Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

10.7.12

Moinantes, ladróns, larpeiros...


Así pasaba o telexornal meu avó, máis ou menos, ás veces aumentando algún insulto e ás veces improvisando algún discurso engadido.
E nós flipabamos e dábamos algo de risa que pasase o día insultando a alguén que xamais sabería que nalgunha casa, alguén opinaba del que o seu traballo, á parte de facelo mal, tamén estaba causando moito prexuízo e indignación.
E despois fómonos sumando máis ou menos todos a ese costume, que herdamos.
O outro día entrei pola casa e descubrín a miña avoa diante de telecinco dicindo: Aquí non hai máis ca porcas, porcos e porquerías.
Eu tamén son das que lle falo ao telexornal, paso o tempo dicindo: será caradura, terá desfachatez, aí ven a lerda esta, ala, o discurso de sempre, veeeeña, máis merda por se tiñamos pouca, a ti poñíate eu fino... e cousas así. Ás veces súbolle ao ton, sen darme de conta.
O mundo ultimamente moita grima me dá. Algún día déitome e penso que non pode ser, que non dou creto a que nos esteamos envolvendo en tanta trapallada e aquí non haxa alternativa mellor.
Por riba non para de chover e os terremotos que viven con nós se non saen montan a rave na casa. Algún día parece que un ciclón pasou por aquí. Canta enerxía en botes tan pequenos, e eu cada día síntome máis avoa, máis repunante e máis pureta.
O outro día ata lle dei o toque a un señor que sempre vén fumar o puro ao parque. Que teima colleu o paisano con vir seguido alí. Recoñezo que non llo dixen porque me molestara velo fumar, nin porque os nenos poidan ver o hábito, nin bla, bla, bla, porque os fumadores xa abondo teñen coa demonización legal, non vou colaborar eu na social tamén, cada quen que lle meta o que queira ao corpo, mentres non mo fagan tragar a min... Pero é que a min o cheiro do puro dáme gana de vomitar. Fíxeno por egoísmo persoal, sen máis.
É o momento das vodas en que desaparezo a algún balcón, porta ou xardín para non respiralo, porque de verdade que vomito e paréceme unha perda vomitar mariscadas.

Algún efecto semellante teñen agora os telexornais e os xornais, que me dan gana de vomitar, ou polo menos revólvenme o estómago e maréanme. O outro día despois de acabar de ler a destitución do xefe da policía por conta dunha trama inmobiliaria, a reportaxe sobre a rapariga con síndrome de Estocolmo, o conflito en Siria e o nomeamento de Samoano como director de informativos e a opinión dos traballadores da televisión pública sobre iso a verdade é que me empecei a sentir fatal, pero fatal...
Teño que empezar a ser menos empática.

Hoxe zapeando vin que repuxeron Curro Jiménez no horario de Amar en tiempos revueltos e veume á cabeza as avoas que acaban recalando en telecinco vendo porcas e porcos porque lle quitaron a novela que lles recordaba os seus tempos e lles entretiña as tardes. Van flipar pensando que isto non é que vaia a peor, é que o mundo acábase.

Teño gana xa de vacacións, de algo de sol, de bañarme no mar, de comer sardiñas ao aire libre, de ler un libro con luz diúrna, de non prender a tele nin para poñer Dora a Exploradora e de perdoar e reconciliarme con parte do mundo que xa non sei ben se é que me sobra ou me falta.

Ai.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...