Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

13.7.12

Cada quen á súa bóla


Onte no parque uns pequenos que estaban comigo cantaban: Nosa, nosa, te espero na Aghualada, ai si eu che pegho, ai, ai si eu che pegho. Melisa, Melisa, así nosé me matas, ai si eu che pegho, ai, ai si eu che pegho.
E cantábana a viva voz, grito pelado e convencidos de que o facían ben, tan ben que nun momento un parou e díxolle á outra: Eiii, tala cantando mal, que é Melisa e non Elisa.
Á súa bóla.
E crendo a ciencia certa de que era a letra da canción.
E así se me vén á cabeza a filla de Fabra, filla dun pai que lle inculcou que malversar, roubar, terxiversar, prevaricar e quen sabe cantas cousas máis era unha maneira de vivir.
E así acabou ela noviña na política sen allearse nunca para miralo con perspectiva ou madurez. Casou cun de vida social similar, a endogamia nestes casos é importante, porque do contrario pódese correr o risco de que, nun momento ou outro, alguén che diga que non é Elisa, que é Melisa e te faga dubidar.
E así seguiu, ascendendo, coma tantos outros e tantas outras privilexiados que non necesitan o currículo nin para limpar o cu.
Eses son os verdadeiros privilexiados, non os funcionarios que perderon o pelo e a pasta e parte da súa vida estudando e preparando oposicións, para alcanzar un posto de traballo máis ou menos decente, pero de certo nada lucrativo.
Lendo grandes blogueiros coma o falso-Sampedro penso que por que historicamente sempre se deu que as grandes mentes prefiren quedar na sombra (non me refiro aos blogueiros, nin aos verdadeiros nin aos usurpados, senón a grandes pensadores), ser humildes e ter ese sentimento de que non son quen de facer labores como gobernar un país ou dedicarse á vida pública.
En cambio a ignorancia continúa sendo ousada.
Será que os ignorantes ao final cortan o cotarro para que poidan seguir beneficiándose desa idea as xeracións vindeiras e así poidan perpetuar ese sistema endémico e herdable para os seus vástagos e vástagas...
Supoño que si.
Deseñan currículos escolares á súa medida: está ben ser moi listo e reflexivo, pero prefírese o don de gentes, o saber estar, a figura esvelta, a escola da vida...
Ao final a psicoloxía do terror e do amedrentamento tamén é a que funciona.
Así que seguirán á súa bóla.
Estes días cando vexo a toda páxina as supostas cartas de empregados de Banca para lavar a súa imaxe dáme dor de barriga. Canta literatura barata: eu mesma involucrei a miña familia en produtos tóxicos, eu trato de ti a ti a xente que vén á oficina, coñezo os seus casos particularmente, eu non son das que levo pagas millonarias...
Probablemente non. Probablemente estudaches empresariais ou económicas, puxécheste a traballar e fixeches o que che mandaron.
Pero esa carta a toda páxina escríbea ti, despois de mirar os expedientes da xente que timaches, incluída a túa propia familia, e faino nunha carta ao director que che manipularán tamén ao seu gusto despois.
Non te vanaglories de decencia e humildade e boas intencións mentres a situación nin está resolta, nin satisfai a ninguén e por riba a toda páxina, en cor e coa túa foto que deixa ver que pobre de pedir non pareces, ou polo menos para roupiña de marca, xoias básicas e un bo servizo de estética e peiteados aínda tes...
O dito. Cada quen á súa bóla e vivindo no seu mundo sen darse de conta de que o mundo, ademais de ser de moitos, ten moitas caras...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...