Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

12.7.12

Eu quero


Eu quero que as nenas coñezan o mundo, a xente e as cousas todas da vida.
Eu non quero que na súa escola só digan hello.
Non quero paseos dacabalo.
Nin manexar o ordenador.
Eu quero que saiban os nomes dos nenos.
O nome da mestra.
Dicir bos días.
E pedir perdón.
Eu quero que teñan aleuta a imaxinación.
Pero quero que saiban que hai nenos que tamén soñan cun mundo mellor.
Eu quero que coman o seu bocadillo, con molete, chourizo, queixo e xamón.
E ulan as froitas que venden na feira.
Non cachiños tan pequenos que non se saiba nin que froita son.
Non quero que pensen que o mundo está para servilas.
Nin que teñan medo de non seren ouvidas.
Non quero que se agachen da xente maior, nin dos nenos grandes, nin do cocón.
Pero non quero tampouco que pensen que as cousas choven, polo si e polo non.
Eu quero velas xogar coas cunchas do mar.
E dicirlle bo día, como vai ao señor Ramón.
Eu non quero que acabe no valado dun parque a súa diversión.
Non quero unha bici con douscentos metros só.
Eu quero para elas un gran contador.
Non quero cancións só da televisión.
Eu quero pandeiros, tambores, pop, heavy e rock.
Non quero que pensen que o porco é o animal simpático das historias.
Quero que saiban que o coello non é de peluche, nin o gato falador, nin os pitiños coma o algodón.
Eu quero que cheiren os cheiros, escoiten os orneos, os chíos, os miaños e os ouleos.
Que saiban que os peixes, as serpes e os osos non viven no zoo.
Non quero princesas que mercan revistas nas que lles contan como han de vestir se queren ser felices.
Eu quero que a risa só veña do chiste, da graza, da vida que pasa.
Non quero un colexio masificado.
Prefiro de lonxe unha escola de ferrado.
Onde todos aprendan só pasiño a paso.
E canten cancións onde falen de paxaros, e coñezan o cuco, a pega e o galo.
E onde os nomes das plantas se asocien ao que son.
Eu quero que corten, debuxen e peguen.
Non quero vídeos onde lles aprenden, mentres están sentadas.
Eu quero que se deiten de noite cansadas.
Quero que coñezan o mundo, que saiban quen construíu as pirámides, as torres, os palacios, as cidades...
E quero que vexan os ríos, as fragas, os montes, os camiños, as fontes, as praias e de onde vimos antes ca nada.
Quero que pensen que o mundo é bonito e que todo é posible.
E quéroas humildes para que saiban que o mundo xa estaba aquí antes de que elas chegaran.
Quero tantas cousas que medo me dá non poder alcanzalas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...