Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

11.7.12

Humilde opinión

A miña cativa cabeza ás veces rexe ben e ás veces rexe mal. Moitas veces gustaríame poder relacionarme con xente de opinións máis diversas ou contrapostas ca a miña e ter a empatía suficiente para chegar a ter unha visión máis imparcial sobre o mundo e o que pasa nel.
Cando leo algúns xornais a verdade é que me poño enferma. Para min hai cousas que son simples e que penso que están claras.
Europa non se sustenta. É unha sociedade nada anónima onde non hai unha repartición equitativa en absoluto, senón un xefe, un secretario, un tesoureiro, un amigo simpático, un amigo con influencias, un amigo tímido pero agradable, uns cantos que se pegan para saír nas fotos... así que partindo desa base de desigualdade, é obvio que non todos saen beneficiados desa relación. É máis, algúns ata saen prexudicados, coma en toda pandilla que non vén a nada.
Alemaña historicamente xa levou labazadas por mor de cuestións que non vén a conto refrescar, e parece que diso aprendeu. Se tivo que pagar a conta despois da guerra, agora tamén ten anotadas as débedas no caderno e parece o tío Gilito, que non deixa escapar nin un chavo, así lle pise as dedas a millóns de famélicos.
Todo o inchazo dos bancos, da prima de risco e dos fondos de rescate non responde a nada máis que a protexer os investidores estranxeiros, sobre todo alemáns. Non queren perder a súa pasta, o lugar de vacacións tanto lles ten, o que lles importa agora é cubrir as súas propias costas. Así, deste xeito serán os primeiros en cobrar.
Igual que cando alguén perde unha empresa, ou a declara en quebra. Os primeiros en cobrar unha vez que se resolve o xuízo non son os traballores empregados afogados, nin os autónomos aos que lle poidan deber pasta polos materiais. Primeiro cobran os avogados, o banco, facenda, a seguridade social... e así ata chegar ás raspas, que case nunca chegan e que serían para o traballador real.
Pois o mesmo, aquí non pense ninguén que esa pasta vai servir para tapar os buratos dos usuarios da banca, vai servir para que os grandes investidores, que nin sabemos quen son, recuperen o que puxeron ou que sigan lucrándose coma se nada tivese pasado. É o seu círculo vicioso, e non ten buratiño para que caia nin unha miserenta calderilla para ninguén.
Entrementres sobe o IVE porque hai que poñerse á altura de Europa. Paréceme ben, equiparémonos e sexamos máis xémeos e menos Caín e Abel, se queremos ser tan irmáns, pero igualemos tamén os horarios, a lexislación, os servizos sociais, os salarios mínimos e un longo etcétera que, por fortuna, xa todo o mundo comeza a coñecer.
Nada de pandeiretadas como legalizar a pasta negra, modificar as leis para instalar os puticlubs e destituír altos cargos cando resultan demasiado eficientes. Nada de penalizar máis o que rouba o xamón ca o que rouba os millóns dos erarios públicos.
Tamén se recorta a prestación por desemprego.
Calquera día dinnos que o pan sexa só auga, que total fariña e fermento non valen máis que para engordar e temos que dicir que si.
Aquí non sei se alguén se decata de que ese mal endémico da pasta negra tamén pasa porque os traballadores asinan contratos por máis pasta da que realmente cobran. E tamén pasa por contratar a xente por media xornada, por categorías inferiores á que lle corresponde. Vamos, que un paro de 1000 euros teno un licenciado con dous ou tres fillos ao cargo, o resto do persoal aínda bo é se chega a 700 iniciais. Agora redúcellos e a comer merda.
E que dicir dos recortes aos funcionarios. Ao final parece que son eles os culpables de todo. O discurso demasiado funcionario, demasiado vivir por riba das nosas posibilidades a min xa me cheira máis a porco que a rosa.
Catro viviron por riba das súas posibilidades, e catro funcionarios quizais sexan preguiceiros ou aproveitados. Pero que me veñan dicir a min que vivín por riba das miñas posibilidades, que lle canalizo todo o meu xenio nun bo par de hostias, á ministra, ao presidente e ao papa de Roma. A discreción.
E xa por último, un recorte na pasta para os partidos políticos e un recorte no número de representantes no concello, no parlamento, etc.
Isto é máis perigoso do que parece porque, ¿que son os que realmente van saír prexudicados? Os partidos minoritarios, obviamente.
Os grandes xa teñen ben quen os financie, nin sequera lles fai falla financiamento público para enzoufarse en campañas electorais. Quizais se corten en medios, se se cortan, pero pouco lles vai cambiar o conto.
Así conseguimos que cada día haxa máis uniformidade de pensamento e de representación, coma se fose o reflexo real da sociedade...
Que guai!
Que recorten no entramado europeo, que máis se aforraría, ou en embaixadas, ou en representantes que non se sabe o que pintan na casa da collona, ou en privilexios innecesarios e máis ben insultantes da clase política alta...
Hai un tempo falaba do sistema de turnismo que parecía que se estaba dando de facto. Deberon lerme esta idea e dixeron, ostiá, pero se isto é fácil de conseguir, non fai falla nin un golpe de estado, nin declarar unha ditadura para perpetuarse no poder, nin seguir currando en campañas electorais de lamberse o cu sucesivamente e por orde alfabético sen achegar nada novo... recortemos por aquí e xa sae a solución coma quen bota un peidiño despois dun cocido.Hoxe estás ti e mañá estou eu, ou estamos xuntos, que total o de quentarse só é en público e para facer o paripé. O que se chama cubrir as costas un a outro.
Manda nabo.
E así máis. Acabo de ler as medidas e xa sei que nos veñen joder máis o panorama, por se xa estaba pouco jodido.
Eu non sei se de verdade pensan que por estarmos no século XXI isto xa está feito e están inmunes e blindados ante a reacción da xente.
Probablemente ninguén colla un cabalo, unha armadura, unha espada e lle vaia ir cortar a cabeza a ninguén, pero isto calquera día rebenta.
En Alemaña, algo que non tivo moita repercusión mediática, un señor que ían desauciar, que xa o tiña todo perdido, o día que o viñan botar, armouse de escopeta e cargouse aos 4 funcionarios que tiñan a tarefa encomendada (sen teren culpa, loxicamente) e despois suicidouse.
Aquí hai xente que comeza a estar desesperada. Primeiro serán pedradas aos bancos, pequenos furtos, trampear como se poida, e despois... despois eu non sei o que será, pero por se acaso hoxe vou ao cadea 100 comprarlles unhas pistoliñas de auga ás nenas, por se hai que ir collendo destreza.
Que carraxe teño enriba hoxe, joder! Eu por min á mamá Europa dicíalle que prefiro independizarme se non deixa de tratarme coma un meniño e que a débeda xa lla pagarei cando me veña ben, cando atope traballo e teña uns aforriños.
Eu que levo co meu discurso de que o mundo non pode ir para atrás, que sempre se avanzou, que aínda que haxa fochas isto sae fortalecido e moitos outros positivismos así sobre o panorama xeral agora teño que recoñecer que onde dixen digo, digo diego, e que si, isto pode ir para atrás, e en calquera momento atoparnos cunha cartilla de racionamento para que o acceso ao supermercado non sexa libre e non corran o risco do saqueo. Iso si, nun ipad e non nunha cartolina, porque seremos europeos e modernos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...