Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

20.7.12

Carmina o revienta


Nin fu nin fa. A min como peli pareceume bastante sosa e como argumento algo ruincete. Como comedia non me rin nin nunha ocasión e como miseria humana vinas peores.
Iso si, as actrices moi boas as dúas, nai e filla cunha capacidade para a perorata bastante ben, pero o resto...
Se queren momentos sórdidos e macarras que veñan un día cunha cámara oculta ao bar de debaixo da miña casa.
Para ir mexar e non botar gota.
Carminar ou rebentar poden facelo os dunha empresa que non vou mencionar, que ao abeiro da nova lei van deslocalizar os contratos a Portugal. Pasan a todos os seus empregados a unha ETT portuguesa, rebáixanlles o soldo e fanlles ir pasar o recoñecemento médico a Porto. Aí queda iso.
Ou outro grande empresario que lles suxeriu aos empregados de baixa pasarse á mutua, tal cal coma se lles estivese ofrecendo un seguro sanitario privado para que todo marche mellor e lles miren pola saúde, en lugar de pedirlles asinar os papeis para irse para a rúa cunha man diante, outra detrás e descontando a baixa dos días de paro, se é que o teñen.
E podo asegurar que ningún dos dous casos son eses famosos casos de empresarios que teñen que aguantar o tirón como poidan. Para nada.
Eu visto o visto, xa non sei se de verdade para que haxa ricos moi ricos ten que haber moitos fodidos, fodidos, porque isto xa non ten moito xeito.
Antonte vendo a última sesión de control parlamentario mentres traballaba dábame gana de chorar, só aplaudín cando un dos de Esquerra Republicana deixou caer con todas as letras que de tanto apertar, calquera día a xente de a pé sublevaríase en serio, cando xa non tivese nada que perder, e que quizais se lle sacaría o sorriso da cara aos que os estaban conducindo a esa porca miseria.
Eu non digo máis, só que ten razón.
O outro día eu mesma dicía, que se me vise deshauciada, con máis pulgas no corpo e sen perspectiva de nada e me entrase unha vea suicida, antes de nada, se non perdera a cabeza totalmente, montábaa ao grande.
Dicir iso en alto e recoñecelo non me capacita para facelo, e nin sequera sei se tería valor, pero din que unha nai de calquera bicho multiplica as forzas coa adrenalina que xera cando ve unha cría en perigo. A min a adrenalina despois de informarme de certos temas dispáraseme ata o punto que se me dan un látego na man empezaría a dar nas cachas pero con toda a miña ansia, sen cortarme, vaia.
E como dicía a miña profesora de literatura do instituto “yo es que es veros la cara y desear convertirme en chorcheneger, para fulminaros a todos a trallazos”, estaba un pouco mal da perola a muller, pero con todo era boa docente e fíxonos ler e leunos literatura contemporánea por un tubo, e incluso no fondo, dicíao por dicir, que ben se lle vía que nos quería ben.
Pois iso, a min pásame por aí o mesmo... E non sei se o que din de Francia é certo e Hollande tomou todas as medidas esquerdistas que pupulan pola rede, nin sei se son reais os datos que falan dos pasiños que está dando a economía gala. De ser así de certos, gana dá de facer a maleta e emigrar... ¿non?
Pois iso, ou camiñar ou rebentar... e se rebenta, que non nos pille polo medio...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...