Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

15.7.12

Farming culture


Eu non tiven a sorte de medrar na aldea, pero sei que non é un traballo coma dar un paseo, así que xamais diría que vou cambiar de vida ao máis puro estilo pastorela, porque está claro que as cousas non son así.
Pero teño claro que cada vez máis estou desencantada con este ritmo e este pouco apego ao mundo que se respira nas vilas e nas cidades.
A min gústame saír, tomar o café, ir ao cine, ao teatro, pasear polas rúas cheas de luces, de xente...
Pero tamén me gusta a tranquilidade, a paz, o verde, o cheiriño a mar ou a aire.
A min quen me dera que me tocase a lotaría, non digo moito, digo o suficiente para desfacerme das débedas, mercar unha casiña pequena nunha aldea do interior e vivir facendo o que sei. Sen máis.
Onte escoitando Hustler de Kymani Marley mentres lle botaba un ollo ao blog de Novos Rurais pensei que nin terraza teño para reciclar botellas pet cunhas leitugas.
Teño moito que contar aínda.
Quero facer moitas cousas antes de palmala.
Quero ter un can listo que me poña ollos de bo e me lamba a man aínda que o día fora longo e duro.
A realidade actual dáme bastante angustia.
Vou ter que deixar o da empatía ou xa me vexo todos os días con dor de barriga ata chegar á úlcera.
Unha boa colección de desencantos empézame a pesar na mochila.
Vou ter que ir descargando ou mercando un carriño para arrastrala.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...