Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

31.7.12

Sacar o mellor

Onte baixei botarlle un conto cunhas amigas. Sempre está ben esta terapia de quedar de cando en cando, aínda que nos dean as uvas sempre, falar da vida e de cousas variadas e volver para a casa coa mochila un pouco máis baleira.
Alén do que podes rir. Incluso nos momentos nos que tes menos gana de rir, secadra.
Recordo na morte de miña bisavoa cando eu era pequena a todos os meus tíos e aos seus primos na eira da casa mortos de risa organizando unha cea. A mente humana é imprevisible.
Outras veces podes ben coa gana de rir.
Pero a vida hai que ila collendo como vén, non hai outra.
Total, que acabamos falando dos fillos, das parellas, dos amigos que van quedando e dos que imos deixando un pouco polo camiño. Das eleccións vitais que vas tomando, do que che cambia a perspectiva cando a túa familia pasa a incluír novos membros, da responsabilidade económica, moral...
Do importante que é rodearte só de quen saca o mellor de ti, e non o peor.
E da sorte que temos de posuír iso.
Teño un veciño divorciado que está feito un dandy playboy. E cada fin de semana ten unha nova fichaxe habitando a súa casa. Contra o mércores xa só escoito berros, discusións e rollos acalorados.
Hai xente á que lle vai ese rollo paixonal que sempre o pon a cen.
Ou hai xente que non consegue saír dese círculo.
A vida son dous días.
Dous.
Así que a min que se me deixen de hostias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...