Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

3.7.12

Ollos que non ven


Este domingo por primeira vez en moitos anos gustoume o artigo do semanal de Pérez Reverte. Xa sei que ten moitos e moitas fans, pero a min como me cae coma un tiro persoalmente, pois non lle leo nada. Iso que sei que perdo unhas boas novelas de aventuras, polo que contan.
O caso é que este domingo falaba das imaxes tan duras que nos chegaron estes días de Siria, das matanzas indiscriminadas de poboación civil, que non só foi asasinada a sangue frío, senón tamén violada e torturada, para maior gloria da humanidade.
E incidía en que lle parecía unha estupidez máis do xénero humano que se protestase por sacar esas imaxes, que supostamente só alimentan o morbo, á parte de provocar gana de vomitar por todo o que nos rodea.
Estou de acordo con el, que as imaxes de guerra teñen que ser coma unha hostia na cara do resto do mundo que está comodamente no seu sofá. Despois fai o que queiras, pero coa hostia quedas.
Así que todos eses e esas sensibles que non queren ter o horror de sobremesa, que sigan mirando para outro lado. É algo que, inexplicablemente, se nos dá moi ben, a pesar de que esteamos vivindo na era da información.
Supoño que este mesmo espírito de non querer ver é o que levou a que o domingo por diante da miña case a xente pasase ata a madrugada pitando nos coches (co caro que vai o combustible), cantando e orneando o orgullo patrio. Hai fotos tan inexplicables como uns rapaces negros levando a bandeira franquista...
E tamén é o que lles fai converter en ídolos a homes normais, máis ben de mentalidade mediocre e cunhas ambicións cativas que non van máis alá de atesourar mansións, xoias, cartos e rapazas guapas para pasar o tempo. Pois iso. A min apupar a rapaces que se supoñen modelos de vida tomando copas nun bus e dicindo consignas un tanto xenófobas, como que se fodan estes e estes... poisssssss, a ver, non me acaba de convencer.
Non nego o aquel de espectáculo, de diversión da xente, nin nego o pracer que senten as persoas que son forofas do fútbol de ver o seu equipo gañando. O fútbol como deporte, e máis se é deporte base e ben entendido como colaboración, paréceme perfecto. Eu mesma seguín durante bastantes anos a liga da costa, onde rapaces do meu instituto e veciños xogaban todos os domingos, con bastante afección, por certo. E tamén me alegrei do ascenso do Dépor e do Celta, e teño vivido con ansia os partidos do Bergan. E tamén teño compartido ilusión nun bar vendo algún partido. Pero creo que non é comparable.
En fin. Só me sorprende que todo estea tan frivolizado que nos guste. Onte acabei por ver Padre Casares, só por fuxir da vida, obra e milagres da roja. Que xa está ben. Hai máis cousas no mundo. Incluso hai máis deportes e máis deportistas.
As rapazas de natación sincronizada, que colleitaron moitos éxitos, por certo, aínda non foron elevadas ao olimpo dos deuses, nin tampouco dixeron que vos dean polo cu rusas de merda, ou mordede as boias, chinitas...
Será por iso que non levantan paixóns, agás cando saen nas revistas do corazón vestidas por algún deseñador ao que se lle vai a pinza e vende como vintage a última merda que se me ocorrería botar ao lombo.
Está claro que ningún de nós é íntegro, nin tampouco ten unha carreira inmaculada, o que menos fai bebe ron con cocacola, ou toma azucre, ou merca nunha grande superficie, ten alta tecnoloxía que cambia con frecuencia ou leva marcas das de moito márketing e poucos escrúpulos (empresas que explotan persoas, esgotamento dos recursos naturais, escravización infantil...).
Pero hai unha diferenza entre a xente que intenta ser o máis honrada posible e o máis congruente posible, sobrevivindo no mundo capitalista no que nos tocou vivir, porque os parámetros e a educación que levamos é a que é, e non se pode fuxir de todo se queres permanecer na sociedade, e outra cousa é non querer ver nin saber nada.
Certo é que en moitos ámbitos un viviría máis feliz non sabendo nin vendo nada, dou fe, pero en moitos outros, a felicidade duns sería a perdición doutros.
Ante certos asuntos, non tomar conciencia non é perdoable.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...