Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

26.7.12

Ao menudeo


O outro día na praia fun aparcar o coche ao inferno. E para non facerlles patear ás pequenas descargueinas a pé de praia e despois fun buscar a vida eu e o cochiño.
Mentres volvía camiñando cos bártulos ao lombo pensaba que que pasada, canto coche, canta xente, algo inusual un día da semana...
Xa sei, todos pensastes o mesmo. Tanta xente parada, que carallo vai facer, polo menos poñerse un pouco ao sol e esquecer as penurias. Pois si. Bastante diso hai.
En canto enfiei a pasarela diante miña púxose outra pequena mula de carga, unha nai con meniño ao lombo, millóns de bolsas e outra nena duns catro ou cinco anos camiñando agarrada á saia dela.
Como me franqueaban o paso seguinas e a nena empezou o seu discurso:
Mami, que suerte tenemos con lo de la tarjeta, eh? Ya lo dijo papi, que sería llegar y aparcar.
Cállate (os cállate a partir de agora son da nai)
Pero mira, esa tarjeta de aparcar, ¿es de la gente en silla de ruedas?
Cállate un poco y camina.
Claro, es de los que tienen pupas tan grandes que no pueden andar, y van en silla, como los niños pequeños. Pero no lo entiendo, por qué les dan una tarjeta para estar cerca de la playa.
Pues para que no tengan que andar.
Claro, como nosotros.
Sí, como nosotros, cállate ya y camina.
Pero entonces, que suerte tenemos con tener la tarjeta, ¿no mami?
Cállate ya, por favor y camina...
...
E a nena seguía debaténdose entre a sorte que pensaba que tiñan, porque llo dixeron os adultos, e a súa pequena mala conciencia sabendo que o que lle contaran ben, ben, ben, o que se di ben parecía non estaba. E dáballe voltas ao tema.
Supoño que non preciso aclarar nada máis.
Á volta funme fixando nas tarxetas dos sitios reservados para os discapacitados. Moitas ben se vían plastificadas na casa, copias tiradas da internet, sen cuñar... só algunha era boa.

A nai tamén parecía que estaba empezando a arrepentirse de non pegarse a pateada, aínda que lle doesen algo as costas de carretar todo...

Onte vendo unha reportaxe sobre a economía mergullada dábame a sensación de que estaba asistindo á mesma discusión nai-filla do día anterior.
Algunha xente faino para sobrevivir, tanto o que “contrata” coma o que é “contratado”, saben que está mal, que se están prexudicando, que no fondo é unha insolidariedade co veciño, que usan os recursos que outros pagan, que contribúen a estragar o estado de benestar, que é pan para hoxe e fame para mañá...
Pero, ¡ai! temos sorte, aparcamos ao lado e rápido, e maloserá que veñan hoxe tantos discapacitados á praia que non teñan onde poñerse e a mala conciencia... a mala conciencia xa a levará unha ondiña do mar...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...