Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

15.6.12

As sorayas da vida

Gallardón falando con total coñecemento de causa, segundo el, de que unha muller só se realiza como muller cando ten un fillo fraco favor nos fai ás mulleres e aos logros sociais e persoais que tanto tardamos en conseguir para o sexo feminino.
Soraya Sáez indo traballar á semana de ter parido e enchéndoselle a boca dicindo que o primeiro é España e despois a súa familia, á parte de surrealista, é bastante insultante para os cativos logros que se conseguiron en materia de conciliación familiar.
Calquera que tivo unha baixa de maternidade de 16 semanas e que non vive rodeado de luxos, neneiras e axuda para sacar todo adiante sabe que non chegan case nin para comezar a establecer os novos parámetros cos que tes que empezar a xogar.
Teño visto moitas nais chorar na porta da gardería a primeira semana, e a segunda e a terceira, sabendo que deixan os seus cativos querendo confiar en que estarán ben, atendidos, coidados e queridos, mentres van ao seu traballo para levar a vida adiante.
A min gústame traballar. Gústame ter vida. Non me gusta ir ao parque e pasar o día falando dos fillos e das fillas. Non me gusta perder a perspectiva. Á parte de nai sigo sendo moitas outras cousas.
Eu teño dúas fillas, que naceron xuntas. Antes de telas os meus plans eran incorporarme ao traballo ás 16 semanas, metelas na gardería e que todo seguira coma sempre.
Pero despois vin que as cousas non podían ser así ou non debían ser así se había outra opción.
A maioría da xente tira de familiares para poder conciliar. A outra minoría fai como pode.
Eu puiden renunciar ao traballo sen decaer nas listas. E tamén porque teño a sorte de ter un plan B, que realmente é o que me gusta, e traballar na casa.
Outra xente non ten tanta sorte.
E vela chorar na porta da gardería.
Ou vela ter que vivir como tivo que vivir súa nai, súa avoa, súa bisavoa... Dedicada a tempo completo aos fillos e á casa, sen perspectiva de volver ao seu traballo en anos. Esa é a conciliación real, a outra é a que nos venden. O fume.
Soraya foi ao congreso polas súas motivacións persoais, por ansias de poder, por unha boa remuneración ou polo que fose. Seguro que non se sentiu culpable polas noites cando chegaba á casa e o seu meniño estaba xa empaquetado e listo para durmir.
As nais que destetan os seus fillos moito antes do que a OMS o recomenda, que os deixan 8-9 horas nas mans nas que queren confiar, e que o fan por un miserento soldo, esas si que teñen por riba o remordemento e o puto sentimento de culpa.
Enriba o neno de Soraya, que non sabe o que é que súa nai o teña no colo horas e horas durante moitos días e noites, será un meniño privilexiado con escolas privadas, seguros sanitarios privados, coidadores que non lle quitarán ollo e un longo etcétera de cousas materiais.
E os outros terán que repetir o ciclo familiar de esforzo, traballo, sacrificio, servizos públicos que a ver se non van a peor e un longo etcétera tamén.
E aínda así con todo, cando sae con esa arrogancia e esa chulería de quen cre que está por riba dos demais e dicindo que para ela o primeiro é o país, dáme máis pena ca envexa.
Con todo o que me gusta a min o traballo, a vida, a socialización, saír de cañas, botar un conto aquí e alá, ir aos festivais, saír de troula, viaxar fóra dos tours... aínda con todo, nada me pode compensar saber que estou facendo o correcto polas miñas pequenas, e que as estou educando para que o día de mañá sintan o orgullo de saber que non se necesita tanto material para poder ser feliz, nin un colexio privado, nin cen ollos pendentes de ti porque lles vai no soldo.
Ás mulleres normais e correntes, nin os gallardóns salvadores da nosa feminidade, nin as exemplarizantes vidas das sorayas nos fan falla ningunha.
O que facemos é o que se fixo toda a vida, tirar para diante, que xa dabondo é coa que está caendo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...