Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

17.6.12

Romarías


A min dinme dunha romaría e sábeme a roscas, con ben de azucre pegado, coma as que vendía miña avoa e que estaban nas caixas o día antes da festa alí na sala da casa.
Antes de ilas buscar traiamos as varas de vimbio e mais as bolsas de plástico para os melindres e para as roscas de bola, que lles chamabamos. As miñas favoritas.
Despois había que facer as bolsas e as varas metendo unhas cantas morenas e outras cantas doces e todos os que andabamos por alí coma o raposo desexabamos que algunha viñera escachada, ou que rompera ao metela na vara, ou que a señora Jesusa, que era quen as facía, contara mal e sobraran as xustas para non dar para outra vara.
Comín tantas roscas na vida que non sei se teño que agradecérllelo aos meus avós ou culpalos tamén de que agora non saiba parar de rillar nelas.
O seguinte recordo que me vén á cachola co das romarías é a historia que tantas veces nos contou meu avó, de cando era taxista e unha rapaza que tiña o diaño, que era da nosa parroquia, lle pediu que a levara ao Corpiño a Lalín. A nai da rapaza ofreceuna a facer o sacrificio de ir camiñando de xeonllos para ver se botaba fóra o demo. Así que alá foi meu avó pensando en deixala a un par de quilómetros, ou en ter que darlle a manciña mentres xiraba arredor dunha ermida ou algo.
O caso foi que a cargou no taxi, toda ela vestida de festa e cun pano na man. Puxo o pano no asento do taxi, púxose de xeonllos e comezou a moverse no sitio coma se camiñase de xeonllos de verdade.
Veña, señor Ramón, que logo habemos chegar.
Cando nolo contaba escarallábase e escarallabámonos, imaxinando a muller de xeonllos dentro do taxi cara a Lalín.
Así ofrécese calquera, dicía meu avó, co demo si, pero parva polo cu arriba.
E despois ás romarías asocio a gaita, a pandeireta, ir comer o polbo, arrolarse pola herba, oír a misa de fondo, a xente vestida de bonito...
Hoxe fun coas nenas a unha romaría pop, disque.
Cando chegamos alguén orneaba algo así como “lata de atún, lata de atún, lata de atún...”.
Chamáronlle romaría por bautizala con algo, digo eu. Pero eu non son nada moderna. Ao contrario.
Non vou engadir valoración ningunha máis. O caso é botar un conto.

Pero hoxe recibín un agasallo, xa que non puiden ir ver o Manu Chao por circunstancias da vida, un amigo mandoume unha nota súa. Eu contentísima e agradecidísima polo xesto, de Manu Chao, pero sobre todo de Chema, que foi quen lla pediu e de Cris, que se acordou de min.
Ultimamente, e cada vez máis, distingo os bos e xenerosos moi por riba do resto do mundo e penso... oxalá eu tamén estea á altura.

1 comentario:

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...