Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

7.7.12

Codex Calistinux ou cagharse na nai do electricista

Que non vou defender que a xente mangue, faltaba máis, ou que sise e vaia facendo un gran patrimonio ano tras ano, que tampouco.
Aínda que se roubaba era porque debía haber a moreas. Se fora electricista dunha escola probablemente non mangase nin o cambio da máquina do café, pero ai!, os curiñas outra cousa non, pero cartiño aínda manexan dabondo. Ou que llo pregunten ás monxiñas que facían cadros humildes e atesouraban pasta humilde en humildes bolsas do lixo. Ao final a Pantoja e compañía son uns afeccionados, a Igrexa, ademais de atesourar, sabe facer cousas con gusto, coma o Vaticano, e non trapalladas coma Marina D'or e outras chambonadas polo estilo.
O caso é que sae o comisario este (galego el, disque) botándolle a culpa á idiosincrasia galega, que ten un aquel de mangante-pega que despois vai encher o colchón ou o ladrillo de cartos.
Lía no blog cartaxeometrica a opinión deste blogueiro, coa que non podo estar máis de acordo. Ao final, ata miña nai sabe o que é o Códice Calixtino, aínda que me teña que escoitar cagándome na nai do can porque o máis sabio custodiador dixo que o recoñecía polas anotacións que lle fixo a lapis...
Aínda bo foi que non o encheu de cromos ou de gomets nas horas mortas, para darlle un toque de alegría ao libro soso que non hai cristen que o lea.
O caso é que esta nosa idiosincrasia, tan de noso, de agachar os cartiños é non só o móbil, senón a xustificación do roubo.
Eu recordo a miña primeira achega ao Códice, cando parafraseabamos pequenos fragmentos nas clases de latín. Daquelas xa empezaba a intuír que non só os cadros son obras de arte, e que hai testemuños escritos que teñen valor non só polo que contan e por como o contan senón tamén pola lingua que usan.
Por deformación profesional, cando o roubaron non só me indignou, senón que tamén me doeu. Pensar que está gardado por curas gañáns que se preocupan máis do cepillo ca da arte ou da cultura que os rodea e que teñen a obriga de custodiar. Tamén me mosqueou moito que haxa tanto agravio comparativo entre unhas obras e outras.
Saber que polo menos o electricista o coidou e que non lle pegou cromos xa é todo un alivio. Ao final foi coma iso de que falen mal dun, pero que falen. Ata o último peregrino que pisou Santiago sabe algo do tema, aínda que sexa parcial.
Ao electricista, se finalmente é que foi el o único autor material e cabeza pensante, fóiselle das mans o tema, éralle ben mellor seguir collendo da bulsa discretamente. Parece que a avaricia sempre rompe o saco.
E o señor comisario, igual ca moita outra xente, encherá a boca dando noticias cheas de prexuízos, tópicos, estupideces e seguro que lle dará por poñerlle unha dedicatoria ao libro mentres o carrexa collido da man das autoridades, que nunca pensaron en poñelo en mans mellores, pero que irán oír unha boa misa televisada e unha grande ofrenda ao apóstolo, algo grande tipo a visita do papa, para que os dos bares do arredor volvan quedar cos bocadillos embalados en papel albal, porque o alto nivel do turismo compostelán é o que trae os bocadillos e as latas da casa e como moito compra un par de meigas de la suerte made in china, que ó comercio que polo visto se vai protexer pola zona histórica.
Imaxino a dedicatoria do comisario prexuizoso:

Eu detiven o electricista que roubou o Códice e dirixín toda a operación.
Con gran cariño o devolvo ao apóstolo.
Xuño de 2012.
O comisario en xefe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...