Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

4.6.12

A Transistor


Haiche xente moi curiosa polo mundo adiante. A min quen me dera ter a habelencia de Cunqueiro para poder converter algunhas persoas coas que me cruzo en personaxes, xa o dixen varias veces, pero é que é a mágoa que me queda. Así para ficcionar un pouco a realidade e facela máis bonita e máis poética e menos real.
Por exemplo, nos últimos tempos observo moito unha muller que bauticei para min e para os meus adentros como Transistor.
Terá uns corenta anos máis ou menos e a única particularidade máis salientable que a diferencia doutras mulleres da súa idade así por riba é o seu ton de voz, alto coma o diaño e tamén que arrastra un pouco as palabras ao falar. Non é zarabeta, nin prende no r, nin converte os s en g, nin nada diso, simplemente arrastra as palabras, incidindo moito nas consoantes, é complicado de explicar así en palabra escrita, no canto de RÍO, ela di RRRRRRRIIIIIO, no canto de PATACA, di PPPPATTTACCCCA.
Pois ben. Así é ela. Unha muller de mediana constitución, duns corenta anos, con ton de voz alto e máis ben grave e cunha maneira de arrastrar as palabras un tanto extravagante.
Pero de aí non lle naceu o alcume.
Esta muller ten unha filla, duns 2 ou 3 anos, non podería aseguralo, creo que aínda non está escolarizada, así que non chega aos tres, supoño, que se chama CARRRRRR-LLLLA (Carla). Supoño que é filla súa polo trato que ten con ela, moi próximo, aínda que podería ser súa tía ou a súa coidadora. Pola cara que lle pon ás veces a rapaza podería ser un marciano que a veu secuestrar ou algo semellante.
The thing is (ou O carallo é) que vai coa cativa por aí adiante e vaille retransmitindo o mundo. Como? Preguntarédesvos. Pois moi fácil.

Situación 1, que é na que máis a vexo e cando máis a podo observar sen chamar á atención, aínda que, como xa dixen, o seu ton de voz é dabondo alto como para escoitala dándolle as costas ou a 10 metros dela e que nin se decate. Pois iso, a situación 1, entra no parque. Vós lede todo isto arrastrando ben as consoantes:
Carla, agora imos entrar no parque, xa sabes que o parque é un lugar moi grande e moi cheo de nenos. Verás que hai moitos nenos, uns son nenos grandes e outros pequenos, uns son nenos e outras nenas. Algúns dos nenos xa son amiguiños teus porque xa os coñeces de estar outros días con eles no parque. Despois de que cheguemos ó parque vas ver que se hai un columpio libre habemos poder montar nel, pero se non está libre non quero que chores e imos un anaco ó tobogán. Se está o columpio libre e queres ir a el podemos montar porque xa sei que che gusta moito, pero mira, se queres montar has ter que poñer a gorriña porque vai moito sol. Carla, xa sabes que o sol fai que vaia moita calor pero tamén se dá na cabeciña despois a cabeciña doe moito. Porque despois cando queiras merendar tamén habemos buscar unha sombra, que é esa cousa que fai que se estea máis fresquiño, que a dan as árbores... e así infinito, infinito, infinito. Explícalle ata o proceso de fabricación do mobiliario urbano infantil da fábrica de Cerceda.

Situación 2. No súper, onde tamén coincido con ela moitas veces.
Carla, fíxate, isto é pasta, a pasta é moi famosa en Italia, alí cocíñaa toda a xente, e mira, esta pasta xa vén precociñada. Ui, cuidado, non caias e agárrate ben, que se caes fas unha pupa e despois choras e despois xa sabes que cando choras non facemos a compra tranquilamente e xa sei que queres coller as cousas. Mira, ó lado da pasta temos o arroz, o arroz é... e así, infinito, infinito, infinito. Vaille mencionando a comida, como se prepara, a quen da familia lle gusta, de que lugares é típica...

Situación 3. Pola rúa. E aquí poñede o modo GPS, porque é tal cal.
Carla, mira, agora imos pola beirarrúa, mira, fíxate que esta ten unhas baldosas diferentes da outra, acórdaste da outra na que se esvaraba polo inverno e que se formaban pozas? Pois esta é distinta, é de cor gris. Temos que ir todo recto ata chegar aquel sinal, que pon que os coches teñen que parar para que nós poidamos atravesar o paso de peóns ao chegar. Despois de que baixemos a beirarrúa, que é moi alta, alí xusto onda o escaparate da farmacia... a farmacia é o sitio onde venden as medicinas, que Carla só as ten que tomar cando... e así infinito, infinito, infinito... Recórdalle o número de pasos, de baldosas, as anécdotas doutros días, como hai que levantar ben os pés para non gastar as sandalias, normas de circulación peonil e de tráfico rodado, pfffffffffffuuuuuuuuufffffff

Eu non sei se esta muller é peculiar en si mesma e sempre foi así desde pequena ou leu algo dalgunha corrente pedagóxica moderna e llo está aplicando á pobre da Carla, que ás veces ten unha cara de JJJJJODDDDDER PPPARA XXXXAAAAA!!! infinita, infinita, infinita...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...