Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

30.5.12

Males da cabeza

O outro día xa de madrugada, disto que te deitas e aínda queres prolongar o día, acabei por ver unha reportaxe de xente con diferentes manías.
Había unha señora que coleccionaba pedras. Atesourábaas por toda a casa, e case tiña a metade dos cuartos, cociña incluída, inutilizados.
Pero o que máis me chamou á atención foi unha moza que arrincaba o pelo (o seu propio) para chuchar nos folículos. Pechábase no baño e ía arrincando e chuchando durante horas. Nin que dicir ten que o seu aspecto era o dunha persoa que tivese a tiña ou algo semellante.
Cando entrevistaban a estas dúas persoas víase que era algo que lles escapaba das mans, que non podían controlar a pesar de como se puxese a súa familia, os seus amigos, a pesar de terapias, medicación, etc.
As cousas da cabeza sonche duras de roer.
Unha vez, hai anos, escoitando Hablar por hablar, mentres estudaba, saía xente que tiña o costume, por chamarlle dalgún xeito, de comer merda. Así. Humana e animal. Eu ao principio pensei que era guasa, pero despois vin que non. Os seus testemuños daban unha mestura de noxo, risa e mágoa profunda.
Pola miña zona hai moita tradición de suicidio. Coñezo unha chea de xente que se suicidou por diversas causas. Sobre todo nunha certa época do ano, que parece que todos se poñen de acordo. Din os vellos que é culpa dos aires lurpios, que comezan a soprar terra dentro e que a xente se trastorna de mala maneira.
Isto dá para moito, en serio, oxalá tivese tempo para investigar todas estas cousas desde un punto de vista antropolóxico, botando man de xente máis sabia, obviamente.
Cando lin os ensaios Romeiros do alén e Viúdas de vivos, pensei moito neste tema e en propoñerlle a Portasanny que o abordase. Pero faltoume valor. Igual un día o fago.
Isto vén a conto duns espectadores que veñen todas as tardes para o parque. Unha parelliña de anciáns xa velliños e ben abrigados e a súa filla discapacitada mental, non nun grao moi profundo, tamén xa entrada en anos. Eles cos seus bastóns e ela co seu paraugas. Eles vestidos de velliños e ela charramangueira coa súa pamela ou o seu gorro de cores. Sentan os tres e pasan a tarde mirando os nenos e cando algún fai unha trastada, os tres escachan a rir.
Velos dáme certa tristura e certa tenrura á vez. Pregúntome se terán quen mire por eles. Confío en que si.

29.5.12

Ética

Cada día esperto coas noticias da banca rescatada, da política corrupta, da débeda condicionada e da situación social cada vez máis depauperada, máis cabreada e máis estartalada.
Non é prato de bo gusto e a verdade é que un viviría mellor estando ao seu e despreocupándose do de todos. Pero non me coce o corpo. Teño que quentarme coma se fora unha estufa de gas.
Quizais a miña idea de que igual que a merda ao sol seca, todo aquel que alcanza cotas de poder corrómpese non sexa certa, pero paréceo.
Quizais non todos os que moven o cotarro sexan uns miserables, pero paréceno.
Este mundo está tan cheo de hipocrisía que me dá realmente noxo. Por exemplo, o xornal de hoxe abre con moitas páxinas dedicadas ao ascenso do Dépor, dedícalle unhas poucas a Bankia, pon na palestra a situación desesperante con voz propia dunhas cantas familias veciñas da zona e despois coma se nada, a comentar o que lle veña ao caso.
Gustaríame que en vez de estar alimentando esa sensación de que hai que paralizarse e empezar a vivir debaixo dunha ponte e comer boroa seca mollada en auga da billa, comezasen a sacar outras efemérides.
Que saquen as vidas de xente normal, que segue coa súa vida normal.
Que saquen as vidas dos que lle están tirando partido a esta crise, e que a súa conta non fai máis que engordar.
Ou que non saquen nada, directamente.
Que quiten o morbo da prensa, que aí non pinta nada. En realidade, non pinta nada en ningures.
Dicíame hai pouco unha persoa, falando sobre como os directores dos bancos foron colocando "produtos tóxicos" entre os veciños sen ningún pudor, que cando che xogan co pan dos fillos non hai nada que se poña por diante, que fas o que sexa.
Isto penseino moito e cheguei á conclusión de que ten a súa parte certa e a súa parte falsa.
Toda esta xente que está pasando fame aínda non fixo nada ilegal para sacar adiante as súas familias. En cambio, os que obedeceron esa circular para enmerdar a xente si que o fixo. E tamén poño en dúbida que con iso estivesen xogando o prato na mesa dos fillos, pero en fin, tampouco o sei, así que non vou dar a miña opinión.
A min hai cousas que non me parecen éticas e punto.
Que personaxes coma Boris Izaguirre, Geraldine Chaplin e outros que viven da farándula se presten a saír en anuncios de banca con toda a súa dignidade pois mira, doulles a credibilidade que lles dou. Pero que se preste a facelo outra xente que non ten necesidade e que en tempos abandeirou causas tan loables como a restauración da democracia, ou que son figuras destacables e modelos de superación en moitos eidos e para moita xente, pois que queredes que vos diga, a min dáme bastante mágoa e vergoña allea.
Aquí parece que xa todo vale con tal de rabuñar uns cantos euros ou un status social cómodo.
Pois eu creo que non. Algunha xente pon o límite na prostitución do corpo, pero eu creo que aceptar subornos, vender veleno dos ratos coma se foran vitaminas ou dispensar aceite de rícino na porta do colexio, aínda que che vaia o pan dos teus aí non é de recibo.
Preferible sería que vendesen o corpo. Outro galo nos cantara.
Se algunha xente rompeu os discos de Dylan cando deu ese xiro ao catolicismo exacerbado, eu non sei que tería que facer na miña biblioteca e nos meus caixóns dos discos...
Aproveitando as cacharelas de San Xoán igual fago unha queima, pensareino.

27.5.12

Literatura con letra miúda


Moitas veces volvo ler Pennac e en Como unha novela. Para non perder o norte, máis que nada, e ver que alguén máis sabio ca min sabe reflectir o que pensamos moitos.
A cousa é que hai un tempo pedíronme que traducise uns contos. Era para unha especie de empresa de deseño, fotografía ou non sei exactamente o que, que monta uns contos personalizados mesturando fotos dos rapaces, ilustracións e texto. Aínda que a min non me chegou por vía deles, senón dunha empresa de tradución, isto sóubeno a posteriori, só buscando por internet vin que hai centos dese tipo, así que non sei especificamente para cal o fixen.
A min os contos parecéronme un exceso de azucre coma para morrer coas veas entupidas. Cando acabei de traducilos, eran cousa cativeira, en realidade, sentinme coma se acabase de engulir sete ducias de nubes de gominola.
Pero deume por pensar nisto dos contos unha vez máis, xa que logo me ha tocar comezar a proporcionarlles lecturas aos meus rebentos.
Revisando os clásicos agora de adulta pois veslle os pés que non lles ves cando es cativa. Por exemplo, a figura dos pais, coma os pais aproveitados de Hansel e Grettel. Os pais nos contos clásicos case sempre uns irresponsables, bastante sádicos e que só aprecian os seus pequenos polos seus logros, a maioría das veces por alcanzar boa posición social (casar ben cun príncipe ou princesa) ou económicos (atopar pasta, enganar algún personaxe fantástico para sacarlle pasta, vamos, pasta veña de onde veña, así sexa da panza dun animal indefenso).
Despois están os personaxes sádicos que asasinan e castigan sen pudor (destripan un lobo, un raposo, cortan cabezas, amputan partes do corpo, envelenan ou cárganse a quen se lle poña por diante), todo moi maquiavélico, posto que hai un fin que alcanzar...
E esa aprendizaxe final na que se recompensa ou se castiga pero ao besta!!! Aquí si que non andaban con mexericadas nin termos medios.

Agora, á parte do daniño Disney e de toda a súa panda de bichos e historias dulcificadas ata a extenuación, lévase moito lerlles contos dos personaxes dos debuxos da tele, que tamén lles chega de carallo. Algunhas veces cando vexo uns poucos debuxos acabo con indixestión.
En xeral estupidizan bastante os nenos.
Onde está o papel da madalenaaaa???? E só hai un papel en toda a pantalla (por riba coas pantallas que gastamos hoxe en día, pffffffuuuu), o que non o atine é que aínda é un cativo inmaturo para distinguir a man do pé, non é por outra cuestión. Non pode haber fallo (aí xa empezando coa leria da non-frustración, non vaia ser que non atinen co papel da madalena e non durman de noite coa angustia).

E despois pasamos á literatura xuvenil. Esta súfroa por oficio, máis nada. Ter que poñer lecturas obrigatorias e non poder recorrer aos clásicos do XX éche unha aventura de moito nabo. Que cantidade de merdiña circula por aí adiante (en galego e en castelán)!
Libro de argumento medio: neno/nena ben que é malote pero no fondo bo, ou que se namora dunha xitana, ou dun excluído social, pais problemáticos ou familia “desestruturada”, pero que recicla os cartóns do leite, porque é primordial e que lle deixan ao fillo xogar con bonecas e á filla con bicis, porque son modernos e nada sexistas e de profesións liberais, por iso comparten tarefas, aínda que xa non se queiran...

Eu creo que se alguén inventase algo semellante ao programa este do Sergas de decidir prioridades para as urxencias segundo a explicación do doente, pero aplicado a facer libros de lectura obrigatoria para os nosos rapazolos, tiña o éxito asegurado.
Poslle moito de educación transversal: non consumismo, non racismo, reciclaxe, non discriminación por raza, sexo ou relixión...
Engades que haxa un pouquiño de historia de amor, que iso mólalles moito aos cativos: uns biquiños, un case pasarse da raia, un atormentado ou unha incomprendida co que identificarse…
Axítalo todo con linguaxe ben aséptica que non sexa nin de aquí, nin de alá nin de ningures e sitúalo na actualidade ou no mundo da fantasía e enmárcalo nun instituto ou nun lugar de vacacións, se é que non tes un mundo paralelo.
Xa tes o libro feito. E tampouco pensedes que culpo só os escritores, supoño que é a industria en xeral e o sistema educativo en particular. Publícanche o que se axusta ao que se vende e véndese o que se axusta ao currículo e curriculéase o que se axusta á mentalidade de quen lle cadre estar polo goberno.
Agora todo ten que ser correcto non, o que vén despois.
En fin. Pechando os ollos á realidade, coma en tantas outras cuestións.

Na miña época escolar só liamos clásicos e para o resto había un pouco barra libre. Cada un apañaba o que tiña pola casa ou o que lle pasaban. Eu aos 14 xa tiña lidos uns cantos libros pouco recomendables para o meu tempo, segundo estes parámetros, claro, que ía combinando cos “recomendados”, que tampouco eran tan chungos coma para non lelos, había de todo.

É que ao final vou ter que ir polo faiado recuperar as coleccións dos Hollister, Os cinco, Puck e algúns máis, que mira, só eran aventuras e misterio lixeiro, pero polo menos algo aínda deixaban para a imaxinación.

26.5.12

Os soños

Creo que lle pasa a moita máis xente, pero eu cando esperto lembro exactamente todo o que soñei. E incluso teño a habilidade de espertar de noite, facer o que sexa, deitarme e seguir soñando, en plan capítulos de teleserie.
Unha vez consulteino, porque nalgúns momentos xa non estaba segura de se certas cousas sucederan de verdade ou as soñara.
O primeiro soño que recordo que foi recorrente durante moitos meses foi na época de COU. Deitábame todas as noites e soñaba coa Revolución Industrial. Auténticas películas nas que eu era narradora, coprotagonista, protagonista absoluta ou simple espectadora.
Axudei a construír ferrocarrís, naveguei en barcos de vapor, tirei coas máquinas de coser ao mar, traballei na fábrica de cigarros da Coruña, fíxenme amiga de John Ford, a quen asesoraba para a produción en cadea... Unha auténtica tolemia, porque a min daquelas a materia de historia non me gustaba, nin sequera estudaba moito, e incluso tardei en perfeccionar o soño e non descontextualizar demasiado o tema: o da primeira revolución industrial por unha banda e o da segunda pola outra.
Os meus soños habitualmente son realistas e pouco ou nada fantasiosos, pero a non ser que mesture épocas, xente que sei que non se mestura ou o que sexa, érgome coa sensación de que me sucedeu de verdade. Así que podo amencer contentísima ou podo amencer coa cabeza coma un bombo, ça depend!
Pero como vos contaba, unha vez consulteino, porque me tiña agoniada estar soñando repetidamente cunha persoa que nin sequera trataba demasiado comigo, pola que non tiña ningún tipo de atracción, e que nin sequera me caía demasiado alá.
Así saquei un peso de enriba ao asegurarme que non ten moito que ver cos sentimentos reais, aínda que ás veces o pareza. Os soños son así, medios ceibos.
Deume un bo consello este amigo, de non tratar de queimarme con esa historia e aproveitar o bo que tiña, xa que ás veces resolvo conflitos, ou véxolle solución a algo, ou teño ideas creativas para aplicar en algo, ou véxome nunha situación que me gustaría alcanzar e propóñome facelo...
Ata daquela non o vira así, pero foi bastante revelador, a verdade.
Algunhas veces cando esperto dígolle ao meu compi de vida: oe, soñei tal e tal e tal... coma para un guión, eh.
Unha vez pensei en poñer un caderno ao lado da cama e ao espertar ir anotando as ideas, ás veces ata son orixinais... aínda que ultimamente, será pola situación, pero non fago máis que repartir ordes, instrucións e dar chapas de aquí a pasado mañá. E despois esperto e penso: pero para onde vaaaaassss???? Cada un que faga como vexa, que así recollerá, ainsssssss. Pois iso.

25.5.12

O neno xa anda

E dá gusto vilo vir botarse aos teus brazos con aquela cara de orgullo que pon aínda que pareza que vai esnafrar en calquera momento.
O marabilloso dos pequenos é que che fan ver a vida con outros ollos aínda que ti non queiras.
E nesas estamos.

24.5.12

Varia

Un día atopeime con Manolo Rivas, non é por fachendear, é certo, e falamos dunhas cantas cousas. Naquel momento eu acababa de mercar o seu último libro e tamén mercara outro dunha muller que daquelas eu admiraba por moitas cousas. E tiña que decidir por cal dos dous comezaba dado o meu escaso tempo para o lecer naqueles momentos. Ao final decidinme polo dela, que me arrepiou bastante. Hoxe ela é unha multifacética e gañapremios inexplicablemente, reconvertida dos pés á cabeza non sei moi ben en que clase de persoa ou personaxe e el segue no seu sitio coma sempre, cun fillo que lle saíu algo raruzo pero publicando coma sempre cousas máis xuizosas ca esta segunda persoa.
O caso foi que cando acabamos a nosa conversa, que derivou por moitos camiños, cantoume unha canción que dicía así: estou metido nun lío, e non sei como vou saír... seguro que todos a coñecedes. Desde aquela, cando estou nesa situación de que ou tes o don da ubicuidade ou non podes saír do burato, vénme a cabeza esa anécdota dese día no que parecía que incluso unha ninguén e un famoso escritor podiamos ter algo en común.
Non chego a todo. É así. Estou coma unha toupa nun burato que, á parte de ser longo, tamén é escuro e húmido e a miña vista non me alcanza para ver o final.
Levo todo o outono-inverno e primavera enfermando de múltiples opcións: otite, gastrite, gastroenterite, arrefriados, gripe, sarabullos, farinxite... o meu corpo é coma unha picadora-batedora de virus variados. Estou tan afeita a estar mal que xa nin o sinto.
Nestes días é cando envexo esa xente que está rodeada doutra xente na que poder delegar todo e máis...
Hoxe vai unha entrada daquela maneira, pero é que me rebenta a cabeza de dor e pódeme máis o persoal ca o social, a verdade.
Como contrapartida, vexo que Regueira ingresa na RAG, a ver se o que sei que pensa de verdade o di tamén de verdade e empezamos a chamarlle ás cousas polo seu nome neste país. Os xestos de Ferrín ás veces alégranme e ás veces confúndenme, pero vaia, é o que ten ser persoa e ser institución, que supoño que terás que tragar máis do que tragarías se non foses o segundo.
Que a forza vos acompañe, que a min abandonoume a moi porca!

19.5.12

Bruxelas in Spain


Os señores de Bruxelas van vir botarlle un ollo ás contas do Estado Español para verificar os chamullos no déficit público das autonomías.
Eu por se acaso estes señores, que eu descoñezo, saben galego e atopan este documento adiántolles un pouco o que van atopar neste país da pandeireta.
Que non lles estrañe que lles mintan á cara ou que lles digan que algo é vermello cando é claramente verde ou marrón sen ningún tipo de pudor.
En xeral, a xente mente máis que fala, o de malversar, prevaricar, enganar, estafar, e moitos outros verbos da primeira conxugación é o pan de cada día.
Atoparán que aquí o da tecnocracia non nos vai moito, polo xeral adoitamos votar ao político con máis “don de xentes” que tampouco sei moi ben o que é, debe ser algo así como a “elegancia”, que se ten ou non se ten.
A maioría dos alcaldes que coñezo, por quedar no primeiro chanzo da pirámide, só teñen estudos básicos, pero manéxanse quinindiola nas redes clientelares e caciquís. A escola da vida, seica.
Desmontar todo iso a min paréceme complicado pero unha tarefa que habería que levar a cabo á de xa.
Pero volvendo ao asunto, voulles describir un pouco o panorama, para que vaian entendendo a idiosincrasia da xentiña:
1. Aquí manga todo o mundo. Non fai falta ter necesidade. Rouba o do banco utilizando para o seu proveito a información, rouba o médico deixándose asesorar polos visitadores que lles regalan viaxes a cambio de receitar toda a mañá a mesma merda, rouba o enfermeiro que nutre as caixas de urxencias de toda a súa familia e a dos coches tamén, e que bebe auga usando botes de analíticas. Rouba o profesor que gasta a pasta da biblioteca do centro en libros que non son para un público xuvenil, senón para o seu uso e gozo, e carrexa bolis, folios e imprime as fotos das súas vacacións na impresora do departamento. Rouba o directivo que leva o material de oficina como material escolar para fillos e sobriños. Rouba o administrativo que utiliza os recursos públicos para o seu interese e que fotocopia os libros da nena na universidade porque son moi caros. Rouba calquera empregado que usa o teléfono da empresa para chamar a toda a súa familia, que vai á praia a fin de semana na furgo da empresa, que pasa as facturas da gasolina de toda a súa familia... E esta xente ten necesidade de roubar? Pois non, pero faino.
2. A prosperidade e o esforzo non van parellos. A maior parte dos rapaces e das rapazas do meu barrio abandonaron os estudos ao rematar EXB, nos casos en que a remataron. Cando eu estaba preparando a Selectividade xa viñan na hora do recreo ligar con nós montados nos seus coches e xa tiñan piso propio onde iamos facer o botellón. Moitos anos despois os menos seguimos estudando mentres eles ían engordando as contas facendo rozas, traballando a obra feita, abrindo os seus propios negocios, case sempre relacionados coa construción, e pagábannos as copas cun aquel de superioridade aos que dependiamos de bolsas para vivir.
Os “estudantes” fomos collendo traballos non demasiado ben pagados, preparando oposicións durante anos e sacrificando ou adiando para outro momento o que eles xa tiñan de anos e que se considera o estado de benestar: coche, casa, familia, vacacións dúas veces ao ano...
Eses mesmos ex-estudantes agora temos que aturar as acusacións desa xente que o tivo todo pero que agora ten que botar o freo a ese nivel de vida porque a construción quebrou. Agora os funcionarios, mestres, profes, interinos, directivos malpagados, etc. somos os que chuchamos o sistema ata facelo quedar sen folgos porque somos ambiciosos, preguiceiros, aproveitados e non temos ganas de traballar.
Só teñen que ler algúns xornais que non vou mencionar e os comentarios a esas noticias populistas da xente que ten tempo para comentalas porque está no paro e ten moi mala hostia e moita ignorancia no seu pequeno cerebro.
3. Roubar un xamón págase máis caro ca roubar miles de millóns. Iso tamén.
4. O traxe de chaqueta é un salvoconduto para mangar sen ter que asumir ningún castigo ou consecuencia por facelo.
5. Os inmigrantes en xeral cáennos mal, a non ser que xoguen na Champions ou corran en Moto GP ou Rally. Non é xenofobia, é aporofobia, para que nos vaiamos entendendo. Ben, as filipinas e sudamericanas internas tampouco nos estarrecen. Pero que non sexan moi esixentes.
6. O carto negro é coma un Magnum Classic, que sempre sabe mellor ca o carto branco, que é coma quen rilla nun Patapalo de 25 pesetas. Non só fai carto negro o fontaneiro, o electricista, o pintor, a perruqueira, o do bar, o do restaurante, o construtor, o do concesionario de coches, o panadeiro, o do supermercado, a rosquilleira, o churreiro... tamén fai carto negro, upsss, xa non me queda case ninguén. Ben, o señor cura coa bulsa dos domingos e co que lle colgan á virxe no manto, que tamén é pasta...
Poderán vostedes pasear por un mercado no que todo quisque vende algo xa non só sen declarar un peso, senón tamén sen rexistro sanitario ningún. Non só de xitanos e de restos de temporada viven as feiras e os mercados (ahhh, esquecíao, os funcionarios e traballadores públicos que non teñan dobre emprego, a maioría, non poden comer Magnums, están condenados ao Patapalo de xeo, así que non poden defraudar).
Cando entrou o euro en quilómetros á redonda só podía ver xente dándolle alturas á casa, retellando de novo, coches novos diante de todas as portas... Había que gastar a pesetiña antes de que se soubera o que había no colchón ou nos baixos dos mobles (negro coma a noite negra, home e logo).
E así máis detalles que non se lles pasaron no informe antes de vir. Non se escandalicen porque as matemáticas tampouco son o noso, onde pon 2,03 que poña 2,30 non é para tanto, o que vai á esquerda do cero non ten valor... ¿non era así?

18.5.12

Se eu mandara no mundo...

Hai unhas cantas cousas que cambiaría na sociedade, na xente e na forma de relacionarse o mundo en xeral. Agora teño as prioridades máis firmes ca antes, tamén vai a vella morrendo e vai aprendendo, e o que antes era unha limpeza de axenda máis ou menos anual agora convértese nunha carreira de fondo e de resistencia onde penso: veña ho... a facer de tripas corazón, imos dar outra oportunidade.
Unha amiga miña, sen querelo, cuñou o termo de terrorista social, que se define como algo así de: eu non estou aquí para cumprir as túas espectativas, ti tampouco cumpres as miñas, así que encantado de coñecerte e ata aquí chegamos!
Pois ben, a terrorista social vai abandonando as armas e converténdose nunha miñaxoia social... E o caso é que tampouco atopo tanta satisfacción no asunto. Hai quen vive de mala hostia tendo que tomar decisións que poden non ser ben vistas, pero a min a verdade é que ma trae ao pairo, se creo firmemente nelas, pois con todas as consecuencias, así me saia coma o carallo.
O caso é que se eu mandara no mundo:
1. Prohibiría as falsas promesas. Non podo coa xente que promete e non cumpre. Nunca me rodeo de impresentables, como moito, consérvoos de lonxe, porque no fondo a min a xente non me sobra e todos suman, aínda que sexa unha centésima.
2. Metería no trullo a todos aqueles e aquelas que para prosperar necesitan esmagar e, neste mesmo bloque, metería a todos aqueles que necesitan rodearse de infelices para seren felices, ou abusar para triunfar. A min esa teoría de que para que haxa ricos ten que haber pobres non me convence.
3. Instalaría o botón da sinceridade en cada un de nós. Creo que ser sincero non significa ser metido, nin ser borde, nin ser malvado, nin ser brusco, nin ser egoísta. Gustaríame en moitas situacións non ter que pensar: dixo isto pero en realidade sente isto outro. Esgótame psicoloxicamente ter que durmir facendo repaso e xustificando moitas cousas que non tería por que. O que queira algo, que o pida e se pode ser, estupendo.
4. Prohibiría todo acto de manipulación cara aos pequenos. Comezando por toda a merda de publicidade que lles enchufan e rematando por queimar nos quioscos as revistas de princesas disney. É impresionante o difícil que é educar fuxindo de estereotipos ñoños e chungos.
5. Á clase política e á banca vou evitar dicir o que lles faría.
...
Teño unha lista enorme, pero como me aconsellou un gran sabio: non fagas entradas moi grandes, que fan que o público desista... Así que aquí quedo.

16.5.12

Polo si ou polo non, teño a estraña capacidade de atraer sucesos raros, xente curiosa e rara (raro contrario a basto) e momentos surrealistas que ás veces me deixan parva e ás veces déixanme contenta.
Pois ben, ando agora metida nun deses sucesos que dis ti, a onde cona me vai conducir isto, pero eu como tamén son afeccionada a non deixalo correr, pois aí me metín.
Sexa como for uns rapaces valencianos deron comigo. Teñen un proxecto no que eu matinei moitas veces e non teñen nin un peso para levalo a cabo. Iso si, teñen ilusión, ganas e bastante visión de futuro.
Un día chegoume un correo.
Outro día outro.
Respondín.
Entreilles na páxina, pensei para min, oxalá lles vaia ben...
Chamáronme. Falei con eles máis dunha hora e ao final estou dentro.
Non podo adiantar moito máis porque, loxicamente, é unha cousa súa que está nacendo, pero polo de pronto xa me puxeron a pensar e a traballar gratis. Algo que nin de coña faría na vida a non ser que se tratase de algo non-lucrativo.
A idea é simple. Eles buscaron a toda a xente que poida axudalos a levalo a cabo e por medio dun contrato comprométense a que recibas os beneficios a finais de ano. Se é que os hai. Pode ser 0 ou pode ser moito, se se converten que sei eu, nun novo Facebook ou nun novo Google...
A ver o que sae.
Na última así na que me embarquei tamén á aventura o único que me saíu foi a mala hostia por tratar cunha cantidade enorme de xente máis zopenca imposible... pero así de entrada, nada que ver...
Nunca pensara eu en que o que fan os bancos na bolsa (vender nada e sacar moito) puidera ter éxito tamén así a nivel proxectos. Por agora non hai nada pero xa se fixeron co potencial humano que lles cómpre para ter algo ou moito.
Contarei máis chegada a hora...

13.5.12

Estado de sitio

A xente maniféstase de maneira correcta e exerce o seu dereito, recollido na Constitución, a facelo.
Todo se desenvolve de maneira "democrática" e "pacífica"...
...chegada unha hora cárgase contra os "perroflautas" que van quedando, que pretenden ir máis alá, pero como son catro malparidos, igual ca os estudantes, igual ca os parados, igual ca esas cifras que só son cifras e non persoas nin dramas sociais. Pois cárgase e punto.
Unha vez pedíronme o carné cando ía pola rúa cunha mochila. Estaban de visita os príncipes de España, que viñan inaugurar a casa da música. Eu ía para traballar.
Os que se meten fariña servida en bandexa de ouro e rouban a golpe de clic están a outro nivel. Non digo máis.
A clase política vive allea ao mundo real e manexa o cotarro pillada polos supostos mercados económicos e a pouca marxe que supostamente lles queda gástana en lexislar normas para exercer a política do terror.
Detéñente por manifestarse, prohíbese reunión, prohíbese abortar, prohíbese casar os homosexuais, quítanche dereitos sociais, dinche que es un privilexiado se podes comer unhas sobras nunha lata de sardiñas, e que o reino dos ceos será dos pobres ditosos...
O discurso vén de vello, porque os ditosos pobres de espírito hai que calmalos. E que sigan dándolles apoio incondicional nas urnas, para que poidan seguir rabuñando cartos e engordando o status social deles e de toda a súa familia. Porque en realidade o reino dos ceos non está garantido. Así que, por se acaso, mellor irse acomodando aquí onde estamos.
No meu barrio moita xente ten os aforros nas preferentes. E aínda ninguén, a pesar de toda a rabia contida, colleu unha escopeta e se presentou diante de ningunha oficina.
A xente sae á rúa de maneira pacífica. Aínda que leve comendo macarróns en seco moitos meses.
Aínda que as únicas cartas que lle cheguen sexan de embargos.
Aínda que perdese a súa pequena empresa mentres vía como os seus impostos entraban de novo na cadea de engordar unha banca multimillonaria que che pisa as puntas dos dediños mentres ti estás no precipicio.
E iso só se entende pola rede familiar.
Vendo todas esas reportaxes que saen de como vai vivindo a xente que queda no paro ves as avoas coa paguiña repartida para manter fillos, netos e bisnetos. Os pais que volveron abrirlles as portas aos fillos e a toda a súa prole, comendo lentellas un día si e outro tamén.
Ao final a economía de subsistencia é a válvula que impide que a ola de presión estoupe e nos rebente os ollos a todos os que andemos por alí.
Que unha señora de 80 anos faga unha pota de lentellas cada día impide que se empece a roubar masivamente nos supermercados. Así que me gustaría que se aprobase unha lei que obrigase a cada un dos políticos a bicarlles o cu a esta xente, para empezar a tomar conciencia de como está o asunto.
A min o estado de sitio dáme gana de cagar. E preguntábame unha amiga cal era a solución, se eu podía dala. E non podo. Eu non teño cota de poder. Podo criticar construtivamente e destrutivamente, non creo que a ninguén lle interesase deixarme mandar a min en ningún sitio máis ca na miña casa.
O único que podo dicir é que por aquí non se vai a ningures. Así está claro que non.

10.5.12

Falar mal

E non me refiro ao que fago eu, que boto serpes e ratos pola boca cantos quero e máis. Xa os teño tan interiorizados que nin conta me dou. Menos mentar santos e deuses, que como son descrida nin me acordan para cagarme neles, o resto téñoo todo.
Probei co de mecáchena, carambitas, repámpanos... pero non me quedaban á altura. Ultimamente cambei un pouco o discurso, e aínda que polas mañás aínda me cago no mundo con palabras entendibles, ao final do día xa fago coma yar-yar, o último telexornal xa o comento nunha especie de xerga inintelixible de farfullo. O que diga xa é o de menos.
Pero digo falar mal noutro senso. A ver. Eu non son moi exemplo de nada. Aínda que case sei os dicionarios de uso do A ao Z e o meu vocabulario non é cativeiro, pois polo que sexa (por esa falsa solidariedade co arredor, supoño) falo bastante mal. Pero porque non teño que ser exemplo de nada, agás cando dou clase, que entón xa é fariña doutra muiñada.
Estes días estou indo coas nenas ás actividades que se planificaron co gallo da semana do libro e da lectura. Pois ben, eu opino que non se lle poden poñer tachas á obra, e que xa bo é que esas actividades sexan en galego e bla, bla, bla, bla.... discurso conciliador, positivo, de agradecemento... do carallo 29. Porque o que debía ser normal non tería que ser loado, a min non me aplauden cada vez que poño o pantalón polo seu sitio, así que tampouco vou afondar neste argumento que discuto moito.
O caso é que levamos 3 actuacións de 3 compañías diferentes e as tres prodúcenme unha sensación como de: vou agarrar as rapazas e saír de aquí á de xaaaaa... que nos sangran os oídooooosss!!!!
Non se coidan nada: non hai 7 vogais, nin un pronome ao dereito, nin ene velar, nin unha frase feita en galego... é un discurso correcto para un dicionario e un atentado á gramática e á fonética, pero de erguerse e dicir: "OLÉEE, xa non podes enfangarte máis porque non te saca nin un tractor de aí abaixo"...
Como lle dixeron a Buenafuente, nestes tempos que corren non é o momento de preocuparse por temas "baladís", pero mira, cada un na súa casa preocúpase polo que lle peta.
Parece que lles estou vendendo ás nenas uns modelos que me parecen guais antes de saír da casa e despois teño que comprar un paquete de gusanitos e aclararlles: a historia aínda estaba ben pero fixástesvos que mal falaban? vailles caer a lingua a cachos como non empecen a preocuparse por facelo mellor...
(O dos gusanitos + discurso é un experimento que o mestre Pavlov me aprendeu un día e que parece que funciona)
Pois iso, nin que dicir ten que se en castelán chegasen metendo así o zoco xa o vía na prensa ao día seguinte: compañía de ignorantes conta historias para nenos: la fregoneta me le llevaron y me robaron los malacatones tós... Aiiii, paisiño do caralliño!

4.5.12

Procrastinar


A procrastinación (do latín: pro, adiante, e crastinus, referente ao futuro) é a acción ou hábito de postergar actividades ou situacións que deben atenderse, substituíndoas por outras situacións máis irrelevantes e agradables.

Ultimamente practícoo día si día tamén. Ultimamente envelénome con tantas historias que aínda non sei como cago merda e non bile, así que o compenso dándolle duro tamén ao ocio.
O bo da vida é ter unha boa actitude para todo, como me dixo onte Beu, sabia persoa, hai que estar a todo e poñer boa cara para todo e despois xa cada un fai á súa maneira. Ela sabe ver o mundo con perspectiva, algo que nos falla aos máis habitualmente.
Para que vostedes  procrastinen ben recomendo:
1. Facer oco para os amigos, e habendo lk mellor. Cando pechas os ollos pola noite acordándote do que se falou non podes evitar durmir cun sorriso na cara.
2. Coiden ben de quen os quere, fundamental, o deber hai que cumprilo, pero non vai ser o que che acorde cando esteas cun pé dentro e outro fóra. Buscando equilibrio.
3. Series e libros aos que engancharse, o ocio ten que ser ocio: The Big Bang Theory, Modern Family como entretemento lixeiro; Xogo de Tronos para poñerse en tensión e desexar devorar os best seller para saber máis e para tensionarse a tope Dexter. Serie que non me desbancaron como número 1.
Feliz fin de semana, aproveiten o tempo con gusto!


2.5.12

Carta aos pequenos e ás pequenas


Meus queridos pequechos que xa estades neste mundo ou que estades a piques de chegar a el. A vida é marabillosa e está chea de posibilidades, pero tamén é dura e frustrante en moitas ocasións e está chea de contradicións, inxustizas e desigualdades contra as que deberedes tomar unha actitude crítica e combativa.
No mundo en que eu medrei non tiñamos tantos obxectos, nin tanta roupa, nin tampouco había un nenocentrismo como hai agora. Os pais seguían sendo veciños, amigos, cuñados, traballadores e as nais eran unha especie de superwoman ready to go as 24 horas do día, pero tamén seguían sendo veciñas, amigas, traballadoras, noras, cuñadas... Cando había reunións familiares a ser posible soltábannos por aí nun cuarto ou no patio a todos, e non falaban de nós todo o tempo, falaban da vida. Non nos comparaban. Non levaban con eles as nosas fotos. Non levaban as nosas notas. Non loaban os nosos logros coma se fósemos pequenos budas. Non se entremetían nas nosas pelexas a non ser que se chegase ao límite establecido. Pero queríannos, apreciábannos, coñecíannos ben a todos, xogaban con nós, dábannos cancha e xamais sentiamos desarraigo.
En contrapartida a esta falsa liberdade, tiñamos unha lista de obrigas bastante ampla. Por exemplo, dicir bos días, boas tardes e boas noites alá a onde fósemos, non podiamos tocar en nada en ningures, non podiamos coller nada que nos ofrecesen, fose merenda, unha moeda ou un chicle de cromo e se se vía unha mala palabra ou un mal xesto cara a un adulto (aínda que fose a señora Generosa á que lle tiñas que dar un bico e tiña o fociño cheo de pelos), caíache unha lapada que non o contabas e outras pequenas cousas, como comer todo o que che poñían no prato, non erguerse ata que todos acabaran...
Algunha xente di que iso era represión. Para min foi a aprendizaxe de ser diplomática, pero, sobre todo, de ter respecto polos demais e de ir adquirindo empatía.
No mundo en que vós ides medrar, atoparédesvos moitos iguais que son tratados coma príncipes e princesas nas súas casas e fóra delas, que pensan que che poden cuspir á cara ou darche unha hostia e que iso non ten ningunha consecuencia. É moi duro, seino, que che manden a ti apañar os papeis do bocadillo que tira o teu compañeiro do banco, pero xa iredes aprendendo que ás veces un ten que facer o dobre porque ten que compensar o nada que non fai outro.
Na escola diranvos que tedes que estar amoreados nos vosos pupitres e non haberá moitas veces material para todos e teredes que aprender a compartilo todo. Quizais se non tedes moitas aptitudes seredes un pouco deixados de lado, pero a mensaxe que vos quero transmitir é que sempre se sobrevive. Aínda que vos fagan crer que sodes un máis nun rabaño non é certo. Sodes pequenas persoas queimando etapas.
Nós sobrevivimos ás monxas que nos facían rezar e que querían que fosemos señoritas, sobrevivimos á profe nerviosa que pasaba a mañá dando voltas á aula desquiciada, ao profe de mates que che pegaba moquetazos, ao de sociais que só che facía aprender as capitais do mundo e á de lingua que dividía o mundo en listos e burros...
Non sei se poderedes sobrevivir a unha clase política empecinada en gastar os cartos promocionando unhas obras de arte ridículas nun monte, usando os cartos públicos para lucro persoal ou financiando concertos de Björk e Isabel Pantoja, dúas mulleres moi necesitadas de cartos, mentres pechan as asociacións dos barrios a onde iades aprender a tocar a pandeireta... A min iso non me tocou, porque no meu tempo o estado de benestar era un meniño que nacía, e non un vello ao que lle botaban veleno dos ratos no almorzo día a día.
Sexa como for, eu dígovos que estou aquí para escoitarvos, aprendervos, mostrarvos o mundo con moitos ollos, querervos e darvos moito apoio, pero tamén vos obrigarei a pedir perdón, a apañar o que tirades, a devolver o que colledes sen permiso, a compartir co que non ten e a poñer a roupa ata que esta gastada ou xa non vos sirva. Animareivos en todos os vosos proxectos e apreciarei todos os xestos positivos que mostredes, pero tamén censurarei as maldades e intentarei que a humildade sexa unha actitude ante a vida.
Agardo que saibades ter xuízo para vivir todo canto vos queda por diante!