Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

19.5.12

Bruxelas in Spain


Os señores de Bruxelas van vir botarlle un ollo ás contas do Estado Español para verificar os chamullos no déficit público das autonomías.
Eu por se acaso estes señores, que eu descoñezo, saben galego e atopan este documento adiántolles un pouco o que van atopar neste país da pandeireta.
Que non lles estrañe que lles mintan á cara ou que lles digan que algo é vermello cando é claramente verde ou marrón sen ningún tipo de pudor.
En xeral, a xente mente máis que fala, o de malversar, prevaricar, enganar, estafar, e moitos outros verbos da primeira conxugación é o pan de cada día.
Atoparán que aquí o da tecnocracia non nos vai moito, polo xeral adoitamos votar ao político con máis “don de xentes” que tampouco sei moi ben o que é, debe ser algo así como a “elegancia”, que se ten ou non se ten.
A maioría dos alcaldes que coñezo, por quedar no primeiro chanzo da pirámide, só teñen estudos básicos, pero manéxanse quinindiola nas redes clientelares e caciquís. A escola da vida, seica.
Desmontar todo iso a min paréceme complicado pero unha tarefa que habería que levar a cabo á de xa.
Pero volvendo ao asunto, voulles describir un pouco o panorama, para que vaian entendendo a idiosincrasia da xentiña:
1. Aquí manga todo o mundo. Non fai falta ter necesidade. Rouba o do banco utilizando para o seu proveito a información, rouba o médico deixándose asesorar polos visitadores que lles regalan viaxes a cambio de receitar toda a mañá a mesma merda, rouba o enfermeiro que nutre as caixas de urxencias de toda a súa familia e a dos coches tamén, e que bebe auga usando botes de analíticas. Rouba o profesor que gasta a pasta da biblioteca do centro en libros que non son para un público xuvenil, senón para o seu uso e gozo, e carrexa bolis, folios e imprime as fotos das súas vacacións na impresora do departamento. Rouba o directivo que leva o material de oficina como material escolar para fillos e sobriños. Rouba o administrativo que utiliza os recursos públicos para o seu interese e que fotocopia os libros da nena na universidade porque son moi caros. Rouba calquera empregado que usa o teléfono da empresa para chamar a toda a súa familia, que vai á praia a fin de semana na furgo da empresa, que pasa as facturas da gasolina de toda a súa familia... E esta xente ten necesidade de roubar? Pois non, pero faino.
2. A prosperidade e o esforzo non van parellos. A maior parte dos rapaces e das rapazas do meu barrio abandonaron os estudos ao rematar EXB, nos casos en que a remataron. Cando eu estaba preparando a Selectividade xa viñan na hora do recreo ligar con nós montados nos seus coches e xa tiñan piso propio onde iamos facer o botellón. Moitos anos despois os menos seguimos estudando mentres eles ían engordando as contas facendo rozas, traballando a obra feita, abrindo os seus propios negocios, case sempre relacionados coa construción, e pagábannos as copas cun aquel de superioridade aos que dependiamos de bolsas para vivir.
Os “estudantes” fomos collendo traballos non demasiado ben pagados, preparando oposicións durante anos e sacrificando ou adiando para outro momento o que eles xa tiñan de anos e que se considera o estado de benestar: coche, casa, familia, vacacións dúas veces ao ano...
Eses mesmos ex-estudantes agora temos que aturar as acusacións desa xente que o tivo todo pero que agora ten que botar o freo a ese nivel de vida porque a construción quebrou. Agora os funcionarios, mestres, profes, interinos, directivos malpagados, etc. somos os que chuchamos o sistema ata facelo quedar sen folgos porque somos ambiciosos, preguiceiros, aproveitados e non temos ganas de traballar.
Só teñen que ler algúns xornais que non vou mencionar e os comentarios a esas noticias populistas da xente que ten tempo para comentalas porque está no paro e ten moi mala hostia e moita ignorancia no seu pequeno cerebro.
3. Roubar un xamón págase máis caro ca roubar miles de millóns. Iso tamén.
4. O traxe de chaqueta é un salvoconduto para mangar sen ter que asumir ningún castigo ou consecuencia por facelo.
5. Os inmigrantes en xeral cáennos mal, a non ser que xoguen na Champions ou corran en Moto GP ou Rally. Non é xenofobia, é aporofobia, para que nos vaiamos entendendo. Ben, as filipinas e sudamericanas internas tampouco nos estarrecen. Pero que non sexan moi esixentes.
6. O carto negro é coma un Magnum Classic, que sempre sabe mellor ca o carto branco, que é coma quen rilla nun Patapalo de 25 pesetas. Non só fai carto negro o fontaneiro, o electricista, o pintor, a perruqueira, o do bar, o do restaurante, o construtor, o do concesionario de coches, o panadeiro, o do supermercado, a rosquilleira, o churreiro... tamén fai carto negro, upsss, xa non me queda case ninguén. Ben, o señor cura coa bulsa dos domingos e co que lle colgan á virxe no manto, que tamén é pasta...
Poderán vostedes pasear por un mercado no que todo quisque vende algo xa non só sen declarar un peso, senón tamén sen rexistro sanitario ningún. Non só de xitanos e de restos de temporada viven as feiras e os mercados (ahhh, esquecíao, os funcionarios e traballadores públicos que non teñan dobre emprego, a maioría, non poden comer Magnums, están condenados ao Patapalo de xeo, así que non poden defraudar).
Cando entrou o euro en quilómetros á redonda só podía ver xente dándolle alturas á casa, retellando de novo, coches novos diante de todas as portas... Había que gastar a pesetiña antes de que se soubera o que había no colchón ou nos baixos dos mobles (negro coma a noite negra, home e logo).
E así máis detalles que non se lles pasaron no informe antes de vir. Non se escandalicen porque as matemáticas tampouco son o noso, onde pon 2,03 que poña 2,30 non é para tanto, o que vai á esquerda do cero non ten valor... ¿non era así?

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...