Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

1.7.12

Da medida das cousas

Das relecturas que fago de cando en cando atopei esta que moito me gustaba ler na facultade. Quizais porque non fun das afortunadas que podía permitirse saír fóra estudar, nin erasmusear nin nada semellante.
Transcríboa porque, a pesar de que me cambiou o conto, sígueme parecendo un texto ben fermoso. É de Risco e escribiuno alá polo ano 1961, e xa choveu.
Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo. Cada terra é coma se fora o mundo enteiro. Poderala andar en pouco tempo, do norte para o sur, do leste para o oeste noutro tanto; poderala volver andar outra vez e máis; non a has dar andado. E de cada vez que a andes, has atopar cousas novas e outras has botar de menos. Pode ela ser pequena en extensión; en fondura, en entidade, é tan grande como queiras, e, dende logo, meirande de como ti a ves. Non din os filósofos que o home é o microcosmos, o compendio, o resumo do universo todo? Para canto máis unha terra con todos os homes que nela viven, un pobo que, se cadra, é unha sorte de Adam Kadmon... Do grandor do teu espírito depende todo; canto máis pequeno sexa, máis terra precisará. Se o teu pensar é fondo, a túa terra, para ti, non terá cabo, nela estará o mundo todo con todos os seus climas. Se o teu pensar se detén na codia das cousas, non digas tampouco: Galicia é ben pequena; es ti, que endexamais poderás concibir nada grande.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...