Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

29.6.12

O que nos ata á vida


Dicíame a sabia compañeira que outro novo blog, abandonando os vellos, deixando cadáveres pola rede (sen facerlles nin unha homenaxe).
Cando inicio un case sempre acaba indo por derroteiros polos que lle perdo a pista, un día déixoo esmorecer e caducará ou non, coma o feixe de pensamentos que son.
Este naceu como nacen as revolucións, cando o cu non che acouga porque o que hai ao teu arredor non acaba de convencerte e tes algo que dicir.
Antes botábame á rúa máis. Agora son máis escéptica con algunhas cousas. A outras non podo ir por loxística cotiá.
Pero o caso é dicir algo. Os que ledes o que escribo sabedes como penso. Hai que dicir, hai que mollarse, hai que enfangarse, protestar ou criticar construtivamente. Pero non se pode tragar con todo canto nos botan. Eu creo que non.
Pero ao que ía, que cando abrín este pensei en obrigar o meu compi da vida a facerme un debuxo ben chulo, facerme anónima, ler con calma os xornais, informarme ben e botarlle toda a miña literatura ao asunto. Pero ao final non sería eu.
Procuro informarme, pero sempre se é parcial, ver diferentes puntos de vista, aínda que algúns me custe asumilos, pero a literatura acábame escorrendo polo teclado, son máis malfalada ca un santo e nunca pode un allearse tanto que non deixe ver quen é. Ademais non sería propio de min tirar a pedra e agochar a man. Sería máis propio tirala sen ver a quen lle vou dar, sacarlle un ollo mentres poño cara de mátame camión e despois levar no fociño e arrepentirme en baixiño.
Pero aínda con toda a merda política que me enerva, a sociedade de castróns na que parece que estamos obrigados a vivir, e a información de ruindades que me rodea, sempre hai algo que nos ata á vida, e aínda a pesar dos pesares, nos obriga a intentar ser felices.
Algúns son felices coas súas parellas.
Outros cos seus bens.
Outros cos seus logros laborais.
Outros co seu labor social.
Outros cos seus amigos.
Outros con ter un prato diante cada día.
Outros coa música, cos libros, cos pequenos praceres cotiáns...
Eu son en esencia feliz, aínda que non poida abrir un blog de felicidade, porque para min sería máis difícil facer entradas ca palillar. Pero teño dúas pequechas que se encargan de facerme ir coa risa na cara para a cama, hoxe co seu baile e canción de Dora a Exploradora, a conta duns pixamas da feira que lles regalou a tía... e nós mortos de risa véndoas tolear da alegría.
Hai imaxes que pensas oxalá nunca esqueza isto. Parécese bastante ao que debe ser a felicidade en grande.
Aínda a pesar de moitos pesares, todos imos buscando algo que nos ate ben atados á vida, e iso é o marabilloso.
Só nos falta máis conciencia. O resto é deixalo entrar.

28.6.12

Unha de cal, moitas de area


E así non se fai boa masa, nin masa ningunha, nin aínda que nos matemos.

Onte aínda pensei e conversei un bo anaco sobre a gran torta que comen sempre os mesmos. Ao fío do que do que se falou durante a sesión parlamentaria e as intervencións que se fixeron e como os dous grandes partidos se puxeron tan de acordo, se taparon e se chufaron tanto no referente ao de Bankia e ao rescate económico.
Preparándose para ir hoxe a EUROPA, ese lugar onde todo é posible, a presentar a cara máis amigable de meniños que non rompen un prato. Coma Juancar pedindo perdón por matar animaliños e ter amantes fóra de temporada. Igualiño.
Que pena me dan facéndoo tan abertamente que case dá vergoña allea escoitalos, porque como alguén lle quite o tapón do cu a Bankia a merda chapúzaos a todos, a uns e mais aos outros.
A fío, un atrás do outro (e non queren ser coma Sarkozy, que non deu blindado a súa propia inmunidade e xa está imputado en nonseicantas tramas corruptas).
A cuestión é que parece que vivamos na época do turnismo. Agora estou eu e contento as miñas filas aprobando medidas progres e sendo máis social e moderno, por dicilo dalgún xeito, despois cédolle a vez ao outro, que para ter contentos aos seus critícamo todo, presenta ante o Constitucional o que eu aprobei, sabendo que o Constitucional lle dará para atrás e que Europa lle dará para atrás, porque sería camiñar coma os caranguexos, peeeero, así quedo ben e non gasto nada.
Nas sesións parlamentarias chámoche malo, feo e rabudo e ti chámasme mala persoa, máis feo aínda e rabudo ao cadrado.
E despois retirámonos todos, cos galóns e prebendas requiridas e marchamos para a empresa privada traballar, ou figurar, coma grandes colegas e mentes pensantes (porque xa o tiñamos falado, obviamente, e tratado e pagado, claro, claro).
E así sucesivamente.
Mentres outros partidos periféricos, ou de esquerdas, ou ecoloxistas, ou nacionalistas, non conseguen nin sacarlle as cores coas súas intervencións. Nin sequera coas acusacións máis probadas, máis obvias ou máis vergoñentas.
Que porte gastan xogando a esa especie de xogo infantil. Dá gloria velos, se non fora que xogan coa nosa calidade de vida e coa dos nosos fillos, e netos... se chegamos a velos.
E así andamos.

O de NGB cada día déixame máis abraiada. Empezo a relacionar nomes, ex-políticos metidos a directivos, obra social que merca iates onde se reúnen con alcaldes e empresarios da construción, ex-directivos de Inditex metidos a sanear (persoal e oficinas, esencialmente, que será do que máis entende), indemnizacións millonarias, barco fondeado, recualificación, retaxación, inflación... e unha chea de cousas que acaban en –ón que se me atragoan, coma un gran polvorón.
Eu flipo. Por veces en vez de ler sobre unha trama que está pasando aquí á beira da casa parece que estou lendo o xornalismo amarelo que existiría, se existise, en tempos de Jesús Gil.

En contrapartida, a de cal é que mami Europe dixo que o da amnistía fiscal lle parecía un burato moi negro por onde podían escoar moitas cousiñas de diola. Como din os vellos, siquiera bué, se van poñendo algo de orde os de arriba, xa que aquí perderon a cabeciña de todo nalgunhas cousas.

E como os meus compañeiros substitutos este ano quedan sen paga de vacacións, a ver se aos sindicatos tamén se lles ocorre mandarlle a Europa un recurso para que lle dean a cada un o seu, porque calquera fillo de veciño conta con días de vacacións sexa o contrato que sexa ao rematar este. Pero vaia, nun país no que hai máis políticos ca profesores a balanza está claro cara a onde se ten que inclinar, penoso.

E a zamañoca da Esteban abandeirando a causa gai... A CAUSA GAIII!!!!
Que guai, a paduaniña amiga dos gais, que lle poden pedir o que queiran, que ela estará aí. Non adoptes un can, adopta un gai.
Patética ela e patética a revista que lle deu cancha para semellante estupidez. Menos mal que xa houbo resposta e contundente. Olé todas as plataformas de gais e lesbianas que puxeron no seu sitio a Interviú e a rapaza esta tamén.
E estes días vai vir á Illa gravar coa tvg (póñoo así en pequeniño, porque xa non me sae poñelo en grande tal como está o seu grao de tele pública penosa). Estaría ben orgullosa que as confrarías de mariñeiros sacasen tamén un par de comunicados onde lle pidan á tele e á susodita que non veñan frivolizar o traballo das mariscadoras e dos mariñeiros galegos e que vaia apañar ameixa á casa da collona (este sería o meu comunicado, pero é que eu cando me cabreo perdo a forma e perdo o creto, eles terían que ser máis educados e correctos). Pero dáme que non. Que se gravará e que se emitirá e aínda lle levarán os fillos e os netos para que llelos bique e poder colgalo no feisbu ou enmarcados na taberna, onda as fotos que sacaron coas autoridades que viñeron dar un voltio entre o galipote...

Aiiiii, entre a corrupción bancaria, o amiguismo político, as ideas peregrinas que lle inculcan á princesa del pueblo (que xa sabemos que a monarquía non pensa, por iso se mete no que se mete, así, a tontas y a locas) e temas variados temos como para non pegar ollo... en fin!!!

27.6.12

Polo si ou polo non


Xa estamos de novo no verán.
Onte vendo un programa de españois polo mundo, unha señora, que fora punky, despois emigrara a América e finalmente acabara na igrexa evanxelista contaba que cada ano da súa vida era distinto e que vivía máis autenticamente.
Eu espero non abrazar a igrexa evanxelista, pero si que me dou de conta de que non boto en falta nada que perdese no camiño. Cada etapa que vas queimando parece máis satisfactoria.
Supoño que non é máis que ir madurando, ou que te vas facendo máis consciente do paso do tempo.
Di o refrán que vai a vella morrendo e vai aprendendo.
De todo nunca acabas de aprender, pero de todo aprendes, e cada vez máis.
Por exemplo, aprendín a apreciar máis as persoas que están aí, ás veces visibles e ás veces invisibles, pero que están aí. E a ignorar ou minimizar máis o resto.
Supoño que hai moitas patoloxías que atinguen ás relacións sociais e a como se establecen e se estas favorecen ou prexudican a persoa.
Teño unha amiga que cando se “namora” dalgunha persoa dálle ata as bragas que leva postas, e cando se sente defraudada ou non correspondida necesita pensar que a matou e que a enterrou e só así o supera, doutro xeito sufre en serio.
Tiven un mozo que tamén é así, que me dixo que necesitaba pensar que morrera nun accidente ou algo semellante para poder continuar a súa vida sen levar un peso enriba.
E así moitas máis historias.
Eu tamén tiña a patoloxía de facer limpeza de axenda. Nun tempo pensei que ou había reciprocidade seria ou xa non me interesaba o tema.
Tamén a limpaba de xente que non me caía moi alá.
O da diplomacia resérvoo para outros ámbitos nos que creo que é máis necesaria, se non obrigatoria.
Para o día a día diplomacia cero.
E así vai pasando o tempo.
Unha vez díxome un amigo que a vida era un camiño que percorrías de comezo a fin ti só, e nese camiño ía aparecendo xente, momentos, vivencias, todo circunstancial. Ás veces eran situacións que se dilataban no tempo e ás veces momentos puntuais, e que iso era o que o facía emocionante, que nunca sabías en que punto te atopabas.
Pois iso.
Algunha xente gustaríame levala toda a vida canda min, pero seica hai que ter claro que de comezo a fin, só podes esixirte camiñar a ti mesmo.

26.6.12

Tremé


Hoxe podía botarme a falar de NCG, que é o que me pide o corpo, en realidade, pero como parece que vai ir bo tempo, acabamos de saír das festas, aínda teño un exceso de azucre correndo polas veas polo exceso de sobremesas, pois... ímolo deixar para outro día. Cando se concrete máis esa non comparecencia do presidente da Xunta á votación no parlamento, que manda moito carallo, se non estou na allada, a allada frítese igual.
Ultimamente parece que toda nosa clase política espera a que as cousas se resolvan por si soas, aquí non toma o mando nin o apuntador. De noite pensarán: a ver se despois do San Xoán, a ver se despois de xullo, a ver á volta das vacacións... e así ata que acabemos todos metralleta en man atracando os supermercados para comer.
Ainsssss!!!!
Pero hoxe vouvos recomendar unha serie que moito me está gustando. Chámase Treme, que é o nome dun dos barrios de Nova Orleans máis afectados por aquela xa esquecida rotura da ponte e anegamento posterior.
É unha serie moi neutra. Podía afondar nas miserias humanas e non o fai. Podía tirarlle partido a moitas situacións que se presentan mostrando a carnaza e non o fai. É unha serie bastante sutil e que deixa moito á intelixencia do espectador, ao contrario do que se adoita ver.
Non é unha mostra de alegría de vivir, nin tampouco proclama aos catro ventos a hecatombe do ser humano.
Para min é unha serie realista, nada morbosa e que engancha.
É a vida mesma.
A banda sonora é espectacular e en moitos momentos descóbreste movendo os pés mentres a ves.
Eu estou agardando con ansia a terceira temporada.
Agora que vén o verán, ademais de gastar o tempo cos amigos, que é fundamental, coa familia, se vostedes queren, e investindo os momentos de lecer no que máis lles guste, proben un par de capítulos de Treme, non os vai defraudar.

25.6.12

O que sabe, sabe

Dicía o que comía os mocos.

E isto moito me vén á boca ultimamente escoitando tanto debate de sobremesa ou de cruzamento de rúas...
A humildade escríbese con h de hai que tela, hai que tela, que faltando moito se bota por fóra!
(e valla tamén para min, obviamente)

22.6.12

San Xoán


E que a sardiña que molle ben o pan.
Iso é para min.
Aquí o San Xoán non é só unha noite, porque son as festas patronais.
Se boto a vista atrás non podo máis que botar un sorriso.
En San Xoán estreabas a roupa de festa.
E comías cousas que o resto do ano non vías diante.
E levabas unhas moedas no peto para poder achegarte á cabina dos feirantes e comprar unha ficha para unha volta para algo. E aforrábalas para que durasen toda a semana, así que che daba tempo a ver como os demais subían, rían e o pasaban ben, sabendo que cando quixeras tiñas o poder de facelo ti tamén.
E entro pola rúa Coruña e é coma se me cheirase a poni, aínda que haxa tantos anos que non os ves diante.
Acabarse as clases e comezar a festa era todo un.
E as festas das cacharelas cos amigos.
Saír ata tarde.
Bailar na orquestra.
E as comidas da festa. De sentar ás 2 e non erguerse ata as 7.
Saíndo a rolos.
Hai tantos recordos do San Xoán, que ata aqueles sanxoáns nos que había que estudar e ter un pé na casa e outro na facultade me seguían parecendo máxicos.
Moitos apuntamentos e desexos queimei eu na cacharela.
Onte levamos as nenas ver como poñían a punto as barracas.
Volvelo vivir todo con ollos inocentes, non hai cartos que o paguen.
E volver ver os amigos que están fóra e que volven só para cargarse de novo de recordos.
Esta fin de semana non só é San Xoán. É moito máis.

21.6.12

Trolas pequenas e trolas grandes

Trolas pequenas son as que me impiden facer unha tatuaxe, aínda que me gustaría, ou poñer un pendente no nariz, que sempre envexei ás compañeiras que o levaban tan ben postiño.
E pasou tempo, pero esas trolas pequenas calaron aí ben fondo e convertéronse no Pepito Grillo que me di: por aí non, nena, cando me quero lanzar a algunha desas ideas peregrinas que me pasan pola cabeza.
Houbo unha época na que os chicles traían tatuaxes e todos os nosos amigos do barrio adornábanse con elas, pero miña nai, que nos refregaba cun estropallo dos verdes despois do verán para sacarnos a roña (a roña viña sendo os restos do moreno adquirido polo sol), dicíanos que poñer iso nos chupaba o sangue. Poñer tatuaxes de cromo para nós era coma inocularse directamente unha enfermidade vírica grave. E ás veces cando viamos algún amigo que tiña a zona toda rubia despois de refregar os restos que lle quedaban confirmabamos para o noso interior que iso era así verdadeiramente.
Algunha vez ousamos poñer algún, pero enseguida o borrabamos, antes de que os pés comezasen a quedarnos sen circulación.
Pois esa pequena trola funcionou ata tal punto que nin eu nin ningún dos meus irmáns puxemos nunha unha tatuaxe, por minúscula que fose, nin a pesar do momento en que estiveron tan de moda.
E así con outros vicios.
Trolas pequenas son tamén as que nos contan personaxes públicos que nos queren convencer que isto é culpa nosa, por gastar sen medida, por acceder a hipotecas coas que estabamos vivindo por riba das nosas posibilidades, por malgastar os cartos no canto de aforralos, por investir en produtos financeiros que prometían grandes fortunas ao cabo dos meses...
E inexplicablemente tamén son efectivas, van calando e realmente a xente que agora malvive e da que abusan dun lado ou do outro resígnase e pensa que ten parte de culpa.
Trolas máis grandes xa son as da monarquía e as de trapalleiros coma Camps, Dívar e compañía e aínda que non acaban de convencer a case ninguén, aí seguen, intentando buscar un oquiño.
Ao final a didáctica de miña nai, sen ela sabelo, era a máis efectiva do mundo.
A vida baséase en trolas, unhas máis grandes e outras máis pequenas, pero trolas á fin e ao cabo. Que barbaridade!

20.6.12

Vaiche boa


Ás veces circula cada cousa por aí que di ti, apaga e vámonos.
Por exemplo, ultimamente non paran de propoñerme pegar grandes frases ou disquisicións de Lucía Etxebarría, que, dispensando aos que lles guste, a min paréceme unha escritora bastante mediocre, á parte das súas metodoloxías que tampouco me acaban de convencer que están detrás desa gran palabra que se chama “intertextualidade” e que na xerga docente se coñece como “copiar”.
Non vou ser eu quen a xulgue, porque tampouco me corresponde.
A min todos os libros que lin dela non só me defraudaron, senón que me fixeron pensar que se para alcanzar a igualdade de sexos realmente temos que adoptar o peor do outro sexo, nunha especie de imos ser a antítese do que queremos ser para despois alcanzar un equilibrio, eu paso de feminismos.
Non o sei. Igual si e eu non alcanzo a comprendelo.
Eu quero igualdade, nin inferioridade nin superioridade, pero non quero mexar de pé, levantarme empalmada, rañar o cu mentres vexo pingar o café, drogarme ata caer redonda, dicirlles bastadas aos tíos pola rúa, usar os homes sexualmente, ir de putos... Non sei, esta rapaza destílame un algo nos seus artigos e comentarios que a min, persoalmente non me gusta.
E menos me gusta que se metese en leas coa miña admirada Elvira Lindo, a cal é bastante máis xuizosa e mellor escritora, e creo que gaña os premios de maneira máis xusta e merecida. Creo eu.
Pero é a miña opinión.
Pois iso, que de repente solta unha burrada e todo o mundo a posteala. Pero non só ela, tamén hai máis, digo ela porque é a que máis me chega ultimamente. Parece que o éxito que tivo o primeiro comentario a animaron a máis. Niso concordo, sempre anima saber que o que dis ou o que escribes satisfai a alguén, aí non a culpo.
Pero eu son unha roñona nata. Ha de ser iso. O médico sempre me di que o meu é todo psicosomático, pero aínda non me coñece persoalmente moi ben, cando o faga halle botar a culpa ao carácter e deixarase de palabros técnicos.
Onte lin que os blogs máis lidos, con ata millóns de visitas diarias eran os de moda, incluso había blogs de adolescentes caza-tendencias que petaban a rede.
A min estas cousas defráudanme, pero non é máis que o retrato dunha sociedade que premia a xente coma Nadal ou Fernando Alonso, que practican “deportes” elitistas, aos que puideron acceder unicamente pola súa nacenza afortunada, que puideron practicar grazas non a patrocinadores senón á fortuna das súas familias e que recadan millóns de euros, que defraudan outros tantos millóns e que por riba son ídolos de masas. Cando apenas saben vocalizar. Mentres o deporte de base nos barrios, vilas e cidades sobrevive con porterías que dan máis dun desgusto de cando en cando.
Na residencia universitaria na que vivín durante a carreira tiven a sorte de compartir horas e momentos con persoas que hoxe son grandes científicos, médicos, mestres, enfermeiros, investigadores, xornalistas... que alcanzaron grandes logros.
Algún está implicado en traballos que no futuro salvarán vidas.
Pero a eles non os segue ninguén.
As súas publicacións apenas teñen lectores máis alá dun pequeno ámbito e, por suposto, calquera análise sociolóxica que fagan non é posteada máis que polo seu círculo de amigos.
E despois aínda me digo polas noites: take it easy, un mundo mellor virá despois da tormenta... Ilusa!

19.6.12

Euforia


Seica nunha democracia, todos os cidadáns debemos interesarnos polos asuntos públicos. Non se trata de que debamos converternos en políticos profesionais, pero si de que participemos, nalgunha medida, na definición das políticas que van gobernar a nosa vida tanto individual coma colectiva.
Pero isto debeuse de esquecer nalgún momento da nosa recente historia. A xente xa bo é se vai votar, o resto déixao para catro que son os que protestan, saen á rúa ou promoven e executan algún tipo de acción. En realidade a xente pensa que é a única vía de participación, despois pensa que perdeu a opción a máis.
Poñer o papel nunha urna e ver o que pasa, e aguantar o que boten.
A min que en Grecia volvesen gañar aqueles que mentiron anteriormente arrepíame, dáme calafríos (porque me temo o mesmo para o noso futuro inmediato, por desgraza) e tamén me dá que pensar. Realmente sufriron tal coacción e ameazas que non me estraña. Algo semellante a cando ameazan os pensionistas con que se veñen outros lles van quitar as pensións. Realmente eles non pararon de escoitar como mamá Merkel Unión Europea lles dicía que ou por aquí ou culo-culo... Así que o resultado, aínda que defraude, é comprensible.
Tamén me dá que pensar que unha moza de 22 anos, por moi neta de Le Pen que sexa se presente como candidata dun partido de ultradereita...
Algo está fallando, realmente algo está fallando.
Quería tamén explicar algo sobre o meu parecer cara ao fútbol pero fanme desistir moitas persoas que me rodean. Meu pai, que só o sigue porque si, sen valorar de quen é o equipo, que representa, cal foi o seu pasado ou se defraudan, se rouban, se é unha cortina de fume para asuntos políticos... o meu sobriño, que pinta a cara coa bandeira e pon a camiseta aínda que eu lle diga que lle vai saír un sarabullo que non llo vai quitar nin o apuntador... e moitas outras persoas que sei que o ven cos ollos cos que eu non podo.
Porque cando vexo as ventás inzadas de bandeiras e mostras de euforia desenfreada, e os monitores pintándolles as caras e as mans aos meniños nos festivais de fin de curso é que me poño renegrida... sáeme a vea mala.
Quizais o día que vexa que esa mesma xente protesta coa mesma enerxía polos seus dereitos, ou porque ao veciño o banco lle quita a casa que aínda vai ter que acabar de pagar, ou porque a parroquia está desbordada no roupeiro e no comedor social... quizais día que tamén se festexe o “deporte patrio” vaime dar igual, vaime parecer ben, incluso. Ata que iso aconteza, férveme o sangue cando vexo os anuncios nos que participan (e que é o que venden), as salsas das hamburguesas, os cromos dos chicles, a dedicación de minutos de informativos e ata me presta mal meter o ordenador na mochila, que é vermella!

Pero ao que ía, como cheguei ata este artigo no que se dan ideas coas que concordo, pois transcríboo, xa queda todo dito. A quen lle interese lelo todo, non ten desperdicio, pode buscalo pola referencia.
O artigo está en laopinioncoruna.es e é de José Manuel Pereiro: Por que non é obrigado entusiasmarse con La Roja
[Non] entendo que en ámbitos nos que se critica ao Barça ou ao Athletic de Bilbao (especialmente ao primeiro e ao seu expresidente) polas súas connotacións políticas se aproveite agora á selección española, cando lle vai ben (e soamente cando lle vai ben) como remedio diso que un sociólogo ocioso chamou "anorexia patriótica". Aterra escoitar a un popular radiopredicador metido a telepredicador dicir que, grazas aos méritos dun equipo de fútbol "nuestros hijos ya no tienen por qué tener ese complejo de inferioridad deportiva que tuvimos nosotros" porque máis complexo deberiamos ter de que, cando nacemos el e eu, neste país as mulleres necesitasen autorización marital para sacar o pasaporte ou abrir unha conta bancaria. E a min tamén me acomplexa compartir profesión con el e co seu compañeiro que sentenciou que "Puyol se escribe con g de corage" (cando nin Puyol nin coraje se escriben con g). O propio fútbol é contraexemplo de que o sentimento por uns colores non se adquire co DNI, porque hai coruñeses e vigueses que non son do Depor ou Celta, e mesmo van contra o equipo da súa cidade cando xoga co equipo dos seus amores.
E aínda sentíndose español e futboleiro, unha razón para alegrarse, pero non para entusiasmarse por narices é non solidarizarse con certas actitudes. Desde as autoridades demagóxicas que non teñen para pagar aos provedores pero si para instalar pantallas xigantes, pasando polos que teñen escusa para esparramar e rematando polos que aproveitan para airear a bandeira coa mesma galiña que utilizaban aqueles aporreadores de hai anos (por certo, a bandeira republicana tamén é española, e non se ven). E sobre todo, porque, como dicía un cabaleiro completamente español como Enrique Jardiel Poncela, "a dictadura é o sistema no que o que non está prohibido é obrigatorio".

18.6.12

Borderías e outros males

Esta fin de semana vin dúas borderías pola rede que moito me gustaron.
En xeral tamén hai que ser algo borde, que o outro chámase "dorar la píldora" e ás veces está ben, e é de recibo, pero moitas outras, chégalle ben.
A primeira ocorréuseme a min, que tamén me chega de borde cando me poño, estaba eu a piques de apagar o ordenador e deille a actualizar e de repente, nun grupo dun evento no que estaba subscrita unha rapaza, moi guapiña pola foto, pon: VIVA, UN RALLO DE SOL OHOHOH... e unha horda de seguidores seus poñen comentarios do tipo: estupendo, genial, allí nos vemos, tú si que eres un sol, ven tú y saldrá el sol seguro... e eu pensei en escribir QUE RALLADA DE COMENTARIO HOYGA!, pero ao final corteime, porque total, ía levar para o pelo segurísimo e non había necesidade, que xa tiña que poñerme en marcha.
O outro foi pola noite tamén na páxina dun evento do que me teño que borrar porque non paran de spamearme. Actualizaron o web para mostrar un pouco de que vai o "rollo" e a foto de portada é dunhas rapazas guapísimas exhibíndose un pouco. Cando a vin pensei, arrecarallo non terán máis por onde tirar???, pero en fin, total, que de repente poñen os organizadores ¿Qué os parece la nueva imagen del festival? E un montón de xente dándolle ao Gústame e unha ristra de comentarios no mesmo sentido de pelotear ata o infinito. E unha rapaza pon con todas as súas letras ME PARECE UNA MIERDA.
Mira, ás veces tes que rirte porque cho pide o corpo.
Total, déronlle para o pelo bastante a ela, aínda non sei se saír na súa defensa.
O outro día tamén me chegou un anuncio do EVO BANCO e pecheino e logo saía no meu perfil e nos meus gustos como que me gustaba Evobanco. Así que me quentei e deixeilles unha nota que poñía: En Evobanco tamén ides colocar produtos tóxicos e ides enganar a xente para que asine co dedo? Gustaríame saber como podo facerme clienta eludindo as i-preferentes e os produtos financeiros tóxicos 2.0 tan modernos que nos ides colocar aos incautos pola rede.
Eliminárono aos dous minutos.
Que pouco sentido do humor ten a xente.
Eu cada día teño máis, por iso non sei se non saír na defensa da rapaza de Me parece una mierda dando algún argumento máis, aínda que me dean do meu tamén un pouco despois.
Como falabamos o outro día un grupiño, para que te vas enfangar en historias que non teñen remedio e por riba aínda quedar de radical, de feminista, de nacionalista, de extremista, de chunga...?
Pero é que se ninguén se enfanga aquí todo se vai volvendo normal... algo haberá que enfangarse, ¿non?

17.6.12

Romarías


A min dinme dunha romaría e sábeme a roscas, con ben de azucre pegado, coma as que vendía miña avoa e que estaban nas caixas o día antes da festa alí na sala da casa.
Antes de ilas buscar traiamos as varas de vimbio e mais as bolsas de plástico para os melindres e para as roscas de bola, que lles chamabamos. As miñas favoritas.
Despois había que facer as bolsas e as varas metendo unhas cantas morenas e outras cantas doces e todos os que andabamos por alí coma o raposo desexabamos que algunha viñera escachada, ou que rompera ao metela na vara, ou que a señora Jesusa, que era quen as facía, contara mal e sobraran as xustas para non dar para outra vara.
Comín tantas roscas na vida que non sei se teño que agradecérllelo aos meus avós ou culpalos tamén de que agora non saiba parar de rillar nelas.
O seguinte recordo que me vén á cachola co das romarías é a historia que tantas veces nos contou meu avó, de cando era taxista e unha rapaza que tiña o diaño, que era da nosa parroquia, lle pediu que a levara ao Corpiño a Lalín. A nai da rapaza ofreceuna a facer o sacrificio de ir camiñando de xeonllos para ver se botaba fóra o demo. Así que alá foi meu avó pensando en deixala a un par de quilómetros, ou en ter que darlle a manciña mentres xiraba arredor dunha ermida ou algo.
O caso foi que a cargou no taxi, toda ela vestida de festa e cun pano na man. Puxo o pano no asento do taxi, púxose de xeonllos e comezou a moverse no sitio coma se camiñase de xeonllos de verdade.
Veña, señor Ramón, que logo habemos chegar.
Cando nolo contaba escarallábase e escarallabámonos, imaxinando a muller de xeonllos dentro do taxi cara a Lalín.
Así ofrécese calquera, dicía meu avó, co demo si, pero parva polo cu arriba.
E despois ás romarías asocio a gaita, a pandeireta, ir comer o polbo, arrolarse pola herba, oír a misa de fondo, a xente vestida de bonito...
Hoxe fun coas nenas a unha romaría pop, disque.
Cando chegamos alguén orneaba algo así como “lata de atún, lata de atún, lata de atún...”.
Chamáronlle romaría por bautizala con algo, digo eu. Pero eu non son nada moderna. Ao contrario.
Non vou engadir valoración ningunha máis. O caso é botar un conto.

Pero hoxe recibín un agasallo, xa que non puiden ir ver o Manu Chao por circunstancias da vida, un amigo mandoume unha nota súa. Eu contentísima e agradecidísima polo xesto, de Manu Chao, pero sobre todo de Chema, que foi quen lla pediu e de Cris, que se acordou de min.
Ultimamente, e cada vez máis, distingo os bos e xenerosos moi por riba do resto do mundo e penso... oxalá eu tamén estea á altura.

16.6.12

BSO

Seguro que todos tendes algunha canción que vos serviu de banda sonora en moitos momentos da vida. Eu teño centos delas, centos de momentos musicados e que asocio a unhas sensacións vividas intensamente, case sempre.
Un deses momentos máis intensos foi un día que me deu por coller o coche, facer moitos quilómetros e subir ata San Pedro de Rocas camiñando, sen intención de nada.
A música escolleita unha intensa, Madredeus e Dulce Pontes, que convidan a ver a vida dunha maneira moi particular.
A chegada á igrexa tras o percorrido entre o monte con esta música foi un dos momentos máis clarificadores da miña vida. Así que cada vez que as escoito recordo por que collín o coche, por que me botei a camiñar e a volta á casa de noite.
Eu e a música.
Feliz fin de semana, déixovos a letra dunha das cancións, dunha das que me gusta especialmente, de Madredeus.

Oxalá, me passe a dôr de cabeça, oxalá
Oxalá, o passo não me esmoreça;
Oxalá, o Carnaval aconteça, oxalá,
Oxalá, o povo nonca se esqueça;
Oxalá, eu não ande sem cuidado,
Oxalá eu não passe um mau bocado;
Oxalá, eu não faça tudo à pressa,
Oxalá, meu Futuro aconteça
Oxalá, que a vida me corra bem, oxalá
Oxalá, que a tua vida também;
Oxalá, o Carnaval aconteça, oxalá
Oxalá, o povo nunca se esqueça;
Oxalá, o tempo passe, hora a hora,
Oxalá, que ninguém se vá embora,
Oxalá, se aproxime o Carnaval,
Oxalá, tudo corra, menos mal

15.6.12

As sorayas da vida

Gallardón falando con total coñecemento de causa, segundo el, de que unha muller só se realiza como muller cando ten un fillo fraco favor nos fai ás mulleres e aos logros sociais e persoais que tanto tardamos en conseguir para o sexo feminino.
Soraya Sáez indo traballar á semana de ter parido e enchéndoselle a boca dicindo que o primeiro é España e despois a súa familia, á parte de surrealista, é bastante insultante para os cativos logros que se conseguiron en materia de conciliación familiar.
Calquera que tivo unha baixa de maternidade de 16 semanas e que non vive rodeado de luxos, neneiras e axuda para sacar todo adiante sabe que non chegan case nin para comezar a establecer os novos parámetros cos que tes que empezar a xogar.
Teño visto moitas nais chorar na porta da gardería a primeira semana, e a segunda e a terceira, sabendo que deixan os seus cativos querendo confiar en que estarán ben, atendidos, coidados e queridos, mentres van ao seu traballo para levar a vida adiante.
A min gústame traballar. Gústame ter vida. Non me gusta ir ao parque e pasar o día falando dos fillos e das fillas. Non me gusta perder a perspectiva. Á parte de nai sigo sendo moitas outras cousas.
Eu teño dúas fillas, que naceron xuntas. Antes de telas os meus plans eran incorporarme ao traballo ás 16 semanas, metelas na gardería e que todo seguira coma sempre.
Pero despois vin que as cousas non podían ser así ou non debían ser así se había outra opción.
A maioría da xente tira de familiares para poder conciliar. A outra minoría fai como pode.
Eu puiden renunciar ao traballo sen decaer nas listas. E tamén porque teño a sorte de ter un plan B, que realmente é o que me gusta, e traballar na casa.
Outra xente non ten tanta sorte.
E vela chorar na porta da gardería.
Ou vela ter que vivir como tivo que vivir súa nai, súa avoa, súa bisavoa... Dedicada a tempo completo aos fillos e á casa, sen perspectiva de volver ao seu traballo en anos. Esa é a conciliación real, a outra é a que nos venden. O fume.
Soraya foi ao congreso polas súas motivacións persoais, por ansias de poder, por unha boa remuneración ou polo que fose. Seguro que non se sentiu culpable polas noites cando chegaba á casa e o seu meniño estaba xa empaquetado e listo para durmir.
As nais que destetan os seus fillos moito antes do que a OMS o recomenda, que os deixan 8-9 horas nas mans nas que queren confiar, e que o fan por un miserento soldo, esas si que teñen por riba o remordemento e o puto sentimento de culpa.
Enriba o neno de Soraya, que non sabe o que é que súa nai o teña no colo horas e horas durante moitos días e noites, será un meniño privilexiado con escolas privadas, seguros sanitarios privados, coidadores que non lle quitarán ollo e un longo etcétera de cousas materiais.
E os outros terán que repetir o ciclo familiar de esforzo, traballo, sacrificio, servizos públicos que a ver se non van a peor e un longo etcétera tamén.
E aínda así con todo, cando sae con esa arrogancia e esa chulería de quen cre que está por riba dos demais e dicindo que para ela o primeiro é o país, dáme máis pena ca envexa.
Con todo o que me gusta a min o traballo, a vida, a socialización, saír de cañas, botar un conto aquí e alá, ir aos festivais, saír de troula, viaxar fóra dos tours... aínda con todo, nada me pode compensar saber que estou facendo o correcto polas miñas pequenas, e que as estou educando para que o día de mañá sintan o orgullo de saber que non se necesita tanto material para poder ser feliz, nin un colexio privado, nin cen ollos pendentes de ti porque lles vai no soldo.
Ás mulleres normais e correntes, nin os gallardóns salvadores da nosa feminidade, nin as exemplarizantes vidas das sorayas nos fan falla ningunha.
O que facemos é o que se fixo toda a vida, tirar para diante, que xa dabondo é coa que está caendo.

14.6.12

Contradicións en Educación


Onte no DOG publicouse o incremento das horas lectivas para o profesorado de Secundaria. En realidade o do aumento das horas, que xa non son poucas, non é máis que outra medida de aforro de persoal.
Dan máis horas, máis afíns para cubrir o horario, menos interinos e substitutos que se necesitan.
Tamén se elimina Preescolar na casa.
E fan aos mestres coidadores dos rapaces cando veñen e van fóra das aulas, desde a súa casa. Bufff, xa me chega responsabilizarme dos que levo ao parque e me son da familia, se tamén me teño que responsabilizar dos que baixan dos buses xa me quitan o sono de todo.
Non se amortizan as prazas das xubilacións.
Tampouco se cobren as baixas de 15 días ou menos.
Calquera que collera algunha vez unha baixa sabe que, aínda que se vaia prolongar no tempo, ten que renovala ben de 7 en 7 días ou ben de 15 en 15 (dependendo de se é ou non funcionario), así que realmente desa data van ser todas. Aténdose ás súas propias normas, van poder non cubrir as que lle pete.
Todo vai depender dos xefes e xefas de estudos chamando á Consellaría (se lles collen o teléfono) dando a vara para convencer os funcionarios que os atendan de que a baixa se vai prolongar, asegurándolles que non é unha enfermidade leve, senón grave (e con iso airear a vida privada dos docentes, pois para xustificalo poñen a carón da túa baixa: PROLONGARASE ENFERMIDADE GRAVE, EMBARAZO DE RISCO QUE ENGANCHARÁ COA BAIXA POR MATERNIDADE E LACTACIÓN, FALECEMENTO DUN FAMILIAR), e quero pensar que non empezarán a especificar máis. Porque imos dados.
Así que este é o panorama: aulas masificadas, profesores saturados e obrigados a dar outras especialidades que non son as súas e baixas que non se cobren.
Marabilloso, marabilloso.

Unha vez estiven de substituta nun centro e ao día seguinte chegou outra rapaza que tamén viña substituír o meu compañeiro de departamento. Que tivera un accidente grave e non se incorporaría en case todo o curso.
O meu compañeiro, que eu non cheguei a coñecer, era un deportista bastante activo, nacera en Suíza (fillo da emigración), polo que dominaba bastantes linguas e era moi amigo dos retos. Así que a miña compañeira só tiña un grupo da súa especialidade e despois tiña o resto de grupos de francés e un par deles de educación física.
Cando chegou quedou parva, quixo renunciar, pero iso implicaba que renunciaba ao posto voluntariamente, co cal podía decaer das listas.
Así que fixo o que case todos facemos nestes casos, pasar as tardes e as fins de semana estudando, indo a clases particulares e preparándose para algo que non esperabas. Iso no mellor dos casos de non ter familia, de estar nunha pensión a centos de quilómetros da túa casa e, polo tanto, tempo libre (daquela maneira) para poder facelo.
No peor dos casos, de ter que conducir centos de quilómetros e facerte corresponsable da túa familia no teu tempo libre, tes que quitarlle ás noites, entre as correccións, as preparacións das túas clases e facer, como se diría en inglés, your best, botando man das ferramentas que poidas.

A xente que non coñece interinos e substitutos aínda non sabe ben a calidade de vida que nos obrigan a ter en moitas ocasións, esa que se considera tan marabillosa e tan ben remunerada. Eu nun par de ocasións sentíame máis chófer ca profesora e entre gastos de coche e de ter que facer a miña vida fóra deixei case o 60% do meu soldo (ah, e aseguro que non se cobran eses 3000 euros que a xente pensa que cobramos, os substitutos roldamos os 1600-1800 euros, dependendo das retencións; o peón de meu pai, que só facía masa e carrexaba ferramenta cobraba 1500, e comía e durmía todas as noites na súa casa). Así que tanta ganga non é. Obviamente é un traballo e pode ser marabilloso, pero tamén poden cadrarche as peores circunstancias e, aínda así, ter que facelo ben.

Outra vez estiven nun centro no que tiñan literalmente abandonados os encerados dixitais, porque ninguén sabía manexalos.
Todos os cursos aos que foran resultaran bastante infrutuosos. Eu, emocionada ante tal despregamento de tecnoloxías algo puiden facer, aínda que o ADSL era ficción científica naquela zona.
Dediquei unha boa parte do meu tempo libre a estar no centro aprendéndolles catro cousas básicas a compañeiros entusiasmados que se preguntaban por que a ninguén se lle ocorría darnos horas de docencia aos máis novos para aprenderlles aos máis vellos a reciclarse neste sentido.
Pareceume unha xenial idea e bastante boa para aforrar os custos deses cursos infrutuosos e tamén para amortizar o gasto xa feito en material.
Así que humildemente mandei a proposta á Xunta.
No canto de enchufarnos tantas afíns, déannos horas para colaborar cos compañeiros a tirarlles partido a eses recursos que eles ven tan desafiantes e que despois acollen con tanto entusiasmo ao vérense capacitados para facelo.
Ninguén me respondeu nunca.
En realidade non interesa.
En realidade tamén só somos números. Coma os parados.
A educación dos rapaces e rapazas só é un título máis para o debate en moitas ocasións.
Se a ti che amputan as dedas, aínda que che dean unhas muletas de última xeración de titanio xa estás fodido. Poderás moverte, poderás facelo o mellor que poidas, poderás asumilo e tirar para diante, poderás destacar e superarte se o propós. Pero mellor e coa vida máis fácil estarías se te deixasen estar como estabas e che agasallasen cunhas boas zapatillas ben cómodas.
A Consellería de Educación prefire ir amputando e despois ir soltando pequenas axudas de última xeración. Para ir saíndo moito nos medios coma ese ente caritativo e con tanta vontade.
Pero os demais, profesores, profesoras, equipos directivos, pais, nais, mestres, alumnos e alumnas, xa estaremos máis que fodidos.
E despois éncheselles a boca falando de calidade e de excelencia educativa pública... 
Xa non sei se me indigna ou se me doe, perdinlle a pista a estes dous síntomas ultimamente.

12.6.12

Prexuízos

O meu amigo Álex colgou unha foto dunhas señoras mirando cara a algo con cara de emoción. E algúns dos seus amigos propuxemos un pequeno xogo para adiviñar de que se trataba.
Case todas eran señoras de cincuenta para arriba e parecían realmente emocionadas, así que o primeiro que che vén á cabeza é que están nunha procesión, nunha romaría ou mirando para un santo.
Outros apuntaron que estarían mirando un partido.
Supoño que ningún dos que lanzamos hipóteses parou a pensar en serio de que se trataba e deixámonos guiar polo primeiro que nos veu á cabeza.
Así mesmo acontece cando mostras dúas imaxes e lles preguntas aos rapaces cal é o avogado, que está casado, que é serio... e cal o rapaz que está no paro, que non fai máis que gastar o seu tempo saíndo cos amigos... E sempre se repite a mesma resposta. O ben vestido é o primeiro e o que vai en vaqueiros e camiseta é o segundo. E así con máis experimentos cotiáns, que todos vivimos ou coñecemos sobradamente.
Temos tan interiorizados os prexuízos que nin nos decatamos e perpetuámolos, que é o peor do tema.
Ah, a foto era do cortexo cívico que se fixo na Coruña no 2005 co gallo do día das Letras e as señoras estaban escoitando atentamente a Anxo Angueira...
Grazas Álex por recordarnos que os prexuízos, canto máis lonxe, mellor.

11.6.12

Living in positiving mode


Ultimamente nos blogs que sigo vexo moitos comentarios que deixa a xente que veñen dicir algo así como que o persoal está farto de ler sempre as mesmas cousas. De maneira obxectiva, de maneira subxectiva, de maneira enxeñosa, de maneira literaria ou de maneira mordaz todo o mundo bota por fóra contra os que están, contra os que estiveron e carga contra as perlas do momento que nos van deixando os políticos e xentuza variada.
Que a xente quere ler positivismo ou, polo menos crítica construtiva e non destrutiva ou que non achega nada máis que unha dose de indignación antes, durante e despois do café.
Pode ser. Eu non o vira así ata que unha rapaza o explicaba moi ben, dicindo que se todos aqueles que tiñan moitos seguidores comezaban a achegar ideas construtivas igual algo comezaba a calar. Por probar.
Ben, eu non estou nese caso de blogueira con seguidores, o meu blog está máis morto ca vivo e os meus visitantes sempre son os mesmos que xa me escoitan as miñas ideas a viva voz habitualmente. Pero aínda así, pensei que era unha boa idea facer a miña humilde achega coa miña opinión, que non é a de ningunha experta en nada, nin analista política, nin economista. Só desde a miña visión de persoa do mundo.
Ocórrenseme centos de medidas, pero para comezar vou expoñer só unhas cantas, que despois habería que matizar, traballar e afondar.
1. Medida prioritaria. O test de idoneidade para o cargo político. Non pode ser que os que nos representen sexan máis cazurros ca o tato, non pode ser que os pillen en puticlubs, botando por fóra contra os inmigrantes, as mulleres, as propostas doutros grupos políticos e un longo etcétera. Hai que ter unha cultura xeral algo máis que básica, unha certa capacidade de reacción, intelixencia abondo como para dirixir un equipo de traballo e, por suposto, unhas miras máis aperturistas ca as que adoitan gastar. Calquera persoa que vaia en calquera lista que aspire a un goberno, sexa municipal, autonómico ou estatal ten que demostrar, mediante un test, unha entrevista pública, uns exames feitos por psicólogos ou como queira que se programe, que está capacitado para ese posto de traballo.
E digo ben, un posto de traballo, clasificado e tipificado como tal e remunerado de maneira acorde. Oito horas de traballo coma todo fillo de veciño e o resto, horas extras, pagadas conforme marca a lei en moitos convenios colectivos. Pois igual, un convenio colectivo para os cargos políticos onde se establezan non só as xornadas laborais, senón tamén a remuneración a que dea lugar.
Así probablemente acabarase co desexo de moitos e moitas de alcanzar cotas de poder, cando a posibilidade de lucrarse sexa tan cativa coma a de calquera outro funcionario público.
En canto á política: fóra cargos de libre designación, fóra a posibilidade de cargar ás contas públicas gastos persoais ou asistencias a enterros e funerais (ningunha familia de ningún defunto estaría contenta de ver as autoridades alí se sabe realmente que cobran e moito por esa asistencia), e nada de ir cinco inaugurar catro pedras. A publicidade institucional só para promocionar actos, eventos, actividades e pouco máis. O resto non fai falla, é autobombo, a min non me festexa ninguén cando fago un traballo, é o pan de cada día. Pois o mesmo.
2. En canto á rede de funcionariado. Os xefes de servizo e os inspectores, para o que están. Para fiscalizar non só o traballo, senón a quen o fai e como o fai, igual ca calquera outra empresa. Avaliación con auditorías externas a consecución de obxectivos e asesoramento técnico cando sexa preciso, para mellorar a calidade do servizo, non para enriquecer as empresas de catro gatos que estiveron e xa non están, ou as empresas desas grandes empresarias que son as súas mulleres e fillos que acaban de alcanzar a maioría de idade.
A política non pode determinar nunca o traballo dun estado. O sistema de funcionamento de administracións, educación, sanidade, etc. nunca pode estar supeditado a quen estea no goberno. Para iso existe un sistema de acceso a uns postos de traballo, traballo que se supón que é desempeñado de maneira correcta por aquelas persoas máis cualificadas para facelo. Non se pode demonizar un funcionario para tapar un pufo político, que é o que se está facendo agora. A maioría dos funcionarios e funcionarias que coñezo son xente normal, traballadora e sobradamente preparada para levar a cabo as súas competencias.
3. O mesmo para a xustiza. Ningún cargo pode ser nomeado por razóns políticas. Nin sequera o valedor do pobo, que non debe estar para o servizo dos mesmos intereses que probablemente sexan os que están prexudicando a aqueles que se ven na indefensión e na necesidade de acudir a esta figura.
Inicio de oficio e con seriedade a investigación de toda a trama de corrupción que é a que está sangrando este país. E condenas á altura das circunstancias.
4. Por suposto, abolición da monarquía. Non digo condenalos ao ostracismo ou a vivir nun exilio, pero acabáronse as prebendas e os favoritismos. Non vou negar certo papel de embaixadores dos reis e príncipes e demais estirpe, pero aquí non estamos para subvencionar este tipo de vidas máis propias do século de Alexandre Magno. Para exercer ese labor institucional de representación noutros países están eses rapaces e rapazas, homes e mulleres cultos que pasan anos estudando para seren diplomáticos con iso que se chama diplomacia, algo que lle falta a esta real familia en moitísimas ocasións.
5. A Igrexa que se autofinancie, e se non lle chega coas achegas dos fieis, que empece a desamortizar patrimonio. É o que hai. Non vou afondar porque aquí teño para soltar ríos de tinta. A súa obra social, que a ten e ás veces ben mellor ca a institucional, entraría na mesma partida ca calquera outra ONG ou asociacionismo de base.
6. Esta, e xa non me vou poñer con máis, é a que me parece máis relevante para ir destartalando este costume da economía mergullada e do carto negro, que fraco favor nos fai. A existencia da policía fiscal e a creación dun novo sistema fiscal de desgravación do consumo que nos implique a todos.
Calquera compra, reparación, servizo, etc. que se faga ten que ir acompañado dunha factura, así sexa vender os canciños que che pariu a cadela o día da feira. E para que funcione, a creación da policía fiscal, que podes atopar un día á saída do restaurante para verificar que levas o tique ou pasar polo taller para comprobar que as pezas teñen a súa factura de compra e que é a mesma referencia que che deu cando cha comprou a ti (isto xa existe nalgúns lugares, que eu saiba).
E para iso e non gastar máis, coller a todo o exército, darlles uns cursos básicos de boas maneiras e outros básicos de economía de consumo e poñelos, sen armas e sen uniforme, a facer este traballo. E que deixen os lumes para os que saben e as procesións para os curas.
E para que a xente se interese en facelo ben, presentar as facturas, semestralmente ou xunto coa declaración da renda para que che desgraven.
O consumo básico desgravaría unha porcentaxe (gasolina ata certa cantidade dependendo do lugar de traballo e de vivenda, alimentación básica, roupa, calzado, etc.) e outras cousas como os gastos das vacacións desgravarían a outro nivel.
Desgravar por que? Pois porque non é o mesmo aquel que gana 1000 euros pero vive na casa dos pais e estes cómpranllo todo e os 1000 son para copas (tamén facturadas), ca aquel que gana 1000 euros e activa o comercio local, ou paga un alugueiro, come no bar de Paco, ou merca discos e libros no canto de descargalos. Simplemente.

A min ocórrenseme tantos millóns de ideas para acabar co país da pandeireta e convertelo no país xusto e sustentable no que me gustaría participar que non me caberían nin en mil blogs que se me ocorrese crear para saír nos motores de busca e que me lesen aqueles que están agardando positivismo.

A min a mala hostia sáeme a mares, pero co positivismo enchería océanossss!!!!! Ai, se eu mandara no mundo!!!!

Eufemismos


Hai algo do que sempre me queixei con respecto dos políticos e das políticas, moito antes de comprender de que vai a leria e empezar a queixarme tamén por outras cousas, e é do mal oradores que son.
Farfullan, atropélanse, repítense, non lle poñen entusiasmo, dan as cifras coa mesma ansia coa que dan os bos días á prensa. Fatal. As campañas, máis que animar a nada, a min danme baixón moral.
Teño escoitado discursos de meniños e meniñas de países americanos (e cando digo americanos non me refiro aos que choran porque lles quitan as chuches das escolas), senón pequenos raparigos cubanos, arxentinos, uruguaios, venezolanos, que se expresan infinitamente mellor.
E con todas as tachas que se lles poidan poñer ao contido, Castro e Chavez bótanse a falar e polo menos, como oradores, dá gusto oílos. Enfían os temas, fan chamadas de atención, móstranse seguros, teñen recursos...
Aquí no panorama xeral só me convence algún membro de Esquerda Unida, aínda que lle recoñezo tamén a outros como González que o fan ben. Tamén me gustaba bastante como orador Beiras.
Pero ao que ía, en xeral dan todos bastante mágoa, a linguaxe e a lingua dá pena e o que din case dá máis pena aínda. A máis que o disfracen.
Dos políticos galegos só podo dicir unha cousa, en xeral falan taaaaaan mal que case nin son capaz de lles prestar atención ao que din.
Non vou poñer exemplos porque só hai que poñer un telexornal e xa se ve que incluso destacan por riba do mal que o fan, en xeral, os xornalistas tamén. Que tamén lles chega de carallo.
Eu a facultade de xornalismo deslocalizaríaa para Paradela de Sil ou para Xunqueira de Ambia ou para Monterroso. Aí cinco anos de mestrado na aldea, que non lles viña mal. Para todo en xeral.
E descúlpenme aqueles que si se molestan en aprender o seu oficio con todo o que iso implica, falar e facelo ben, ademais. Que de todo hai, aínda que escaso.
Do resto do panorama da política española só hai que buscar as declaracións dalgunha xente para ver o penosos que resultan.
Pero agora todos botan man do eufemismo e xa adornan unha miga máis os seus pobres discursos.
Os eufemismos sempre se usaron para mitigar a dor: faleceu e non morreu, intervírono e non operárono, leva loito e non vai de negro; para sermos educados: deu de corpo e non cagou, mozo de cor e non negro; para minimizar situacións alarmantes: danos colaterais e non vítimas, conflitos bélicos e non guerras...
Unha vez Manolito, que é un rapaz drogadicto dos míticos que sobreviven desde os oitenta, delgado coma un fío e acabadiño que parece que o sosteñen coma un monicreque ía correndo detrás dun rapaz negro que vendía cd dicíndolle: chico de color, chico de color, que se te han caído los cd...
Manolito foi á escola e sabe que hai que ser politicamente correctos, ou que hai que minimizar dor.
Así que agora o rescate económico é unha axuda; as persoas que están sen traballo son cifras; o chapapote que estragou o noso ecosistema son hilillos de plastilina; os que nos van fiscalizar os movementos son hombres de negro; os que nos van chuchar ata o último alento son os amigos do FROB; non estamos intervidos, isto é, atados de pés e mans, sen credibilidade ningunha como país integrante dunha entidade maior, e onde os investidores estranxeiros non van querer investir nin chica, senón que nos están botando unha man para que poidamos volver vivir desafogadamente...
Canta poesía para unhas bocas rachadas incultas que se expresan taaaaan ben que dá gana de chorar!
Pois como non vou ser menos, voulle empezar a semana con eufemismos, un dedicado a Ana Botella, que soñei con ela, coas súas peras e mazás, coas súas alianzas en Asturias, perdón en Andalucía (que as dúas comezan por A e confunden) e co seu cardado de señora rica moi digna.
Señora Ana, vaia vostede dar de corpo a unha parcela rural pero que se pode recualificar como terreo urbanizable para chalés con vistas e limpe a súa real parte de atrás cunha planta que ten pinchos para defenderse dos animaliños que a queren comer (ou con propiedade: vaia caghar ao monte e limpe o cu cun toxo).

10.6.12

Hoxe non vou facer ferver o sangue

Que é domingo e mañá luns, e a semana parece que vén cargadiña. Vai haber tempo para pasar por todos os estados de ánimo que sigan a case todos os insultos que coñezo que empezan por in- ou im- (para non faltarlle á ortografía): inmorais, impresentables, inxustos, imbéciles, ineptos, incapaces...
Buffffff, canto máis me informo, máis me sinto ata con capacidade de xestionalo eu. Que peor seguro que non o faría. Polo visto, as carreiras de políticas, económicas, empresas, dereito e outras máis están case tan valoradas coma a filoloxía cando se trata de fichar persoal.
O mundo está tolo. E a sociedade escachizada.
Pero nós temos un plan.
E non é de rescate.
É de VIVIR.
Pois iso.
Que son dous días.

9.6.12

Pasan tantas cousas e tan xuntas

Que case non me dá tempo de asimilar unha para que me veña outra enriba.
Hoxe intervéñennos a banca, e digo intervéñennos porque queiramos ou non vainos afectar, vainos saír do peto a todos nós.
E o presidente listo para ir animar a selección de fútbol.
E os do Mercadona roubando o peixe no Sáhara e envasándoo na Pobra para vendérnolo máis barato.
E nas granxas alimentando as vacas e os porcos con pensos que levan antibiótico.
E os polos morrendo asfixiados amoreados, sendo hormonados para medrar antes.
E o corralito deixando en bragas a moita xente.
E a calidade da educación, da sanidade e dos servizos sociais mermando e sobrevivindo a custa de implicacións persoais e esforzos humanos, que non políticos.
E a xente deixándose explotar nos seus traballos para non perdelos.
E os que non o teñen chorando polas noites por un.
E os traficantes, proxenetas, estafadores, abusadores e xente de mal vivir coas portas do ceo abertas ao poderen declarar o seu patrimonio ilegal e convertelo en legal sen pasalo pola lavadora.
E coa posibilidade de ilo gozar a Eurovegas.
E a lei de costas a tomar polo cu. Para que o rico poida ter o seu chalé con vistas.
E as piscifactorías cargándose os nosos espazos naturais e facendo mutar as especies.
E as grandes empresas de alimentación patentándoo todo para facerse donos da fame. Donos do mundo.
E os medios manipulándoo todo para vendernos o fume que a clase política queira vendernos.

...

E así tanto que non sabería nin por onde comezar a escribir nada.
Dime miña nai que se ela ten que vivir así, sabendo tantas cousas ruíns que pasan, que non daría vivido da amargura.
Eu a verdade é que xa non o sei. Para min a información era poder, pero agora creo que canto máis sabes, máis pequena te vas sentindo, máis manipulada, máis desprezada, máis ignorada...

Hoxe o post vai así. Sen dicir nada. Vou durmir, e mañá se amence xa non é pouco.

8.6.12

A miña solidariedade

Co pobo sirio.
Aquí atentan contra a nosa intelixencia, pero alí contra as súas vidas.
E iso é imperdoable non, o seguinte.
Onte cando vin as imaxes dos masacres nas aldeas onde só hai mulleres, anciáns, nenos e uns poucos homes deixáronme pálida.
En fileira amoreaban os cadáveres de rapaces mutilados.
Eu non sei se aqueles que matan chegaron a un grao de animalización tal que o ven coma unha proba máis de supervivencia.
Eu non sei se aqueles que mandan no mundo chegaron a un grao tal de estupidización que non ven máis alá dos seus propios dominios persoais.
Pero así e todo, polo menos que ao resto da sociedade nos cause repulsa todo este tipo de accións e que falar da guerra no mundo, da fame no mundo, da inxustiza no mundo, da discriminación no mundo non sexa só iso, algo no mundo.
Onte pareceume moi boa a reflexión que facía Wyoming no seu programa, despois de ver unha reportaxe sobre a imposibilidade da disociacion igrexa-estado tal como está agora o panorama político, onde moitos parlamentario xuraron o seu cargo sobre a biblia (inaudito) e onde mesturan apelacións a Bruxelas, ao FROM, ao Banco Central e á virxe do sagrado corazón ou a deus.
Entón di Wyoming que non lle estraña que o mundo estea poñéndose tan feo, porque temos a deus e aos santos traballando para sacar a Unión Europea da recesión e non lles dá para máis.
A min xa case tampouco me estraña.
Pero con todo, dígoo ben alto. Dáme rabia e indígname a inacción.

7.6.12

Mestres


Ultimamente, a conto do final de curso, a xente moito se me vén queixar da calidade dos mestres e dos profesores e dos cativos ou grandes logros dos seus rebentos. Eu non vexo que á xente que traballa no súper cando está comigo ninguén se lle veña queixar da calidade dos alimentos ou do mal que lle cortan o queixo. As cousas son así, hai certas profesións que non poñen límites entre o traballo e o persoal. Así que paso a vida xustificando a lingua, o seu uso, a súa lexislación, e agora tamén falando dos currículos, das medias, do traballo nunha aula, da diversidade, dos medios materiais e humanos dun centro, dos recortes e bla, bla, bla...
Total, que como realmente á xente non lle importan os argumentos reais, auténticos, fundamentados, lóxicos ou como se lle queira chamar, cheguei á conclusión de que non paga a pena que ande estrullando as miñas neuronas para explicarme clariño. Realmente a xente o que quere é que os seus fillos pasen uns exames, a poder ser con éxito e vaian subindo de curso, a poder ser por riba da media e que os mestres e profesores non falten ao traballo, a poder ser tamén, aínda que a causa o mereza.
Así que o que lles digo sempre é: se sobrevivimos nós...
Di o gran mestre Pennac que os alumnos sobreviven incluso aos malos docentes. E por sorte máis ou menos vénse dando.
Eu atesouro na miña carreira escolar unha boa mostra de mestres e profesores que menos vocación pedagóxica ou métodos pedagóxicos decentes tiña de todo.
A miña primeira mestra dura, que recorde, foi doña Dorinda. Unha ex-monxa espartana que pensaba que só se pode ter unha mente sa nun corpo san. Así que a primeira hora rezabamos e tamén cada cambio de materia. Rezabamos de todo, ata rosarios completos e faciamos misas de ánimas por toda a súa familia defunta.
Non sei se tiña bo ou mal corazón, agora cabrona era bastante. Tíñanos aterrorizados á maioría, por non dicir a todos. Houbo moitos que aos 6 anos comezaron a mexar e a cagar por si de novo, con iso xa o digo todo.
Pegábanos cunha regra e dábanos na cabeza cun anel gordo que tiña. Había que renderlle pleitesía carrexándolle a merenda, o bolso, a mazá, a auga, dicíndolle lindezas, etc.
Facíanos correr, xogar ao brilé e á mariola ata a extenuación, cantar cancións da misa e un longo etcétera. Historias desta muller teño para aburrir.
Comigo non se levaba mal, eu entráballe bastante ao trapo. De feito, nos seus últimos anos, aínda que pareza unha historia para non durmir, conseguiu localizarme por medio dun teléfono dunha veciña que buscou na guía de teléfonos para propoñerme ir vivir con ela e coidala no seu leito de morte. A cambio dábame comida, durmida e probablemente me deixaría unhas raspas da herdanza (xa que o gordo iría para a igrexa).
Eu quedei bastante confundida, xa case borrara este personaxe da miña cabeza e por un momento pensei en ir e en vingar a toda a xeración de nenos aterrorizados. Pero despois penseino ben, non fora írseme das mans o asunto e saír nalgún noticiario.
No chanzo seguinte, despois de tres longos anos con doña Dorinda chegaron os profes que non facían case nada por nós nin por ninguén. Estaban no mundo porque ten que haber de todo.
A doña, chamémoslle Sol por non dicir o seu auténtico nome, íaselle a cabeza demasiado. Viña vestida coma unha Barbie e despois poñía o mandilón por riba e íase espindo en plan estriptease escolar. Facía os seus exercicios ximnásticos no fondo da clase e o que mirara para atrás levaba copias para a casa para aburrirse el e toda a súa familia.
Por suposto que mirabamos, aínda a risco do monumental castigo, porque imitala despois pola tarde fortalecendo peito, costas e coxas non tiña prezo. Sobre todo para min, que sempre se me deu ben o de imitar os demais.
Don Francisco, o profe de sociais vivía para facernos aprender de memoria as capitais de todos os países do mundo. E ensaiabamos coma se fósemos á Eurovisión de pasapalabra das capitais do mundo. Todo o día: na casa, na rúa, na parada do bus, no recreo... aínda hoxe é o día que, quitado os países “novos”, do resto seinas todas. Deste gran docente só aprendín que os países tiñan capitais, os ríos, montes, montañas e accidentes xeográficos da península (moi ao modo anos 50 tamén) e tamén esas grandes frases da historia nas que as mulleres quedabamos de pingas, como a entrega das chaves de Córdoba aos Reis Católicos por parte do rei Boabdil, a quen súa nai lle dicía, segundo el,  “llora como mujer lo que no has sabido defender como hombre”. O cadro desta escena estaba a carón da foto dos reis e do crucifixo. Tres grandes valores que nos tratou de inculcar: cristianismo, monarquía e xenofobia (este último dígoo eu, porque outro sentido non lle vexo).
Despois chegamos a doña María José, outra gran pedagoga que nos dividía en listos e burros segundo o número de libros que levabamos lidos. Aos burros, por suposto, nin auga. Aos listos deixábanos remexer na caixa que era a aula da biblioteca. Mentres ela lía algunha novela ou revista e bufaba porque despediamos cheiro a hormona adolescente.
O gran mestre de música co que aprendemos na frauta, en todo un curso, a canción: todas las mañanas me levanto yo, corre que te corre, sol fa mi re dó.
E así podo seguir contando uns cantos máis, que deixo para outro día.
Un dos que máis pegaba, máis forte e con máis entusiasmo, atopeino o outro día saíndo dunha clase da escola de idiomas. Tentación tiven de entrar e pedirlle á súa profe, como favor persoal e de parte de centos de persoas de entre os 20 e os 40 anos que lle dixese ben alto cando fallase nalgunha actividade: nenito, nenito, te va a caer un moquetazo que no vas a poder hablar en lo que queda de semana...
Só con iso, sen chegar a máis, seguro que xa lle metía o bicho do medo no corpo.

Non vou facer corporativismo e dicir que todo aquel ou aquela que se dedica á docencia sexa a repanocha, pero si que incluso os máis desganados, queimados, pouco capaces ou malos comunicadores non teñen absolutamente nada que ver, nin de lonxe, co que nos tocou vivir a nós.
Así que pais e nais do mundo, take it easy, que o gran problema agora non adoita ser o persoal humano, o problema agora é o sistema, anquilosado e atacado por moitas bandas, así que ide pensando en tomar as rédeas para intentar cambialo e deixádevos de alimentar o ego dos vosos pequenos budas dándolles argumentos que non veñen a conto de nada.
E como di o outro, moitas veces non creo na escola, pero en cambio si que creo firmemente na educación. Pois iso.

6.6.12

Amnistía fiscal


Se é que por riba leva un nome que parece que esteamos falando dunha ONG que conceda microcréditos a baixo custo, manda carallo.
Estaba claro que era o seguinte paso.
Despois de asistir con vergoña á pugna por atraer Eurovegas para territorio español, ou o que vén sendo unha panda de mafiosos, ludópatas, proxenetas, traficantes de variadas substancias indesexables, todos eles moi cheos de riqueza e de ignorancia, agora teño que existir a iso que se chama emendar “la plana”, para que estes cowboys da pasta fácil campen comodamente a onde queira que vaian. Eles e os que xa estaban aquí.
Ao final aínda lles hei ter que dar a razón a todos aqueles cos que discutía sobre o estado de benestar e o que iso implica para cada un dos contribuíntes.
Ao final vai ser verdade que o que dá o que ten ve como outro marcha con el.
Eu teño a miña conciencia tranquila, agora a mala hostia tampouco ma quita ninguén.
De sobra coñeceredes todos exemplos, non é o mesmo o mariñeiro que só ía ao mar, ca o que vendía peixe tamén por detrás. Non é o mesmo o que ía ao mar e vendía peixe por detrás, ca o que tamén mariscaba para venderlles aos restaurantes sen a licenza. Non é o mesmo o que ía ao mar, vendía por detrás, mariscaba sen licenza e tiña o galpón cheo de tabaco negro tamén ca o que só vivía do mar.
Pois iso.
Moitos de nós vivimos unha vida humilde. A infancia, a xuventude e agora de adultos.
Outros viviron mellor aínda que non podían levar a cabeza tan ergueita. Pero vivían mellor.
Non vou demonizar os autónomos que tipaban un café si, tres non. Ou os que trampeaban cobrando unha con factura e dúas sen ela. Ou os que cobraban media nómina en A e outra media en B.
Está claro que palla a palla fíxose o palleiro e todo o que puido fixo a súa contribución.
Falo máis ben dos grandes construtores que che obrigaban a facer pagos en B cando adquirías unha propiedade, dos que trafican con drogas ou con persoas, dos grandes empresarios que se lucran a custa de eludir impostos e cotas da seguridade social para os seus traballadores.
A min xa me toca o carallo ben tocado que non só o fagan, senón que se lle aprobe o asunto.
Así sen máis, cunha declaración xurada de boa fe.
Mátame camión.
Ultimamente ler a prensa, oír as noticias, etc. non só me provoca indignación, tamén me provoca unha gran, gran, gran, gran vergoña allea.
E aínda con todo só uns poucos alzan a voz, é que non dou creto.
Unha vez fixen un experimento cos meus alumnos dun grupo.
Quería falarlles da violencia machista, así que o tema que quería expoñer era que nese mes morreran 11 mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas. Sabía que por moito que fixera, a non ser que me metese en detalles morbosos (están afeitos, é o seu pan de cada día, non os culpo), non prestarían demasiada atención.
Así que cambiei a historia e expliquei que 11 futbolistas de primeira división acababan de ter un accidente mortal nun autobús esa noite, vindo de parranda, todos borrachos e drogados. Pregunteilles cal crían que ía ser a resposta da sociedade e cal era a súa opinión.
Case todos lles gardaban a cara, desculpándolles o da borracheira porque seguro que viñan de celebrar algo, e esperaban que a resposta social fora varios días de loito, homenaxes polas rúas, parada de actividade e un longo etcétera digno de heroes gregos ao seu regreso da dura batalla. Algún case choraba e insistíame en que se era certo ou non, que non escoitara nada, que llo xurase polo que máis quería.
Pois ben. Para min foi unha mostra bastante significativa, aínda que se trate de adolescentes, parece que esa é a mentalidade media, desafortunadamente.
Agardo que o próximo paso sexa obrigar os clubs a pagar a débeda (e non facerlles unha condonación, que xa é o que me temo) e que a igrexa tribute polas súas propiedades e polos seus negocios (sabiades que a Alhambra é de propiedade da igrexa, que o mantemento e xestión son públicos pero a pasta das entradas dos millóns de visitantes é tamén para a buchaca da igrexa???), pois así máis.
Deste xeito, eu creo que cando menos máis xente se revolvería indignada.
O resto parece que é coma quen oe chover.
Pan e circo, meus señores e miñas señoras.