Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

5.6.12

Canta delicadeza


Me rodea.
Cando vou ao parque, e vou con moita frecuencia, vexo como cada neno se acompaña dun ou dous, cando non tres, gardacostas, que intercede cando cae, cando quere gabear a algo, cando quere montar nun cachibache, que vixía os minutos que outros están usando os tarecos, que se inmiscúe no xogo, que modera os diálogos, debates, discusións, agarróns, pelexas...
Os máis grandiños libéranse un pouco e vanse para as marxes para poder facer un pouco das súas. Aínda hai esperanza.
Cando quero deixar soltos os meus pequenos monstros sempre hai unha señora amable que mas ergue se caen, que as alecciona se están facendo algo “indebido”, que modera os tempos para compartir os xoguetes que carrexamos... claro que sen eu pedirllo, nin agradecerllo, obvio.
Tamén lles impiden apañar o cacho de merenda que lles cae ao chan e xa lles aprenderon a esmagalo cos pés e dicir CACA CACA e deixalo para os paxariños que veñen de noite.
Eu flipo.
Non digo un retorno á nosa infancia, tan liberada desa delicadeza, pero un termo medio.
Cando nós eramos pequenos eramos bastante salvaxes e asilvestrados. Si, é certo, eu recoñezo que matei formigas afogándoas no bidé, enchín botellas de fanta con tantos cágados como coubesen, inchei con palliñas de refresco sapos polo cu ata que estouraban, colgáballe palliñas de herba seca aos cabaliños do demo para ver como voaban con eles, molláballe as ás ás moscas para dicir que as domesticara...
Tamén pelexabamos a morte uns cos outros. A Sandra unha vez queimámoslle o pelo, fóisenos das mans, pero así foi. Xogando a policías e ladróns torturabámonos. E cousas peores que non vou relatar porque quedaría fatal, aínda que así mesmo foi.
Pero nós non tiñamos coñecemento do medio, nin educación en valores, nin gardacostas, nin conciencia ecolóxica, e a escola era ese lugar para aprender un pouco e sobrevivir un moito ás normas e a outras cousas, non era un espazo para ir adquirindo o coñecemento do que nos rodeaba e para valoralo e respectalo.
A min non me gustaría ver os meus rebentos maltratando animais, nin tampouco en enfrontamentos abertos con outros nenos e nenas, nin sendo matonas, nin sendo vítimas.
Pero tampouco me gusta que teñan que ser delicadas.
Que teñan medo ao ver outros nenos máis grandes.
Que cando caen haxa que ir recollelas enseguida.
Que esmaguen o pan que lles cae das mans porque ten caca.
...
A min tanta delicadeza é que me ten podre.

5 comentarios:

  1. Eu nacin nun pobo o caron de Ourense. Non era moi lonxe. De neno ia andando dende o Bar da Lucita (Eu nacin nun pobo o caron de Ourense. Non era moi lonxe. De neno ia andando dende o Bar da Lucita (centro nueralxico do meu pobo) o parque de San Lázaro. 40 minutos.
    Algun de vos pensará... .- Pero cantos anos tiñas ti homiño!!
    Pois uns 10 -11 anos,  porque antes de cuantificar as distancias en km  tiñaas estudiadas en canto tardaba en chegar andando ou na bici. 
    No caso de ir a cidade, meu pais sempre pensaron que era mellor que fose andando que na bici, porque era mais seguro, e tiñan razón porque ran curta idade xa me esnafrara mais veces que ningun outro neno do pobo, e miña nai preferia non pasar pola vergonza de ter que irme buscar co coche a min e maila bici... 
    E que iso ( a vergoña)nos pobos coma o meu limítate moito,  que tua nai che diga:
    .- Pero como vas ir a Ourense na bici ? Estás parvo? Mira que como te caias menuda vergoña!. Que dirán os veciños! Vas andando.

    ResponderEliminar
  2. Si, Gran Hermano  e un Reality adaptado da cultura de aldea galega. Sempre habia algun veciño que te estaba a controlar cando ias polos camiños a botar unha man na leira ou ias a chamar a un veciño para que saira o camiño a xogar o balón, ou ir facer algunha falcatruada. Se miña nai queria saber que fixera no dia o procurarme, so tiña que sair a xanela da casa e con 4 berros,  de todas as casas saia algen para dar o parte, e se no estaba o tanto facía de repetidor, ata que algen te vira por aquí ou acolá.
    O mais fodido, era cando as vellas, que estaban todo o día a axexar te "nominaban". Nese caso os tertulianos que Sálvame, que seica se meten moito na vida dos outros, serían coma monxas de clausura.  E a min nominaronme por andar coma un tolo na bici.

    Non pensedes que os meus pais eran uns irresponsables por mandarme andando a cidade! Se algun coche me paraba e me preguntaba quen era, tiña que dicirlle de quen viña sendo, polo alcume de meu avó habitualmente era abondo como pe, para montar a miña arbore xenealóxica completa.  E iso da cofianza , ainda se sexas un neno, para subir no coche de un descoñecid@. Alo menos, antes era así.

    Meu pai,  que foi emigrante en Alemaña e despois de 10 anos alá voltou sen falar palabra do idioma daqela xente, penso que sería bo que aprendese algun idioma. Daquela estaba de moda o Inglés, e apunoume en unha academia do centro da cidade, seica moi boa, pero que pouco a aproveitei. 

    ResponderEliminar
  3. Meu pai,  que foi emigrante en Alemaña e despois de 10 anos alá voltou sen falar palabra do idioma daqela xente, penso que sería bo que aprendese algun idioma. Daquela estaba de moda o Inglés, e apunoume en unha academia do centro da cidade, seica moi boa, pero que pouco a aproveitei. 

    As veces  sentaba nun banco do parque de San Lazaro, e ollaba para os fillos da Jet Set de Ourense que xogaban por alí. Había columpios, tobogans, os rapaces tiñan moitos (mais de un) xoguetes de plastico de cores moi vivas, había nenos xogando a goma, o truco e as bonecas coas nenas ( no meu pobo os nenos non xogaban a iso), pero recordo perfectamente que mais me chaou a atencion foi ver a uns nenos maiores ca min en patins e cun pau na man, o que chamaban stick.  Era xoquei sobre patins. Que envexa. 

    Eu non tiña patins nin moito sitio por onde patinar no pobo de non ser pola estrada, porque por aquel entonces ainda non asfaltaran os camiños. 
    E do Stick mellor nin falar, o mais parecido eram as varas de xunguilas vacas, e de insistir moito para que me compraran un podia ser que me xunguiran a min.

    O caso e durante mha tempada enredaba polo camiño en fronte a casa dos mues avos con una pau e unha pelota de tenis (negra coma un chamizo do enchoupada que estaba do bulleiro dos camiños).

    Baixou Dios a verme o día que lle tiven que botar unha man o me pai a arrancala horta. Ese dia dinme de  conta de unha caracterísica morfolóxica  do cañoto das berzas que pasara desapercibida para min por ficar enterrado.  O cañoto na parte enterrada fai un angulo de uns 45º respcto a vercital , polo que si lle chapodaba a raiz ca machada iame quedar un stick caralludo. 

    A miña ledicia durou pouco porque o estar os cañotos verdes, recien arrancados , desfacíanse con moita facilidade, pero o control sobre a pelota mellou moito, e polo de agora tiñamola horta recien arrancada, e había sticks ata o carallo.

    O resto dos meus amigos do pobo que tamen tiñan horta e foron seleccionando os mellores cañotos para facer cadanseu stick, e recordo uns partidos de hockey polos camiños emocionantes e tamen algo accidentados, sobre todo cando lle / che zoscaban nas canillas.







    Non pasaba nada mentres non  houbese sangue!

    ResponderEliminar
  4. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  5. Señor Peixeiro, agradécese tamaña historia persoal neste humilde blog. O que me ensinou a experiencia ata agora é que, unha infancia na que hai que buscar a vida e erguerse só ou soa en moitas ocasións, dá en homes e mulleres que saben erguerse sós e soas tamén moitas veces cando caen. Así que xa sabemos o que nos toca, agora que temos que estar asexando do outro lado da fiestra.

    ResponderEliminar

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...