Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

21.6.12

Trolas pequenas e trolas grandes

Trolas pequenas son as que me impiden facer unha tatuaxe, aínda que me gustaría, ou poñer un pendente no nariz, que sempre envexei ás compañeiras que o levaban tan ben postiño.
E pasou tempo, pero esas trolas pequenas calaron aí ben fondo e convertéronse no Pepito Grillo que me di: por aí non, nena, cando me quero lanzar a algunha desas ideas peregrinas que me pasan pola cabeza.
Houbo unha época na que os chicles traían tatuaxes e todos os nosos amigos do barrio adornábanse con elas, pero miña nai, que nos refregaba cun estropallo dos verdes despois do verán para sacarnos a roña (a roña viña sendo os restos do moreno adquirido polo sol), dicíanos que poñer iso nos chupaba o sangue. Poñer tatuaxes de cromo para nós era coma inocularse directamente unha enfermidade vírica grave. E ás veces cando viamos algún amigo que tiña a zona toda rubia despois de refregar os restos que lle quedaban confirmabamos para o noso interior que iso era así verdadeiramente.
Algunha vez ousamos poñer algún, pero enseguida o borrabamos, antes de que os pés comezasen a quedarnos sen circulación.
Pois esa pequena trola funcionou ata tal punto que nin eu nin ningún dos meus irmáns puxemos nunha unha tatuaxe, por minúscula que fose, nin a pesar do momento en que estiveron tan de moda.
E así con outros vicios.
Trolas pequenas son tamén as que nos contan personaxes públicos que nos queren convencer que isto é culpa nosa, por gastar sen medida, por acceder a hipotecas coas que estabamos vivindo por riba das nosas posibilidades, por malgastar os cartos no canto de aforralos, por investir en produtos financeiros que prometían grandes fortunas ao cabo dos meses...
E inexplicablemente tamén son efectivas, van calando e realmente a xente que agora malvive e da que abusan dun lado ou do outro resígnase e pensa que ten parte de culpa.
Trolas máis grandes xa son as da monarquía e as de trapalleiros coma Camps, Dívar e compañía e aínda que non acaban de convencer a case ninguén, aí seguen, intentando buscar un oquiño.
Ao final a didáctica de miña nai, sen ela sabelo, era a máis efectiva do mundo.
A vida baséase en trolas, unhas máis grandes e outras máis pequenas, pero trolas á fin e ao cabo. Que barbaridade!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...