Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

23.7.12

Ano de Gracia


Quizais foi vela dobrada que me deixou cun aquel de... esperaba máis. Son fan de Rosa María Sardá. Así que os papeis tan, tan, tan, tan estereotipados déixanme cun gusto de fraude.
O rapaz é bo e inocente, a vella unha roñona que só hai que descascar, o do bar é o colega que sempre quixeches, as rapazas da cidade unhas liberadas sexuais sen sentimentos e parvas a dolor... Nada, pouco lograda.
Parece que ao final á xente só lle saen ben os dramas, dramas, o que é a comedia queda sempre a medias. E mira que hai series coas que me parto, así que tampouco debería ser tan difícil levar un pouco diso ao cine… ou si.
Estes días desconecteime algo do mundo. Despois dos últimos recortes eu xa non confío en que isto mellore. Ademais de toda esta estampa desoladora aínda se permiten coselo con fiaños de novas medidas para o outono coma as que planifica o señor Gallardón. Se nalgún momento dixen en alto, anos atrás, que me parecía polo menos unha persoa simpática ou agradable ou fácil de abordar, cágome no que dixen mil veces.
A última que se lle ocorre é a modificación da lei do aborto. A este habíalle que enviar todos os “supostos” vivir para a súa casa e que os mantivese e educase el, que terá máis posibles e máis amor para dar.
Flipo coas palabras que botan pola boca tan alegremente. Vese que eles nunca estarán na tesitura de ter que tomar a decisión.
Lin onte que as guerras sempre as trazan os que non van a elas.
O mesmo coas leis, ao final, lexisla o que menos entende do tema.
Así saía o outro día nunha campaña solidaria á que lle deron unha chea de cobertura dous empresarios que coñezo. Xuntaban alimentos creo que para algunha ONG ou comedor social. Unha reportaxe na tele de polo menos dez minutos.
Habería que ir pola noite e facer a reportaxe do trato que reciben os seus empregados. E dos seus salarios. Se cadra a metade dos alimentos aínda quedaron nas súas cociñas ou usáronos para pagarlles en especie.
O dito, ao final case sempre fala o que menos debe.
E así lle imos pasando o verán. Pensando moitas veces en que cada día confío menos en todo.
Ás veces sorpréndome dicindo en alto: non prometas o que non depende só de ti, porque despois veñen as decepcións...
Eu antes confiaba máis, pero cambiar de pantalla fíxome ver que a cautela ao final é o mellor escudo. Para todo...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...