Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

4.7.12

Mal gusto


Onte vendo unha reportaxe sobre os españois que vivían en Noruega saíu unha rapaza de arte que estaba expoñendo nun espazo colectivo.
A súa obra eran catro casetas de paxaro con catro fotos de fetos de diferentes especies iluminadas dentro.
Sen palabras.
Ela mesma recoñecía que todo valía.
Lía no suplemento dominical dalgún xornal, xa non sei ben cal, unha reportaxe sobre a universidade americana esta famosísima que é a canteira de grandes directivos e de grandes ideas (casualmente case todas as ideas que saen son programiñas para divertir a xente, algo de robótica impresionante, de aí saíron grandes avances da internet...), todo moi ben e moi bonito para enredar o primeiro mundo máis acomodado, realmente a min impresionaríame máis que aí o talento se encamiñase cara a outros derroteiros máis aproveitables para a humanidade. Pero é a miña opinión.
Total, que nesta reportaxe explicábase algunha das súas técnicas, como ter que improvisar un chiste baixo uns parámetros, ou cumprir unha orde estúpida, isto é coñecido de vello e non é máis que aprender a perder a vergoña, defender o indefendible, vender fume se é necesario...
Un rapaz que coñecín que estivo na lexión explicoume un día que os obrigaban a cumprir ordes tan estúpidas como tirarse enriba dunha poza, comer algunha cousa noxenta, limpar os lugares máis cochambrosos, competir cun colega ata a extenuación e outras cousas que recordo que prefiro non contar porque cando mo contou non era moi dono do que dicía. Total, todo isto, que para min non tiña ningún sentido e que só me facía reafirmarme na miña opinión sobre este tema, en realidade non é máis que unha técnica pedagóxica. Explicábame el que se te afás a obedecer, aínda que sexa ordes sen sentido, o día que esteas nunha guerra e che manden facer unha barbarie, obedecerás sen pensalo.

Nas actividades de tempo libre tamén se fai moito fincapé na improvisación, nas actividades divertidas sen máis, axuda a deshinibir e a establecer unha relación sa entre os participantes. Supoño que tamén é o que fan os modernos MBA e as actividades para as empresas con pasta...

Así que os desta universidade tampouco pensen que son a repanocha con esta técnica, ademais de antiga, só serve para que a xente deixe de ter humildade e quizais chegue a saber vender parrocha podre coma se fora do día sen ningún tipo de escrúpulo.
Pois o mesmo coa arte, coa música e con outros mercados, sobre todo artísticos, en xeral.
Supoño que todo é dar con quen saiba venderte ou que ti saibas venderte. E que acaben no salón da túa casa catro casetas de paxaro con fotos de fetos iluminadas dentro. E todo polo módico prezo de non sei cantos soldos normais...
Para ir mexar e non botar gota.

Onte tamén vin o cartel do Festigal deste ano. É unha moza zombi á cal lle cae sangue pola boca e o lema é Vai de morto o que non foi de vivo...
O meu comentario foi que é máis feo ca pegarlle a un pai. Supoño que a persoa que o deseñou e o fixo tivo que pasar o seu traballo, e que por riba soubo vendelo, o cal lle apón, supoño, un mérito engadido.
Para min, á parte de feo, non ten ningún sentido. Digo eu que será pola moda zombi que se está levando nestes últimos anos. Eu mesma son fan do zombi, sigo series e vexo pelis de zombis, incluso fun ver unha obra de teatro zombi (na que case vomito, por certo, do ben lograda que estaba). Así que uns máis que se apuntan (tarde, mal e arrastro, todo hai que dicilo), porque por máis que o penso, non lle vexo a conexión co Festigal nin co seu espírito.
En canto empapelen Santiago cos carteis xa vexo os xornais ardendo de comentarios sobre o pouco gusto do tema en cuestión. Nada, dándolle un argumento máis á sociedade compostelá para que boten en contra do que organizan “los del gallego”.
Está claro que a min os prexuízos duns cantos non me van afectar, porque meter a todo o mundo no mesmo saco xa se sabe o que vén sendo, pero neste caso, igual ca se fose de calquera outro colectivo, teño que concordar con eles. É de mal gusto e non vén a conto. E menos tendo no cartel xente tan boísima, que merecía algo máis á súa altura.

O mal gusto se trae polémica é moderno. Disque. O mundo necesita unha voltiña de rosca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...