Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

5.7.12

Códice Calixtino, pedradas e o mundo está fatal

Apareceu o Códice Calixtino, mangouno un electricista con moita ambición, apoiado pola súa muller e o seu fillo, que entende moito de ebay. E gardárono nunha bolsa de plástico para ver se escampaba o tema e o podían sacar fóra... Seica fora lureando peciñas ano tras ano e grazas a iso tiña un gran patrimonio.
Está ben, a policía, á parte da xoia do libro atopou algunha pasta negra (un millón de euros, nin máis nin menos), así sen querelo case. Supoño que lle ha valer ao electricista para poder saír impune.
Así que me cheira a que hai un cura con chispa detrás. Ou un con poucas luces e un gran currículo de bricomanía dos domingos ás costas. Pero eu son moi escéptica de diola para imaxinar un electricista normal e corrente, por moi chourizo que sexa, mangando semellante obra de arte e considerando, nin sequera de lonxe, darlle saída ao tema. Se eu son el, en canto rebenta o asunto nos medios xa o boto á primeira cacharela que se me ocorre co canguelo que me entra.
Parece un escenario un tanto preparado, pero confiemos na xustiza, se hai que confiar nalgún tema.
Eu non sei en que momento se vai comezar a rodar a roadmovie deste paisiño noso, pero en calquera momento o escenario é perfecto, non hai nin que retocalo.
Dá para máis sagas ca o Harry Potter.

E despois da noticia do Códice no telexornal sae unha viúva preguntándose por que carallo a dous rapaces de 14 ou 15 anos se lle deu por tirar pedrolos aos coches desde unha ponte. E matarlle o home así gratuitamente.
Unha queda de pedra ante algo así.
Xa non sei onde acaba a responsabilidade cando tes fillos se che saen atravesados.
A muller dába bastante mágoa.
Os pais dos rapaces non quero imaxinar a cara que lles quedou.
Eu con 14 ou 15 xa tiña algo de conciencia, así que a estes íaos poñer a picar pedra nunha canteira ata que lle sangrasen os dedos un día si e outro tamén. A pan e auga. Así habíalles acordar que o xogo é unha cousa ben distinta da vida real.

O mundo por momentos está fatal, pero fatal de para que baixo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...