Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

30.4.12

De como nos naceron os alcumes...


Moitos terán adoptados os alcumes da familia, aínda que probablemente na nosa xeración xa se esqueceran ou se enterraran.
Un curso que estiven de profe en Cospeito vin que alí si que conservaban o alcume da casa os rapaces, non así as rapazas, que case ningunha o adoptaba. Pero os rapaces sentían ese orgullo e chamábanse a si mesmos polo alcume dos avós ou dos pais. Pareceume moi bonito. Está claro que os que levan nomes que poden parecer pexorativos non han querer perpetualo, pero os máis son un reflexo máis da historia da familia.
No meu barrio cando eramos pequenos non tiñamos xa alcumes da familia, porque eramos dos arrabaldes dunha vila, pero vila á fin e ao cabo, e iso xa non era frecuente. Con todo, encargabámonos nós de poñelos uns aos outros.
Case sempre ofensivos, todo hai que dicilo, así que mellor deixalos no esquecemento. Pero houbo unha técnica moi concreta de poñer alcumes que funcionou con algunha xente: como nos chamaban os pais e as nais para subir para a casa.
Non sei nos vosos, pero no meu barrio todas as nais e todos os pais chamábannos a berros pola fiestra. Non había máis que timbres e ás veces nin iso, e nada de ascensores, nin un, polo que o operativo era saír á fiestra ou ao balcón e botar un berro, case sempre acompañado de: como te teña que ir buscar eu abaaaaaaixooo!!!!!!
Infundía bastante respecto, é unha técnica que vou botar en falta á hora de mandar sobre as miñas fillas. Quedaría de tarada perdida se me poño desde a fiestra cara a rúa a berrarlles dese xeito, porque agora non está de moda. Agora fanse outras tolerías como mandar pedir “perdoncito”, aínda que a magnitude do agravio máis que perdoncito tería que emendarse, mínimo, cunha bicada nos pés do que sufriu as hostias.
Pois iso. Que as nais saían chamar por nós e tamén darnos recados varios.
Por exemplo, a nai de Marcos, que era un neno asmático e con outros problemas, saía unhas tres veces ao día coa canción de: Marquiiiiiiitos, sube a tomar las mediciiiiiiinas. E tamén lle quedou para a vida Marquitos-sube-a-tomar-las-medicinas, eu aínda llo chamo en petit comité cando quero diferencialo doutros Marcos, e xa pasaron aniños...
O pai de Daniel (ao que lle chamabamos Patarico porque vendía xamóns) sempre tiña na boca do de “mi hijo es tremendo, es tremendo”, así que Tremendico, fillo de Patarico lle quedou para sempre xamais. O outro día cruceino e ía todo traxeado e pregunteille a miña irmá: ondiá, de que traballa tremendico para ir tan traxeado? Bufff, o que calan estas cousas.
Pero o que con máis graza recordo é sen dúbida o de Lorena. Houbo un verán no que todos estabamos enganchadísimos a Verano Azul, pero tamén estabamos enganchadísimos a vivir directamente na rúa día e noite xogando. Así que alí estabamos dándolle á comba ou á goma ata a hora de que cada un subira para a súa casa ver a serie. Case sempre á comba xogabamos debaixo do edificio de Lorena e entón era súa nai a encargada de darnos o aviso. Era moi baixiña así que só lle asomaba do nariz para arriba, algo que xa nos causaba bastante guasa. E entón un día saíu e a filla estaba na comba saltando con todo o ímpeto e soltou: Loooooriiiiii, verano azuuuuul!!!! E a rapaza quixo saírse da comba, pillou as pernas e caeu de fociños. Cando ergueu a cabeza pelara o fociño todo, sangraba coma un animal e abaneábanlle os dentes. As demais quedamos pálidas e paralizadas mirándoa e de repente, a que era a súa mellor amiga naquel tempo solta: looooooriiii, verano azuuuuul, tooooma hoooostia!!!
E así foi para sempre Lori-verano-azul... aínda hoxe cando me cruzo con ela ou coa nai escápame unha risiña sen querer...
Bo comezo de semana. Que a resilencia vos acompañe para asumir con graza os pequenos agravios e a vida que vos espera!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...