Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

7.7.12

Unha de monxes


Latricar unha miga é unha cousa ben boa se do que se latrica se aprende algo. Eu cada día abráiome máis con algunha xente. Pero en fin, vai a vella morrendo e vai aprendendo.
Así que despois do latricar de hoxe veume á cabeza unha historia que me contaron hai tempo, non me acorda exactamente, pero era algo semellante ao que vou anotar. Así que hoxe só me resta botar man da memoria e do que tirei desta historia, que hai veces que hai que deixalo correr.
Dous monxes budistas volvían dun mercado a moita distancia do seu mosteiro e ían percorrendo un monte. Cando chegaron ao río que había que atravesar había alí unha moza que tamén tiña que cruzar, pero como non sabía nadar non se daba atrevido. Os monxes tiñan prohibido manter contacto de ningún tipo coas mulleres, así que de entrada non lle prestaron atención, pero ela pediulles por favor que a axudasen a cruzar, porque tiña que chegar a outra aldea con urxencia e xa non podía estar agardando que pasase alguén máis. Así que o moxe máis vello cargouna nos ombreiros e pasou o río con ela. Ao pasala, cada un seguiu o seu camiño e o outro monxe empezou a recriminarlle ao máis vello que tivese desobedecido o que tiñan prohibido. En chegando á porta do mosteiro díxolle que ía dar conta do sucedido ao seu superior, porque o contacto cos mulleres estaba expresamente prohibido e non podía pasalo por alto. O monxe máis vello díxolle: eu carguei coa muller só durante o tempo que me levou atravesar o río, pero ti vas cargando con ela desde o momento en que a atopamos.
Pois iso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...