Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

1.6.12

Coa que está caendo

Non me estraña que me cruce pola rúa con máis caras de mala uva ca con caras sorrindo.
É coma para estalo.
Hoxe xa me puxen de mala hostia mentres levaba as nenas á escola. Tiña sintonizada unha canle de música, vou dicir cal, os 40 principais, porque como non teño cd no coche é a única que me pon ritmo para ir cantando da casa á escola e da escola á casa. Total, que ían os presentadores desta canle comentando que en Alemaña se ofrecen 3000 postos de traballo a españois cualificados que queiran emigrar. E os personaxes estes, que non se lles pode chamar doutro xeito, animando á emigración pero cunha alegría e un positivismo que me enfermaba. Recomendaban aprender alemán nas academias este verán e marchar. E así, con toda a súa ignorancia e con Rihanna de fondo dicíndolles a médicos, enfermeiros, investigadores, arquitectos, enxeñeiros, mestres... que non o pensaran máis e que Alemaña era o futuro.
Hai que amolarse. Está claro que a xente ten que vivir, e ten que traballar e que a emigración é unha vía que tes que coller se non che queda outra, agora velo coma unha noticia boa, positiva ou esperanzadora, por aí xa non.
Que isto non é a España do post-franquismo para que haxa que coller a maleta e mandar as divisas para erguer a patria a custa de malvivir en barracóns e no apartheid idiomático e cultural.
O outro día vin un vídeo moi clarificador dun profesor de economía no que explicaba a diferenza entre Alemaña e España a día de hoxe e cales eran as políticas económicas que lle cumprían a cada un dos países e por que. Tamén explicaba moi ben por que a Alemaña lle interesaba que España seguise as súas directrices, entre eses intereses, ademais de recuperar a pasta que ten nos bancos españois, está o carrexo de man de obra cualificada non, o que vén despois, hipercualificada, para seguir alimentando a potencia mundial. Está claro, para que haxa ricos, ten que haber pobres, se ó final é o que hai.
Total. Ao longo do día pásanme pola cabeza miles de ideas, desde a insubmisión fiscal e deixar de pagar impostos ata tomar uns chupitos de tequila e presentarme cunha recortada na porta dalgunha administración, ou que sei eu!
Total, que prevendo que é o camiño no que algunha xente está pensando xa van aprobar unha lei que lle permita a Facenda saquear a xente que se declare insubmisa fiscal para este malgasto público incomprensible.
Se o penso con lóxica non ten sentido, pero é tentador, moi tentador, tal como está o panorama.
O caso é que tamén que veño traballar todos os días á biblioteca pública, presidida con magnificencia por tres tristes tigres que non fan absolutamente nada máis que abrir, pechar, emprestar catro libros ao día e mandar calar cando pasa unha mosca. É algo abraiante. Quédame por ver unha biblioteca dunha vila con menos dinamización ca esta. Está morta non, enterrada e podre é o que está. E cabréame, pero cabréame moitísimo, porque xusto a carón de min están os ordenadores con grandes letreiros: uso só do persoal da biblioteca, e neles está a señora bibliotecaria xogando ao solitario e ao buscaminas (que nin sequera se reciclou nas posibilidades dun xogo máis evolucionado), un día si, outro tamén.
Aínda non empecei a ser demasiado borde, só a soltar algún que outro comentario, pero calquera día chego botando por fóra e xa me nomean persoa non grata.
É que hai cousas que, coa que está caendo, aínda te cabrean máis se é posible.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...