Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

12.6.12

Prexuízos

O meu amigo Álex colgou unha foto dunhas señoras mirando cara a algo con cara de emoción. E algúns dos seus amigos propuxemos un pequeno xogo para adiviñar de que se trataba.
Case todas eran señoras de cincuenta para arriba e parecían realmente emocionadas, así que o primeiro que che vén á cabeza é que están nunha procesión, nunha romaría ou mirando para un santo.
Outros apuntaron que estarían mirando un partido.
Supoño que ningún dos que lanzamos hipóteses parou a pensar en serio de que se trataba e deixámonos guiar polo primeiro que nos veu á cabeza.
Así mesmo acontece cando mostras dúas imaxes e lles preguntas aos rapaces cal é o avogado, que está casado, que é serio... e cal o rapaz que está no paro, que non fai máis que gastar o seu tempo saíndo cos amigos... E sempre se repite a mesma resposta. O ben vestido é o primeiro e o que vai en vaqueiros e camiseta é o segundo. E así con máis experimentos cotiáns, que todos vivimos ou coñecemos sobradamente.
Temos tan interiorizados os prexuízos que nin nos decatamos e perpetuámolos, que é o peor do tema.
Ah, a foto era do cortexo cívico que se fixo na Coruña no 2005 co gallo do día das Letras e as señoras estaban escoitando atentamente a Anxo Angueira...
Grazas Álex por recordarnos que os prexuízos, canto máis lonxe, mellor.

1 comentario:

  1. Grazas a ti por darlle outra volta máis a este pequeno xogo. Coido que non era precisamente o Anxo Angueira quen falaba nesa foto en concreto, pero para o caso tanto nos ten. Déixoche algunha foto máis dese día nesta ligazón:
    http://bit.ly/LSUj00

    ResponderEliminar

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...