sen querelo).
Cando todo pase, cando o mundo cambie, poderemos facer unha road movie de como eramos no comezo do século XXI e rir de todo isto e de máis que non sabemos.
O que se compra con cartos públicos e se vende a xenros, fillos e curmáns que o privatizan.
As obras adxudicadas ao señor Calatrava, que agora leva a sociedade, a empresa e a pasta a Suíza, disque para facer obra alá, hahahahaha, pártome, que as obras alá xa as fixeron os galeguiños todos, como non vaia agora facer uns novos barracóns modernistas para os netos destes, non lle vexo eu máis proxección.
Ai, xasusiño, eu non sei xa se botarme ao monte.
O outro día unha compañeira pasoume uns textos para ir practicando portugués, e entre estes viñan outros documentos que mira ti, pensei eu xa coa miña mente rabuda, non terá cartos para non andarse metendo nestas chourizadas... pero ao final tiña un fin o asunto e reconfortoume o tema.
Ao final parece que non, que non todos somos de espírito chourizo, pero é que hainos tan flagrantes que clama ao ceo... menudo mundo lles estamos deixando aos que veñen!!
Onte unha boa amiga mandoume un correo para poñerme ao día de como lle corre a vida. Mentres o lía dábame a risa, porque visto desde fóra parece un remake de Esta casa es un desastre..., pero cando o pechei e comecei a pensar no asunto a cara fóiseme tornando máis seria. En realidade non ten maldita graza o asunto.
Ás veces eu tamén me narro alleándome e tratando de poñerlle un rumbo positivo ao tema. Pero en realidade non ten graza ningunha.
Xa non sei canta xente me comenta que xa non le os xornais, non ve os informativos e nin sequera quere series ou filmes de ficción que impliquen tinturas sociais, violentas ou dramáticas.
Vamos, que está arrasando a comedia lixeira, como eu lle chamo.
No fondo é significativo de algo. Que xa nos chega abondo o que nos rodea, o que roemos día a día. Cando temos un intre para o lecer, para poder soltar a cabeza, non queremos máis doses do mesmo, aínda que non sexa verdade.
Eu hoxe por exemplo estou un pouco así porque en cada cornecho da gardería atopo símbolos relixiosos, non só hai un belén en cada entrada, en cada corredor, senón que agora teño que mercar unhas figuriñas para que as miñas cativas fagan unha achega ao belén da súa clase.
E non só iso, tamén fan o amigo invisible.
Vale, a obra, as panxoliñas, os símbolos de nadal, non me parecen mal, vamos.
Pero tanto niñojesús, tanta virgenmaría e tanta carallada xa me están chegando un pouco á fibra.
Porque eu non sei se as tipas son choscas, pero eu computo só na súa clase un par de meniñas xitanas, que supoño que serán evanxelistas, polo menos dúas musulmás e pareceume ver un rapaz negro co pai que moita cara de ser de por aquí non teñen.
Vamos, que a sensibilidade das garderías públicas dame a risa.
Se non me chegaba o do proceso de castelanización profundo, a suba das taxas e outros pequenos peros, agora tope relixión, amigo invisible e hostias en vinagre...
Ains, se ao final, como dicía meu avó, a que máis escolle, é a que queda a velas vir...
Pois iso. Tanto escollín que me saíu furada non, o que segue...
Iso si, hoxe vou ao Corte chino e de figuriñas mándolle un pequeno buda, un herodes, un neno xesús negro, un porco celta ou unha galiña de mos... e a ver onde o recolocan...


10.12.12

português

Ultimamente con ese afán de non sentir que o tempo me escoa sen facer demasiado de proveito, alén do cotián que é ingrato, pero obrigado e ás veces ata satisfactorio, comecei a estudar portugués.
Debería de telo feito moito antes, a verdade, pero non foi así.
Lin con gusto literatura portuguesa ou en portugués en bastantes ocasións, pero o perigoso de ter como lingua nai unha irmá é que cortas as dúas polo mesmo patrón. Tratei as xemelgas coma un único ente, o que resolveu en ler á galega, sen prestar moito tino na fonética, nos xiros e incluso no vocabulario, que sempre tiras polo contexto, sen ir máis alá.
En realidade non foi por mala fe, foi por falta de tempo. Algo que me sobra ultimamente, non por gusto.
Así que para ir treinando non só folleo gramáticas, libros de literatura, senón que tamén escoito as noticias e leo os xornais portugueses.
Mal feito.
Só podo estar en modo dejá vu todos os días. O mesmiño que veñen eles pasando ímolo pasando nós cuns meses de diferenza.
Hoxe lia con certa incredulidade e abraio os próximos recortes que prevén na educación. Quítanse as "extraescolares", que pasarán a engordar os horarios lectivos dos docentes, que xa non só fan de pais, nais, docentes de todo, senón que agora tamén abranguen o mundo do tempo libre e dos complementos educativos-divertidos para os cativos... Iso e máis, foi só por poñer un exemplo. Amplíase o co-pago estado-familia, redúcese persoal, masifícanse aulas, réstanse servizos...
Pregúntome cantos meses tardarei en incendiarme comentando que o mesmo nos vai acontecer aquí. Probablemente non demasiado.
Para alén diso, descubrín un novelista que me gusta moitísimo, estou lendo a súa obra A máquina de fazer espanhóis, e creo que fixen mal, porque comecei pola novela que pecha o ciclo. A bo seguro retomarei, se teño a oportunidade, as publicacións anteriores. Agora non vou falar máis do asunto porque quero acabalo, dixerilo e despois, se iso, fago a miña crítica humilde.
Polo resto, pouco máis.
De novo Nadal.
Confío en que os anos impares sempre se me deron mellor ca os pares...

9.12.12

Momento...

Moitas veces cando saio de algo que me causa moito apuro, por non dicir que o pasei mal, que tiven vergoña, que me doeu ou que foi catastrófico digo: ai, que momento!
Eu son moi de falar moito, pero case sempre en petit comité. Cando o grupo se agranda, hai público ou moita xente descoñecida e que non quero facer sentir incómoda acaba sucedendo todo o contrario, que falo demais, boto por fóra ou monopolizo a conversa.
O outro día Carlos pediume que o acompañase para a presentación do libro, falamos un anaco da vida por teléfono e quedamos así, e hoxe entro no seu blog e vexo que é unha presentación un pouco máis que modesta e ao momento do apuro pensei: que momento, e coas cellas de Blas o de Barrio Sésamo, co pelo do pequeno dos Chichos e cunha pelusa que empeza a parecerse ao bigote de Cantinflas.
Pensar en todo isto significa só que me dá apuro, en realidade non é pola estética, en realidade é porque sinceramente, e non por falsa modestia, penso que non teño eu habelencia abonda para darlle entrada a alguén coma Carlos.
Ai, what a moment! Todo sexa porque lle quero tan ben que ata me merece o momento...
http://www.carloscallon.com/search/label/Luz%20Cures

5.12.12

Lingua proletaria do meu pobo...

eu fáloa porque si, porque me peta e porque me dá a gana...
E mira, que alguén queira que os seus fillos non teñan nin contacto co galego pois ata podería chegar a "empatizalo" se me apuras. Igual que non queiran que teñan contacto coa sida, coas drogas, co tabaco... se hai xente que pensa que iso pode influenciar de xeito negativo as mentes dos seus vástagos e das súas vástagas pois mira... tamén hai quen non deixa que beban polo vaso doutros, ou que compartan os xoguetes, ou que vaian a unha escola pública, ou que coman chuches... cada un, como dicía o carboeiro, na súa casa é o rei. Ollo, digo na súa casa, non no seu instituto.
Se senten vulnerados os seus dereitos porque haxa a opción da educación en galego deberían facer o exercicio de reflexión de ter en conta ata onde chega o dereito individual e ata onde pode ou debe chegar e onde están os límites ou limiares do dereito do alleo ou do común. Tamén deberían mirar un pouco o dos prexuízos, que son unha cousa moi mala para andar polo mundo.
Porque a liña dos dereitos neste caso debería ser ben visible, aínda que inxeplicablemente non o sexa.
Di o señor Wert que para todos estes pais e nais que se senten agredidos, coaccionados e baixo unha imposición tiránica de que os seus fillos teñan que saber máis, ten que haber unha solución, a opción de que accedan a un colexio privado que unicamente imparta "la lengua del Estado". Acabáramos. Ao mellor o que realmente está de fondo non é só a lingua, é outra cousa que lle chaman privatización e desmantelación do estado de benestar.
Pois ben, señor Wert, en realidade a min gústame que as miñas fillas estean educadas en dúas linguas, e sería un soño que puidese ser en tres ou en catro. A verdade é que para min, será defecto da profesión, o coñecemento suma, nunca resta. Está claro que todo o currículo é unha "imposición", desde a primeira suma e resta e o primeiro gomet amarelo ata o último exercicio de álxebra, o debuxo técnico, o how are you? e a tectónica de placas, por non ir xa máis alá. É lóxico que sexa unha imposición, e alégrome que se impoñan este tipo de cousas e non que saímos da costela de adán e que a terra convulsiona con volcáns porque o quere nuestroseñor... Acaso ninguén se acorda dos seus tempos de estudo cando pensabas Para que carallo me serve a min na vida saber que se un tren sae de albacete e outro de málaga coa velocidade constante e un leva un pasaxeiro dentro e outro unha mosca pousada, a que hora se cruzarán e a que altura? Iso só podes sabelo despois ao longo dos anos, para que era exactamente esta actividade e en que che axudou. Agradezo ata o infinito os meus anos escolares.
Iso si, cagueime nas monxas que nunca me aprenderon ben o de dereita, esquerda porque era máis importante o avemaría e o porla diario cando faciamos o parvulario, así que cando saquei o carnet de conducir caín na conta de que ou pintaba as mans, ou erguía unha delas ou tiña uns segundos de cancha ou non o sacaba na vida... quedoume a secuela dunha mala lateralidade, agora domino o uso da purpurina nas as dos anxos bordeados con punzón coma ninguén nesta vida. Algo tiñan que darme a cambio, non?
Pero ao que ía, señor Wert, eu estou contenta deste estado de cousas, no que as miñas pequenas vaian dominar á perfección dúas linguas, xa levan moito gañado e poderán acceder a mundos que os seus avós xa non puideron, porque non se alfabetizaron en galego, e cada vez que lles teñen que ler un conto primeiro teño que oír o de: pero que pasa, que só venden contos en galego nas librerías ou que? Non os culpo, sabe, pásalles iso que se chama dominio da lingua oral pero non escrita, fállalle unha das dúas competencias porque non tiveron a oportunidade de traballala (na escola, que é onde se aprenden este tipo de asuntos).
Si, señor Wert, en realidade este é o meu pan de cada día. E irá a peor, claro que irá a peor. Porque agora eu son combativa, teño man esquerda, paciencia e case, case, case, unha lei que me abeira, por se teño que citala nalgún momento. E aínda non me acabei de desgastar, aínda que a piques estiven algunhas veces.
Pero vostede quéreme deixar en bragas.
Quere que tire todos os contiños nos que investín os meus cativos investimentos no lecer dos meus.
Quere deixarme sen argumentos cando reclamo, polo menos, unha equidade.
Eu tamén me podo sentir discriminada, señor Wert, aínda que sexa unha minoría. Avulto bastante, non vaia pensar.
Non sei por que me dirixo a vostede, porque en realidade a súa sensibilidade é tan ruín que nin sendo ministro de educación se molestou en aprender un básico das linguas comunitarias para poder ler nada.
Será que é vostede un frustrado?
Eu tamén abandonei moitas veces o meu inglés, pero non desista, señor Wert, é satisfactorio ir alcanzando metas. Eu xa case estou lista para volver examinarme do B2. E estou intentando por fin ler o portugués coa súa fonética, e non coa miña. Fago grandes progresos cando realmente o intento.
Eu tamén quero un instituto para as miñas cativas que só sexa en galego. Do resto non se preocupe, xa me ocupo na casa. Déixeme algo que facer xa que me vai deixar sen traballo.
Sabe unha cousa? Eu son profe de galego, e sorprenderíalle ver o ben que adoito levarme cos profes de español, de francés, de inglés, ata cos de mate e de física. Habitualmente non temos conflitos, nin pelexamos polos marcos das leiras. Vaia, tampouco nunca me cadrou no insti de Gloria Lago, se cadra aí tiña problemas, ou non, se cadra acababa seducida pola miña actitude conciliadora e moderna.
Señor Wert, onte desexeille desde o meu corazón unha venérea que lle proese e que o apartase das súas funcións, pero en realidade ese non é o meu estilo, así que teño que dicirlle que me retracto. A ver se con iso o animo a poñerlle lume a esa trapallada que nos ten preparada e chama a xente seria e culta que o asesore, para volver comezar.
Señor Wert, non me veña fodendo tamén co da relixión, que teño as cativas sen bautizar, non me deixe co cu ao aire, fágame o favor...

4.12.12

Parecer gilipollas pero sen selo

Onte informándome, ou desinformándome do que pasa no mundo pensei en varias ocasións "estes tómannos por gilipollas, de verdade".
Non sei se realmente todos e todas están sendo conscientes de que as medidas máis sanguinarias coa sociedade se están tomando con premeditación e aleivosía.
A min subíronme a cota da gardería co curso xa empezado. E non 5 euros nin 10, senón 80. A curso comezado e nunha gardería pública. Pensei que era un escándalo, pero en fin, tamén pensei en que con iso polo menos contribuía a que no concello houbese máis diñeiro que revertese máis directamente noutras actividades. E deixeino correr, obviamente.
O das promesas electorais que non se cumpren e que se anuncia o non cumprimento xusto despois das eleccións pasadas, tanto galegas coma catalás é escandaloso e ademais atenta contra a intelixencia e é irresponsable totalmente. Alén do prexuízo que lles causa, novamente, ás persoas máis desfavorecidas.
Para ir mexar e non botar gota.
E todo iso cocido no medio de escándalos de corrupción e evasión fiscal daqueles que incluso se atrevían a dar leccións de economía á sociedade en xeral. É que...
Pero o que máis me amola é que medio Madrid saia á rúa para defender a súa sanidade e o imbécil de turno diga que só é unha demostración de afecto por parte da poboación. Pero que me estás contando, mamarracho? Agora definitivamente pensan que os fillos poden aprenderlles aos pais a facer nenos...
Hoxe descubrín algo moi curioso na seguridade social, a conta do das coberturas cando quedas sen traballo, non cotizas de ningún tipo, etc.
Se ti non cotizas, tes que amañar os papeis para ter unha tarxeta algo así como de "indixencia". Perfecto. Pero se es mutualista (un médico que exerza por conta propia, un arquitecto, un enxeñeiro, etc.) que cotiza para o seu futuro nun plan de pensións, quizais bo e caro, e que probablemente ten convenio con algunha empresa tipo Sanitas para que os seus poidan ser atendidos por médicos e clínicas privadas, ten dereito tamén á seguridade social dentro do cupo ese da indixencia se gaña menos de 100 000 euros anuais (quen di gaña di declara, que aínda me queda por ver que a xinecóloga me dea algunha factura algún día). Non sei se me expliquei ben. Ata agora, todos estes mutualistas, se querían ter servizo por exemplo co Sergas, pois tiñan que pagar un convenio ou unha parte ou algo semellante, pero agora coa nova lei xa non fai falta, porque como hai que sacar unha epígrafe para cubrir a todos eses "españois" que non teñen curro pero que son "españois", pois aí entra ese arco de xente, que non é "indixente" pero é "española"...
E así as cousas o resultado é que un señor de ben que gañe 99000 euros que traballe por conta propia, que cotice a unha mutua cun bo plan de pensións e con servizo sanitario privado pode tamén operarse pola seguridade social e levar os tratamentos que por desgraza teña que levar. Un inmigrante que gañe 300 euros terá que pasarllos practicamente íntegros á seguridade social para poder ser atendido por un médico de familia. Aínda que os dous pre-paguen este servizo cos seus impostos cotiáns.
E máis. Wert. Esa persoa que me esperta os instintos máis asasinos que pensei que nin tiña. Que esperar de que lexisle en temas educativos, de linguas e de currículos un ignorante? Nunca da ignorancia saíu nada bo a non ser por chiripa. A sensibilidade a este señor chegaralle o día en que o consuma unha venérea, que é o que eu lle desexo.
Parabéns, Valentín, a lei vaite amparar en todas as túas idioteces, así que, como di o outro, xa tes o campo sementado, agora chama a trilladora e a ver que pasa. Porque estou ben certa que cataláns e vascos remexeranse e atoparán baleiros e ocos por onde escoar, pero non nos enganemos, nin Feijóo, nin Rueda, nin Xesús Vázquez vai dicir por aquí non.
E a carta europea das linguas minoritarias, a constitución española e o estatuto de autonomía vano pasar polo forro dos seus traxes de esquiar.
E os demais pareceremos todos gilipollas, aínda que non o sexamos...
Hoxe é un día como para volver para a cama e seguir durmindo, espertar e pensar que o tema foi un mal soño.

2.12.12

No way...

Everybody, put your hands up in the air... and, hop, hop, hop, hop!!!! pa mi buchaca, pa mi buchaca, veeeña, sigan todos coas mans arriba, que isto é un atraco, pero como somos modernos, educados e do primeiro mundo neoliberal fagámolo a ritmo de britney spears, e se tal despois aínda lles pedimos que cubran unha enquisa para metroscopia...
Galiza quere ser saqueada, ouro, coltan, wolfram, pinos, vacas do leite, vacas de recría, o semental para inseminar, todo vale, con tal de que saia barato ou gratis e que os que tiren o proveito xa sexan ricos ou máis ca ricos.
O que digan os ecoloxistas, como diría o outro, non é máis ca un roñar por roñar, que estes sempre teñen algo que dicir, que parece que non quixeran que viñese o emprego ao país... é queeeee!!!!
E o dos indultos. Se me parecía un anacronismo a foto do rei e o crucifixo nas aulas, que uns políticos máis que cuestionables moralmente poidan andar perdoando débedas  coa lei, da tintura que sexa, xa me mata. Non me estraña que ultimamente se deixe ver tan ás claras que os axentes da xustiza comezan a estar ata as pelotas non, o seguinte.
Corrupción, corrupción.
Malversación, malversación.
Condonación, isto non, isto non.
Bah, unha pequena licenza creativa que me permito coa música dos Axóuxeres, que ultimamente é a que máis se oe por estes lares e que dá gloria de oíla. Que cousa currada, que vaca no millo! Pero igual é que eu na miña ignorancia non percibo eses decibels ou hertzios ou frecuencias que lle escapan aos meus oídos ignorantes e que para os infantes é coma estar na ópera por vez primeira...
Por certo, nunca tiven o pracer. As cousas de ricos sempre se me escaparon, vamos, que nunca tiven a oportunidade e agardo non espichala sen poder facelo. Aínda que tal como está o da cultura, calquera día fago o que dixen que nunca faría, que é o de fotocopiar os libros, porque na biblioteca xa nin renovan con novidades, que se lles acabou o chinchimony. Iso si, as luciñas do nadal para incentivar o comercio ascenden a 21000 euros, non sei se caravana de reis included ou non (que total sempre se suspende por chuvia), pero creo que só iluminación.
O comercio xa lles digo eu como se activaba, se a xente tivese cash para gastalo, porque a estas alturas de decembro eu só vexo carteis humildes con cartolinas de SALDOS.
Hoxe despois dun par de xornais e un par de telexornais voume quedar co único positivo. Que o rei sae por fin despois de 9 días da clínica e que o luns xa pode despachar (non sei se despacha o pan, uns billetes para o metro ou reparte sabedoría, así a secas). Grazas, tve1 por dedicarlle e cubrir na porta do hospital cunha unidade a noticia, varias veces ao longo do telexornal e con varias conexións en directo, marabilloso, marabilloso (ah, e xa se sabía que saía mañá, o de sacar a porta non sei realmente a que clase de mente privilexiada do xornalismo se lle ocorre, quizais empece por S e acabe por -ano...).
Iso si, a sesión de investidura estupenda, oiga, e a nai non fala que despois Alberto dille culo, culo, mamá no me avergüences (a verdade é que se o criou ela igual desvela algún segredo que todos cheiramos pero non verificamos por ser información de papel couché degradada, non información que achegue nada)... Iso si, os señores das preferentes tiveron que roelo debaixo da chuvia e sen seren portada de nada... é o que ten que lles importe un carallo ao resto da sociedade.
Onte vin O dictador, a película do rapaz de Borat, foi graciosa, a verdade, ten detalles bos. O único que diferencia o seu país do noso é que aí o ditador é parvo profundo e a sociedade crítica e intelixente pero sometida, facéndolle crer que son parvos e que o líder é a intelixencia suprema. Aquí temos unha democracia na que os líderes supremos se teñen polos máis intelixentes e á xente téñena por parva perdida, entón de democracia a eu-mesmo-comigo-cracia non hai nin unha delgada liña...
E pareceume interesante unha carta ao director xa non sei de que xornal que dicía marea branca, marea azul, marea negra, amarela... se de verdade toda a marea fose unha, na defensa dos intereses comúns por riba dos particulares quizais outro galo nos cantara...
Pero claro, edúcannos para consumir e mirar para o noso embigo, e non para o embigo que flutúa por riba... de aí que flipe a da biblioteca véndonos consumir lectura e non libros... porque o que se leva é mercalos, non usalos, e un atrás do outro, a ser posible...
no way, no way...

30.11.12

Run, Forest, run!!

Unha parella de anciáns mátase e suicídase (neste caso teño que usar matarse, porque matar non se axusta á realidade) para non ser unha carga para a súa familia.
Os directivos que cobren unha paga de máis dun millón de euros terán que tributar unha porcentaxe máis alta. Acabáramos.
O goberno non actualizará co IPC as paguiñas do Nadal, nin as que seguen.
Parece que Novacaixagalicia vai ser vendida ao mellor postor.
Non estou segura se as trenzas das infantas llelas fai Letizia pola mañá ou se teñen unha peiteadora para a ocasión. O caso é que ocupan portadas co modernas, altas e guapas que son.
Na gardería das miñas pequenas xa non falan o galego.
Os tribunais din que nanaina de facer unha enquisa vinculante, que pero que é iso?
Valentín é o valente detractor da (des)política lingüística. É ben certo que outros virán que bo te farán, penso isto mentres leo as chorradas que saen pola súa boca cando fala de que nunca a enquisa enfrontou a ninguén. Este debe vivir no país da piruleta e do algodón de azucre. Se xa tiña malas referencias súas, agora xa non pode tocar máis fondo.
E os señores do meu banco pásanme a factura polo descuberto e dinme que definitivamente que me dean polo saco, que non mo solucionan e punto pelota.
Se eu me sinto estafada e con carraxe que me abrasa, non quero pensar nos estafados polas preferentes.
Unha señora con demencia acusada que morreu deixou unha herdanza incrible metida en preferentes e outros valores que amablemente lle foi movendo o director de Novacaixagalicia. E din as veciñas que a señora aínda pedía o pan en pesetas, ela nunca chegara a incorporarse ao euro.
E os discursos políticos soan tan baleiros, falsos e cheos de mentiras que che dan gana de vomitar.
E a bronquite tennos atrapados entre catro paredes desde hai xa logo unha semana.
E non podo pechar a conta porque me deben unha pasta uns desgraciados que sei que nunca ma pagarán. E que tampouco podo reclamar porque as taxas serían máis custosas ca o propio beneficio (digo taxas, e non custos). E entrementres van saíndo descubertos por anotacións xa dadas de baixa.
Aquí o máis tonto é o que fai aeroplanos.
E a miña comunidade perdeu o norte e queren facer derramas para cuestións que se lle meten entre cella e cella a uns cantos.
E así seguimos.
Neste estado de cousas.
Mentres o meu colega Carlos está sendo xulgado por dicir que un xuíz incumpría e incumpre reiteradamente a lei. Un xuízo que non ten xeito nin traza.
E se isto fose unha peli, alguén diría con bastante desesperación: run, forest, run...
E outro máis egoísta pensaría: sálvese quen poida, este barco xa vai á deriva!

28.11.12

A era postfacebook

E vaia por diante que as valoracións sempre son parciais, obviamente, por iso se chaman valoracións. E eu non son socióloga, nin psicóloga, só acabo en -óloga pero non está moi ben visto, así que aforro en afondar máis.
O caso é que houbo unha temporada que tiven un facebook raruzo. Outra temporada pecheino. Volvino abrir para ter só os amigos que non podía ver en persoa. Despois volvino pechar. Despois volvín ter outro polos rapaces, pero vin que non había necesidade, así que tamén o quitei.
En fin. Que ao final non tiven ningún máis.
O negativo, o único negativo, que si que en realidade hai información que perdo e que me podía gustar sabela e tamén deixo de estar en contacto con xente coa que non me vou poñer con correos e chamadas un día si e outro tamén.
O positivo, bufff, demasiado positivo para contabilizalo todo. Para empezar, non me poño ao día do que en realidade non vai comigo, non me achega nada e non teño por que coñecer.
Unha vez lera unha historia por aí de alguén que corría cun díxome-díxome ata outra persoa e esta díxolle: antes de contarme nada, necesito que o que me vas dicir pase tres filtros. O primeiro creo que era se o que ía contar era veraz e o sabía de primeira man, o segundo se era algo que lles incumbía ou eran parte interesada e o terceiro se iso prexudicaba a persoa. Ben, ao mellor non era así exactamente, pero por aí ía.
Está claro que con moita xente fas o xogo de contar o que queres, contar a medias ou o que sexa, pero con outra ata che resulta perturbador.
En fin, o de sempre, o de ollos que non ven, corazón que non sente; en boca pechada non entran moscas, etc., etc., etc.
O resultado do meu cativo experimento é que agora o teléfono sóame bastante máis, quedo máis coa xente, a xente vén máis á miña casa botar un conto, non me afectan as pequenas "parvoíces" de amigos e coñecidos porque non estou ao tanto, e tampouco estou collendo en mentiras recorrentes a ninguén.
Porque ao final isto de mentir co facebook polo medio era case unha película de ficción científica. Ao final teñen razón as series barateiras de que un mente máis que fala.
En resumo, que poñendo na balanza positivo e negativo, pesa máis o positivo, así que me cunde abandonar o facebook, iso que desde que o pechei este blog perdeu visitas a esgalla.
O que tamén me serviu para comprobar que non é de interese xeral ou xeneralizado e que moitas das visitas só resultaban ser un clic, e non un verdadeiro exercicio de lectura.
Unha vez un amigo convidoume a ir a unha terapia de grupo para o autocoñecemento ou algo así. Tiven intención de ir pero finalmente xurdiume outra historia nesas datas e non puido ser. El dicía que era un xeito de aprender a aceptar parte de nós e non sei cantas lerias máis.
Despois lin un pouco sobre o tema. A todos nos custa aceptar certas cousas e é síntoma de madureza ilo facendo.
Non sei se é polos tempos que corren que me deixan tanto oco para remexer e reflexionar, pero creo que cada día acepto mellor os fracasos e as frustracións.
Iso ou que realmente a miña vara de medir travestiuse de tal xeito que xa nin a recoñece nin a nai que a pariu.
O bo da era postfacebook é que os pequenos momentos, os pequeniños, son moito máis significativos ca todas as maiúsculas e posteos do mundo. E dio alguén que acaba de tomar o café coa última galletiña que lle mandaron de agasallo nun precioso tarro de cristal.
Xa o dixen en moitas ocasións, pero non me hei cansar de dicir que nesta cabeza envurullada están ben anotados os nomes de todos e todas os que seguiron e seguen aí, de preto ou de lonxe, pero que sei que están aí, sen necesidade de máis. A todos e a todas eles e elas (que son moitos, polo que non deixo de sentirme afortunadísima) obrigada!!

26.11.12

Unha alegría

Que só me rende satisfacción persoal, pero no tempo que corre xa bo é.
Resulta que hai un tempo unha persoa contactou comigo para que lle axudase cun texto que estaba escribindo. É unha persoa de fóra, que non foi escolarizada en galego e que o fala máis ou menos (comigo sempre facía un esforzo grandísimo e moi loable). O caso é que foi construíndo a súa idea coa axuda de dicionarios, correctores, fillos e moita forza de vontade, para poder pasarme o texto o máis limpo posible. Pois ben, onte chamoume todo contento para dicirme que era finalista nun premio literario bastante importante e que estaba que non cabía en si. Chamoume a min antes ca a ninguén.
Quedei contenta e como estamos en pleno proceso vírico con todo o que iso implica, despreocupeime de eleccións nin de caralladas.
Creo que vou centrarme máis no micromundo e pasar algo máis do outro, que só me dá dores de barriga.
Acabei de coser todas as camisetas pendentes. Míroas e non sei se rir ou se chorar.
Chasco dime que teño que alegrarme de estar facendo cousas chulas, aprendendo portugués e esas cousas ás que me dedico por necesidade de encher horas, pero a verdade é que seguramente terei que estar asfixiada de tempo para poder aprecialo.
Por agora véxoas e penso, mecagonodemo, que maneira de rañar o cu e espiñar os dedos todos!
De calquera xeito, aquí deixo a ligazón, para que botedes un ollo. Mellor iso ca zapatearme vendo series día e noite comendo hamburguesas... ainsss!!!
http://reciclaxemaridaxe.blogspot.com.es/

25.11.12

A vida molaba máis cando che contaban un conto e non tiñas que facerlle a comprensión lectora

Supoño que estaredes comigo. Escoitar por escoitar. Oír por oír e despois cada un xa vai vendo ao longo da vida como calou a aprendizaxe.
A min ás veces asfíxiame o de ter que estar lendo e facéndolle a comprensión lectora a todo. Se o xornal é de aquí ou de acolá, a que intereses responde, de quen vén sendo, quen é o que asina, é un editorial ou é un comentarista libre, que é o que di, que é o que quere dicir...
Estou desexando que chegue a noite e ver que é o que pasa definitivamente en Cataluña.
Non é que me preocupe en exceso, só é que na miña cativa cotidianeidade agardo que algo se mova, que algo pase e que non sexa sempre malo, sempre virando cara a dereita.
Ando dándolle voltas ao das taxas e paréceme tan escandaloso.
Se un tarado ou tarada vai a por ti, despídete de velo ou vela nos xulgados, a non ser que vaias sobrado.
Se tes un accidente e queres reclamar a indemnización que che corresponde.
Se mercas un piso e comezas a velo cheo de defectos.
Se o banco che roubou todo canto tiñas.
Se un veciño di que a túa leira é súa.
Ou a túa casa é súa.
Ou a túa vida é súa.
Se te despiden inxustamente.
Se te divorcias xustamente.
Se queres cambiar un réxime de visitas...
Todo. Todo. Absolutamente todo queda nas mans de quen máis ten.
Vamos, que a igrexa se xa o viña tendo o que se di fácil para quedarse con propiedades e paguiñas dos vellos, agora xa non quero nin pensalo. Inmatricular non, o seguinte.
O que só vén favorecer de novo que non se denuncien certas actitudes, prácticas, etc. abusivas cos de sempre.
Por exemplo a semana pasada pasáronme un recibo que non debían nunha conta na que apenas teño cartos. Fixéronme un descuberto, así que tras devolvelo, o banco pasoume a súa persoal factura por terme adiantado eses cartos. E a resposta é que eu non o des-domiciliara, así que eles non podían saber se estaba ben ou non. A culpa foi miña por deixalo en mans alleas, o tema, quero dicir, porque o de non ter pasta vén sendo que non é culpa miña (de todo). Total, que se quero reclamar teño que pagar como sete veces máis de taxas. Toma moreno! Así que a miña conta pendente coa administración por esa tangana que me fixeran recualificándome o piso vai quedar en nada. Para a administración os meus 700 euros son porca miseria, poden seguir axuizando o tema ata que me aburran...
E agora é cando lle empezo a facer a comprensión lectora a todo, e xa non acabo de gozar de nada.
Estou temendo a escolarización das nenas e que teñan que entrar nese mundo das comprensións lectoras, onde non estarei eu para dicirlles un día que o lobo é peludo e rabudo, outro día que é un carnívoro agresivo, outra que come papas de arroz, ou que só quere xamóns salgados, por iso non papa os porquiños. Un lobo bo e outro malo, sen cuestionar a idiosincrasia do lobo, que é lobo á fin e ao cabo.
Despois será un lobo mamífero, carnívoro, con nome, que sempre procede do mesmo xeito, que comerá os porcos porque é a súa natureza depredadora. O primeiro porco será o de menos idade, o segundo o irmán do medio (que sempre é o máis prexudicaco nas relacións paterno e materno filiais segundo a psicoloxía familiar), o grande o máis sabio porque ten máis mundo e tamén unha diplomatura en arquitectura de interiores e sabe distinguir o pladur do ladrillo, ademais é espelido e constrúe sen licenza de obra maior no medio do monte, porque sabe que alí o Sixpac vai ver dende o satélite un galpón para ferramenta, e iso en terreo cualificado como rural está permitido.
Total. Benvidos ao mundo da comprensión lectora.
Iso si. Mal entendida.
Cando fixera un curso xa non lembro de que, fixeramos o triste experimento de abordar tres ou catro comprensións lectoras de diferentes manuais sen termos lido primeiro a historia. O 90% das preguntas resolviámolas só con ir co dedo debaixo do texto.
Para ir intelixentizando os meniños. Que non lles voe a imaxinación demasiado.
Que prexudica este socialrealismo que lles encanta aos políticos que nos gobernan.
En fin... para ser domingo non está mal a vea mala que me está saíndo coma un sarabullo no cu.

23.11.12

Quieto todo el mundo!!!

Nos próximos tempos quédame por ver nos programas de opinión e debate a miña prima a chosca, que só vive da sabedoría popular e do refraneiro tradicional.
Se chove diche que nunca choveu que non escampara, e se non chove diche que ha ter que chover porque o ceo ovellado trae auga asegurado.
Miña prima a chosca é coma sancho panza, que tiña sempre a dose de realidade concentrada en aforismo, refrán ou dito para matar a imaxinación de don quixote.
Así que non o pensei máis e fíxenlle un currículo bonito, coa súa foto do lado bo e unha carta de presentación para mandarlla a diferentes canles, non vaia ser que ao final a parva que pensamos que acabaría atropelada (por ese costume que ten de non arredar dos coches cando veñen polo camiño), pero inda nos ha sacar a todos de pobres coas súas ideas.
Ela é moito de pensar coma a corrente que está de moda. Non é nada moderna, aínda que despois faga o que lle peta. Ela está á dereita da dereita e se ten que usar medios punitivos para alcanzar os seus fins non se corta. Ademais, como non as pensa, di o primeiro que lle vén á boca, así sexa a atrocidade máis grande.
Tamén ela sempre foi moi fan de Tejero. De pequenos xogabamos moito ao Quieto todo el mundo! e tirabámonos no chan atemorizados.
Era unha mágoa que ningún adulto nos explicase que houbo quen non se tirou, iso houbo que sabelo despois co tempo.
O caso é que miña prima a chosca desde que saíu Tejero falando de "Arturo Mas" está que lle ferve o sangue. Eu expliqueille que non era autoridade moral ningunha, e que as súas opinións eran tan ruíns, cutres, infundadas ou prexuizosas coma a de calquera outra persoa normal e corrente desas que opina de todo aínda que non saiba de nada.
É Tejero, nena, díxome ela. É unha autoridá.
Estes cataláns...
Eu despois de todo o circo que se está montando e desta cruzada persoal que montaron os do Mundo (que como sexa verdade pois haberá que actuar do mesmo xeito que habería que actuar con tantos e tantas outros e outras), pero como sexa mentira é para darlles ata no carnet de identidade.
Pois iso, que despois de todo o circo dáme gana ata de censarme en Barcelona e facerme independentista non, o que haxa máis arriba aínda.
Que maneira de botar pola boca, é unha billa aberta botando xurro a feito, sen cortarse nada xa.
Pero bueno, todo sexa por sacar unhas perrillas, mandamos a miña prima e a ver se non se converte nunha contertulia con éxito toda aquela na que se presente.
Tamén quería que a adoptase Tejero, pero cando lle ensinei a foto da praia e o viu tan desmellorada creo que dixo que mellor de secretaria persoal, que xa é moi maior para ser adoptable.
Eu non sei se debaixo da súa capa de muller inconsciente pero botada para adiante non haberá algunha ansia de vinganza. Esta éche moi teimuda. A min aínda me cobrou hai poucos anos aquela vez que na praia a tirei da lancha de goma. A pouco máis non a conto. Estabamos no porto de Malpica e arrimeime á beira para ver como os muxes se arremuiñaban e ela empurroume con todas as ganas.
Cando asomei a cabeza, era outono, xa ía frío e non hai idade xa para estas cousas a plena luz do día, díxome que ma debía pola vez que case a afogo. E pasaran máis de vinte anos.
O caso é que cando escoitou o tema da suba das taxas de Gallardón empezou a pensar no seu tema e a preguntar se agora se lle complicaba o asunto da demanda do seu.
O seu é o de moita outra xente, os pais metéronlle a paga nas preferentes e mais os aforros de vender a cota do leite. Ben, seus pais non, exactamente, en realidade pensaron que os tiñan nun prazo fixo, que lles recomendou a directora, que é veciña de toda a vida.
O caso é que agora non están nunha situación moi alá e recuperar os cartos xa case o ven imposible, pero outro veciño que é avogado xuntou uns cantos veciños para animalos a denunciar no xulgado.
El dixo que só cobraba se gañaban, xa case é unha vendetta persoal, porque os seus avós (un xa morreu) están no mesmo caso.
Pero agora con isto de Gallardón, aínda van ter que pedir un empréstito persoal para pagar as taxas, que a algún alcánzalle os 5000 euros, iso se non hai tres chanzos que subir na escala xudiciaria. Vamos, que o banco resistirá e recorrerá contra todas as sentenzas que poida, iso é obvio.
Eu non sei se miña prima a chosca quedou tocada co tema e aproveitou a leria de Tejero para pedirme o do currículo. Eu fíxeno de boa fe, pero agora que o penso mellor, igual xa non é tan boa idea.
Mesmo se presenta en teletorito para botar por fóra contra o aborto, contra os nacionalismos periféricos e a loar a personaxes máis papistas ca o papa, as faes, o foro da familia, os parlamentarios retrógrados de Bruxelas e acaba sacando a escopeta de caza e montando a de san quintín.
Porque unha cousa si que ten, que primeiro vai ela e despois o común.
Ai mamá, creo que me metín nunha boa!

22.11.12

Icía

Hoxe vou facer un aparte só para apearme do mundo e contarlle á miña pequena, por se algún día isto sobrevive e chega ela a ser unha adulta interesada polas ideas que poboaron a cabeza da súa proxenitora, que o seu nome é significativo na cultura que nos rodea.
Icía vén sendo o equivalente de Cecilia en castelán, aínda que moita xente lle chame Uxía, Lucía, Cintia (¿?), Mencía... e se pregunten por que estraña razón dous pais inconscientes elixiron un nome estraño para unha meniña e nos pregunten de que é hipocorístico (non con este palabro, obviamente) ou de que lingua vén sendo.
Estraño non é. Hai centos de parroquias en Galicia que se chaman Santa Icía, e unha chispa de ermidas e igrexas teñen santas Icías, aínda que como se di todo xunto xa se perda a noción do mundo.
Unha vez escoiteilles falar mal a unhas señoras do nome de Paio, que non se explicaban de onde diaños saía, e elas eran da parroquia de Sampaio (!!!!!!).
Por iso que non fixemos nin caso nin consulta á hora de elixir, porque o falar non ten cancelas e era cousa nosa. Iso que ata quen nin tiña que opinar opinou (véxase as matroas que me atenderon no tramo final!!).
O caso é que para a relixión católica (nesa na que estamos mergullados queirámolo ou non, que mira, a min moléstanme os curas, o que a historia da relixión e o que iso implica non quero nin debo obvialo, porque se non custaríame poder explicarme desde un retablo ou unha vidreira ata a idiosincrasia de todo canto toco e respiro) festexa hoxe, o 22 de novembro, a Santa Icía, patroa dos músicos, entre outras cousas.
Congratúlame saber que Santa Caecilia de Roma era unha muller intelixente que tocaba o órgano e que compoñía música e non que era unha pirada que levitaba ou alucinaba ben coa fame ou ben coa falta de ter necesidades básicas cubertas (e non vou explicar cales porque cada un sabe das súas).
Pois hoxe teremos festa do gusanito, do floco de millo e fixo, fixo, fixo bailaremos unhas cantas cancións na casa.
Á pequena encántalle cantar, bailar e xa non digo tirar de trompeta, xilófono, pandeireta, frauta e todo iso que lles rechifla aos veciños, pero iso non creo que veña dado polo nome... vén dado pola idade, non vou perder aínda a perspectiva!
Parabéns, pequena Icía!

21.11.12

Dixerindo

O que acontece con Palestina e Israel.
Onte vendo esas imaxes a verdade é que non che presta ningunha outra cousa.
E coma sempre os nenos e a poboación civil en xeral é a máis prexudicada.
Onte era o día do neno e de novo as cifras dos nenos e nenas que viven baixo o limiar da pobreza é escandaloso.
Eu non sei de verdade a que andamos.
Ao final é verdade que homo homini lupus est.
Din os vellos que polo menos hai que botarlle 20 anos para acabar de saír deste burato.
Moita vergoña paso ás veces vendo en que se converteu este mundo.

19.11.12

O último chiste

Por un piso de máis de 160000 euros regalamos un permiso de residencia, e convertémoste nun tris dun cidadán de cuarta ou quinta categoría nun conxénere querido porque colaboras co de quitar o parque inmobiliario de diante.
Agora só podo velo coma un chiste. Máis adiante en canto o pense ben igual volvo ao tema.
Fraude fiscal.
Branqueamento de cartos.
Dación en pago.
Rescate.
Mercado financieiro.
Mercado inmobiliario.
Preferentes.
De verdade é todo un chiste sen graza...

Que me coma o tigre

Como xa esgotei o de "marabilloso, marabilloso", que dito así queda como algo raro, voume pasar a que me coma o tigre.
Canto máis sei do que se corta no mundo da política máis me digo, que me coma o tigre.
Isto é un despropósito atrás do outro.
Cando mellor se vai poñendo o mundo laboral máis me digo, que me coma o tigre.
Eu xa non sei onde imos ir dar.
Cantas máis incongruencias vou vendo por aí adiante, máis me convenzo, que me coma o tigre.
Isto é un non parar.

Vaime resultar ata difícil e complicado transmitir os valores que quero transmitir, porque me fallan as palabras, os discursos fan augas por todos os cornechos, boicotéanme un día si e para o outro tamén e ao final nin eu mesma creo no que estou dicindo.

Xa comecei o curso de portugués. Non o vou xulgar polas tres primeiras horas. Os comezos sempre son así un pouco estraños. Só podo dicir que creo que resultará menos aproveitable do que considerara nun principio...

E o mellor da fin de semana, á parte dos meus sobriños, un que ri por todo, un que xa razoa e outro que me dá unha de cal a bicos e unha de area a hostias (ao final é o máis sabio dos cinco, que di que si a todo e despois fai como lle peta), foi resolver a papeleta dos agasallos de Nadal, antes de que teñamos que saír na portada da Coz de Galicia co titular de "Ya le he dicho a mis hijos que esta Navidad los Reyes vendrán pobres también".
Como lles gusta aos xornais de media tinta andar de vila en vila buscando familias empobrecidas, "desestruturadas" e con problemas para sacalas na portada. Que digo eu que ben podían atallar o asunto doutro xeito e mellor podían durmir... cousa noxenta, vaia.

Arrinca a semana, levo dadas tantas puntadas que teño os dedos coma coadores, pero polo de agora éche o que hai, iso e revisar o Saramago (ou Sara Mago, como lles gusta aos señores políticos de cando en cando) na súa lingua nai.

Iso e investigar a empresa esta que anda a facerse coa sanidade e que parece que limpa, limpa, limpa non é, por moito que nolo queiran vender. Coma sempre, outra vaca no millo!

Pois a min que me coma o tigre.

16.11.12

Obxección de conciencia

En tempos valeu para que moitos destinados a cumprir o servizo militar non pasasen por iso e tivesen un xuízo, que podía acabar no cárcere, con servizos forzosos, etc. (antes da prestación social substitutoria) segundo o xuíz que che tocase en sorte.
Se era pro-homes varudos ao servizo do Estado tocábache o peor, se eran pro-liberdade de elección saías mellor parado. Como escoitei dicirlle a un xuíz dos pro-liberdade, aproveitando baleiros legais e interpretacións subxectivas, eu non condenaba a ninguén. E sabía que moitos confiaban en que lles tocase eu como xuíz, aínda que os casos se reparten.
Onte vendo un debate sobre a lei para a paralización dos deshaucios que se vén de aprobar, atopei un xuíz que me caeu moi ben. Tamén a rapaza que representaba as plataformas Stop Desaucios, unha muller chamada Ada, pareceume intelixente, desenvolta, boa comunicadora, etc.
O xuíz razoou con bastante excelencia o estado da cuestión, o abusivo que resulta, o que lles custa aos do seu gremio mandar executar sentenzas que saben inxustas e inmorais e non se achanzou ante os ataques que recibía, máis ou menos abertos ou velados, dos compañeiros de mesa, case todos xornalistas ou afíns ao goberno e á súa flamante cabeza pensante.
Fernando Ónega tiña que pasarse xa aos programas do corazón. O que lle vai realmente é facer crónica amarela, rosa ou con tinturas de drama. Este señor tiña que deixar o xornalismo supostamente serio e botarse a escribir novela, tería máis éxito. Aínda que teña unha voz bonita, que llo recoñezo... (ainssssss).
O caso é que explicaban como non podían acollerse a obxección de conciencia. Ten que ser duro non poder facelo.
Algo diso din tamén os policías que cargan nas manifestacións, aínda que á vista das imaxes ben se ve que algún "goza imenso" repartindo hostias aquí e acolá. Que eu ben coñezo uns cantos que no instituto pensabas ti: este máis cazurro non nace, e anos despois párame nun control de tráfico, por dicir un exemplo.
Está claro que xente pacifista e que aprecie os dereitos humanos, o diferente, etc. non ten de vocación servir "las fuerzas del Estado", ou polo menos quédame por coñecer un ou unha.
O caso é que esa mesma obxección de conciencia é a que non puideron alegar os médicos irlandeses que deixaron morrer unha moza india embarazada e co feto de 17 semanas agonizando mentres latexase o corazón do "meniño", porque a lei di que nai e fillo teñen dereito á mesma protección e o aborto está penado.
O feto botou esmorecendo días e a nai esmorecendo a canda el, impotente a pesar de non ser católica e estar actuando de boa fe e de maneira xustificada.
Quero dicir que cando se pasa a un estado totalitario e só se pode actuar segundo o que marca a lei e segundo unha única interpretación e visión do mundo, estás jodido.
A xente que perde a casa porque avalou a outros está jodida, non entra en ningún caso.
A xente que xa a perdeu e sigue pagando, outro tanto.
A xente á que lle dan dous anos pero á que lle siguen subindo os xuros tampouco vai poder saír do burato.
Unha bolsa de vivenda social... vivenda que? Iso xa existía e incluso para acceder a ela os requisitos son imposibles.
O da moratoria só é un falar por non estar calado e casualmente coincide co que os bancos airearon xa hai unha semana, e casualmente non se pacta con ninguén...
Que asco me dá este puto estado de merda en que nos atopamos. Estamos nun autobús conducido por catro tarados que non saben as normas de circulación, pero que pensan que conducen de pingas porque levan o GPS que os mercados lle instalaron no guiador.
E se os de atrás van mareados, enfermos, vomitando, sendo violados, expoliados, etc. tráella ao pairo.
Quédame por ver a puñeteira curia falando máis dos desahucios, da pobreza, do abuso, da corrupción e menos da familia que non saben o que é nin de lonxe, nin das preñeces alleas, que xa teñen abondo con desfacerse das propias...
Hoxe quen me dera ser un antidisturbios, que ben sabía onde ir repartir. Iso si. Ao abeiro da lexislación vixente. Todo correcto.

15.11.12

Porca miseria

Indo ao cotián ás veces decátaste de que nun tris a vida pode virarse e poñerte pernas para arriba (e non como di a canción, que aínda non sería para queixarse).
Ultimamente no pequeno club de vecindario que montamos uns cantos para amortecer as horas de parque, limpeza e vida caseira moito aprendo da vida.
Supoño que me faltou vivir unha boa parte de circunstancias que obviaba ou deixaba de lado porque estaba demasiado ocupada sacando adiante outras que me parecían prioritarias.
Que non ten mal ningún, só que é así. Cada un parece que elixe moito pero no fondo non é tanto así, parece que o camiño non sempre o pode ir un trazando conforme lle vaia o día, pero case sempre hai que ir andando por onde che din, por onde che mandan, ou por onde che xorde no momento.
Non está mal levar doses de realidade de cando en cando.
Aínda que che creen ansiedade, tamén che vai dando outros puntos de vista para ir xestionando o que che toque.
Non é unha entrada escurantista.
Só se me ocorreu cando estabamos facendo unhas camisetas, falando de chorradas e botando unha risa, por non pensar que nos atopamos coma nos anos setenta, facendo o que facían as nosas nais e avoas pero por riba pensando que nos estafaron ao contarnos que iso con nós non ía pasar.
Cando te educaron para unha cousa é complicado atopar outra e contentarte con ela.
E entón algo quedou mal e dixen, bah, non pasa nada, que ninguén se preocupe, non vos agobiedes que hai máis material para repetilo.
E soou un, non ho, por iso non me preocupo nin me agobio. Agobiar hai que agobiarse por outras cousas.
E o silencio.
Hai pouco, vendo unha reportaxe sobre o estado xeral da economía das familias pensaba eu que, cando se acaba o traballo e empeza a escasear a pasta, a vida deixa de ser divertida.
Tanto ten se tiñas máis ou menos, se vivías mellor ou peor. O caso é que todo se complica.
Así que pensei que vou ter que aforrar nesa maneira que teño eu de dicir sempre o de non te preocupes, non te agobies, porque cada un xa saberá o que ten que facer.
E así o outro día non sei por que me queixaba eu e unha das miñas pequenas dixo: mami, non te popupes...


Hai que andar con mil ollos e douscentos oídos. Non é?

Folga de consumo

Cando a un o pillan parado e non pode sumarse á folga pois polo menos colaborar coa folga de consumo. E onte non movemos o coche, non mercamos o pan, non tomamos o café en ningures e só gastamos e usamos o imprescindible.
Supoño que é un xesto que se lle ocorreu a moita outra xente que nin puido facer folga por non ter emprego, nin puido acudir ás manifestacións.
Congratúlame que fosen un éxito de participación. A pesar da portada do Mundo e dos comentarios do TDTParty-teletorito... que non sei nin por que lles presto atención, coa mala hostia que me contaxian.
Dáme, iso si, un arrepío pensar neses concellos (todos gobernados polos pepperetos) que prenderon a iluminación pública para que houbese gasto enerxético...
Hai detalles que xa non é que penses que son inmorais, é que che remexen ata o pan do almorzo. Unha baixeza tan ruín que non ten nin explicación. Darlle a cabeza para facer iso é inaudito.
Coma sempre, datos contraditorios e informativos baseados en anécdotas.
O da información pola tele estase poñendo fino, fino, fino...
En fin.
E hoxe coma se fose luns.
Vou comezar un curso de portugués, a ver se así poño as pilas e me presento ao exame do B2, por iso da inmersión na lingua irmá (teño que resarcir vellas feridas de tempos universitarios) e por iso de ir facendo currículo, que xa nunca se sabe...

12.11.12

Jordi Évole

Sempre dixen que cando me reencarnase, se é que teño esa opción algún día, pedía ser Beyoncé.
Por iso de ser explosivísima, sensualísima, riquísima, cantar e bailar ben e por riba nin ter que abrir a boca para que todas as portas se abran ao meu paso.
Pero a verdade é que estou pensando que mellor prefiro reencarnarme en Jorde Évole e ter a oportunidade de ter cara-a-cara con certa xente que, se non ten pudor para poñerse colorada, que se vexa que eu tampouco para formular preguntas incómodas.
E por riba cun sorriso e cunha cara de estou-pensando-que-es-un-gilipollas-do-peor-pero-quero-que-todo-o-mundo-o-comparta-comigo-mola-ehhhh-?????
Pois si. Ultimamente flipo bastante con que o programa que máis ao día te poña do que se coce no universo paralelo chamado mundo-político-e-da-administración sexa un suposto programa de humor, escarnio e maldizer.
Os debates, aínda que algún sexa aproveitable, ao final quedan en media tinta, porque á xente dálle pudor falar abertamente e cando o fan só é para o recurso aínda non esgotado do e ti máis, e ti máis, e ti máis...
O seu programa Dedocracia de onte non foi máis que poñer á vista co que todos levamos medrando toda a vida, que a filla da costureira empeña os seus pais para estudar ata os 30 e sacar unha humilde praza de funcionaria na que cobra un soldiño digno por un traballo que desempeña con afán e seriedade e os fillos do da fábrica levan entrando e saíndo de concellos e deputacións en coches de alta gama desde que teñen a idade de conducir, facendo non se sabe moi ben o que, pero que lles rende abondo para mercar o piso, facer o chalé e pasar unha vida como se di falando mal, de putamadre.
Quixera ser Jordi Évole para preguntarlle a eses asesores por especificacións técnicas que deberían dominar xa que é o que lles vai supostamente co cargo e insistir e reconducir o tema ata que sobre a mesa quedase ben patente a súa incompetencia en moitos casos.
E preparalles unha cea de confraternización cos funcionarios e interinos que poderían desempeñar exactamente o mesmo traballo pero de maneira máis aséptica, por dicilo dalgún xeito. Unha reunión amable para falar de traballo.
E dicía o presidente da deputación de Alacant, que non lle subían as cores nin á de tres, que eran cargos de confianza, coma eses cargos que se arrastran desde o medievo de asistentes das autoridades.
Enténdaseme, que non é unha criada de confianza do cura, é outra cousa.
É obvio que cando non se trata dunha xestión transparente, unha axenda pública, un cargo sen cargas, precisas que o que teñas para agachar ou ocultar non estea da man de funcionarios honrados, senón de amigos, fillos de amigos e familiares que están na mesma allada ca ti.
Neste caso hai que meter la polla en la olla e compartir olla e polla todos xuntos e revoltos, por iso de que se cae un caemos todos e a ninguén lle interesa caer.
E enténdase que a min me parece ben que se elixa xente capacitada para os postos, non necesariamente todo ten que pasar por unha oposición.
Digo que me pareceu ben o señor este que aparecía que era unha especie de "buscador de talentos" para empresas e administracións (estranxeiras, polo que dixo, nunca estas, que o talento vai na liñaxe).
En fin.
Oxalá eu me reencarne en Jordi Évole, porque tería temas e cara para estar en prime time de luns a domingo e aínda con todo non queimarme.
Señor buda, se me estás lendo, anota isto no caderno, desbórrame de Beyoncé e apúntame con Évole.

8.11.12

60 solicitudes - 1 probable posto...

Onte dúas noticias quedáronme na cachola dálle que dálle. Esta noite soñei tamén un pouco con iso. Centos de persoas durmindo ao raso para esperar que alguén dos 60 primeiros desfalecesen e desistisen do intento e coller o seu posto.
60 persoas sen máis perspectiva ca a de optar a un probable posto.
Que nin sequera está asegurado.
Agora eses 60 poderán acceder a un exame: matemáticas, psicotécnico, conceptos básicos... (espero que non teñan que pagar por facelo, que sería xa o acabouse do asunto). E deses un afortunado quedará nunha lista para cando se precise alguén...
Se isto non é que o país e o traballo está coma o carallo que mo expliquen.
Para algúns só serían imaxes con persoas descoñecidas. Para min foron persoas con historias detrás e coa inestabilidade emocional tatuada. Un drama...
E ao mesmo tempo un señor de 50 anos chama a unha sucursal e dilles aos empregados que saían que vai facer estourar un artefacto.
Nese momento estase aireando as indenmizacións millonarias a directivos, que acoden aos xulgados cos seus traxes, os seus abrigos e bufandas de caxemira, nos seus coches de alta gama e con cara de aquí non vai pasar nada...
E PSOE e PP queren pórlle remedio ao dos desaucios.
Eles, que aprobaron en amor e compañía unha lei de partidos que fai que as súas débedas, contraídas coas entidades para financiar as súas campañas, persoal, etc., sexan perdoadas ou alongadas, ou con-donadas. Supoño que ningún inocente pensará que a cambio de nada.
Se o meu veciño avaricioso sempre me está facendo favores terei por seguro que será porque quere terme debaixo dun pé. Así que a min estas reunións que dan moitos titulares non me inspiran máis ca mágoa, por ver na clase de persoas nas que está o poder.
E saen os veciños do señor da bomba dicindo que se lle tivo que ir a cabeza ao ver como lle sacaban as súas propiedades.
Non coñezo o caso concreto, nin sei o que debe, nin por que. Pero polo que fixo vese que non quería mancar a ninguén.
E se alguén non leu a xustiza pola man, xúntoo neste post e que dea para reflexionar.
Os temas son outros, pero a frustración vén sendo semellante.

Aqués que tén fama d' honrados na vila
roubáronme tanta brancura qu' eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron en dond' eu vivira;
sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;
ó raso cas lebres dormín nas campías;
meus fillos... ¡meus anxos!... que tant' eu quería,
¡morreron, morreron ca fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronm' a vida,
fixéronm' un leito de toxos e silvas;
i en tanto, os raposos de sangre maldita,
tranquilos nun leito de rosas dormían.

―――

―Salvádeme ¡ouh, xueces!, berrei... ¡Tolería!
De min se mofaron, vendeum' a xusticia.
―Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda...
tan alto qu' estaba, bon Dios non m' oíra.
Estonces, cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño... (ne' as herbas sentían)
i a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe ¡dun soio! deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces... estonces cumpreuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man qu' os ferira
.

7.11.12

Privatizanding...

Na época Aznar (foi tan longa e tediosa que xa a vou considerar época), a leria da privatización púxose moi á orde do día.
Moitos defensores e defensoras da privatización sinalan que é onde se dá a maior optimización de recursos, tanto materiais coma humanos, e onde máis esforzo do cadro de persoal se traduce en produción.
Iso no mundo ideal claro que se dá.
No ideal, digo, non no real.
A persoa que é traballadora e está motivada co traballo que desenvolve faino ben atópese onde se atope, outra cousa é que haxa ámbitos viciados (concretos) pola preguiza e outros polo estado de semiescravitude.
E falo con coñecemento de causa, eu que pasei por todos os sectores: público, privado, contratada, sen contrato, bolseira, autónoma...
Eu o que apoio firmemente é un sistema de promoción xusto e equitativo. Unhas probas de acceso á función pública ou á empresa privada que valoren na xusta media o axuste do perfil e do posto de traballo, un sistema de promoción ou cambio de posto aberto e positivo...
Un mundo ideal de novo. Non real.
Eu voulles dicir o que acontece segundo a miña percepción nos dous ámbitos.
No mundo do funcionariado hai de todo, pero abunda a xente responsable e traballadora. Non é o mesmo unha oficina do rexistro con ritmo pausado, xente acomodada e directores de servizo postos a dedo (con pouca vocación de sacrificio, equipo ou nada que se lle pareza), ca un colexio ou un centro médico. Coñezo moitos mestres, profesores, directores, etc. que van moito máis alá das súas horas de traballo (e se non busquen os blogs dalgúns coles ou institutos na rede e compróbeno) e médicos, enfermeiras, ats, etc. que cobren máis do que as súas follas de servizo reflicten.
Na época Mariano (que foi breve pero o triplo de tediosa e enfermiza) xa se privatiza sen ningún tipo de pudor.
Din que o cidadán e a cidadá non debe preocuparse porque non terá que custealo (con diñeiro, supoño que queren dicir) e que tampouco é ético pensar que a empresa privada vaia traballar peor ca a pública.
Un colexio público non traballa mellor ca un privado, senón ao contrario (segundo os defensores do privado, quero dicir).
O que non ven detrás da cortina da fachada bonita os usuarios dese centro privado é que lles supón un desembolso por algo ao que xa teñen dereito ao pagar os seus impostos (dereito á educación), tampouco son capaces de ver o estrés ao que está sometido o persoal: docentes (licenciados con experiencia ou sen ela, desempeñando o posto porque alguén os puxo aí, probablemente polo seu currículo, pero tamén por ser da familia, afín ao opus, de familia ben...), explotados ata a extenuación, dando todos os cursos que poidan abranguer, vixiando recreos, comedores, facendo actividades de fin de semana, campamentos, saídas... vivindo por e para o colexio. Comedores que optimizan non, reciclan e recociñan ata o último anaco de touciño e cociñeiras convertidas en gardadoras, limpadoras e conserxes... Probablemente infrapagadas.
Para que todo redunde no beneficio dunha orde, da igrexa ou dunha familia rancia que conseguiu seguir mantendo ese privilexio de impartir docencia só pola inercia...
No público a situación está tensa, si, pero o profesorado accedeu por un sistema de oposicións xustas, cada un é fillo de seu pai e de súa nai, achegan pluralidade de visións e puntos de vista, constrúen a base de pactar e consensuar un proxecto educativo inclusivo, réndense contas en asembleas e avaliacións, recíclanse e póñense ao día para exercer de maneira competente o seu traballo e non conciben o alumnado coma un rabaño que guiar segundo un ideario, senón persoíñas que formar para un mundo cada vez máis agresivo, competitivo e devorador. E todo iso aínda sendo vilipendiados por políticos e medios de prensa afíns (que veñen sendo case todos os publicados en papel)...
Cos hospitais vén suceder o mesmo.
Se eu son traballadora pública serei consciente de que teño uns recursos ao meu dispor para tratar un paciente. Se teño que facer tres probas e non dúas para asegurar un diagnóstico fareino, se teño que ingresalo para observalo fareino, se teño que ir limpar porque vomitou o cuarto irei cantas veces sexa preciso.
Se son un traballador privado e teño un horario terei que cumprilo e se vomita fóra da hora, que teña sorte. Se son o propietario do hospital e podo poñer 3 enfermeiras onde antes había 6 e aforrar (gañar) diñeiro, fareino. Se podo mercar escáner máis baratos e non tecnoloxía punteira fareino, porque así aforrarei (gañarei) máis diñeiro aínda, e se podo dicirlles aos médicos que a proba por paciente e a receita por paciente direillo, porque iso é optimizar (aforrar, gañar) máis recursos...
Que ninguén se leve a engano. Unha empresa privada non é unha ONG, non están aí para asumir o traballo a cambio de nada.
E se non como exemplo as farmacéuticas, que inda prefiren comer as pastillas e coller unha cagarría, antes de mandalas para o terceiro mundo e salvar vidas, aínda que lles supoña perder (deixar de gañar) diñeiro.
Privatizar non é malo...
Pois depende. No mundo ideal non é malo nin bo. É, simplemente.
O caso é que este mundo dista bastantes quilómetros de ser ideal, pero bastantes...