Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

29.9.12

Mándame unha tarxeta!

Sempre me gustaba recibilas. E recibín moitas, que aínda conservo. A maioría, das humildes excursións ou dos campamentos dos compañeiros: A Toxa, Burela, Santiago, A Coruña, Lugo... escritas con caligrafía perfecta e cos renglóns dereitiños.
Conservo a pequeniña caixa dos tesouros con cartas importantes, tarxetas, pequenos obxectos que foron significativos.
Dáme certa mágoa pensar que ese costume se esgote polas novas tecnoloxías.
Un pequeno veciño que temos, que só lles leva 2 anos ás nenas regaloulles os "cacharriños da súa infancia", e sen nada a cambio. Vou inaugurar a caixiña dos seus tesouros cunhas peciñas desa caixa con forma de cafeteira.
Como é a vida que un obxecto insignificante pode recordarche tantas cousas que tiñas aparcadas.
As cousas do corazón son máis difíciles de escudriñar aínda ca as da razón.
Por iso non serve aplicarlles lóxica, mellor.
E así penso que moitas causas non se xestionan coa razón, senón que van máis alá e é algo sentimental. Por iso o meu respecto para todos os cataláns e todas as catalás. Porque sei que en moitos casos móveos non o estigma de son máis ou mellor, como nos venden, senón a paixón de son diferente e quero convivir como tal.
Con respecto a outros temas máis persoais, só penso que para empatizar con certas cousas, antes tiveches que telas pasado, porque do contrario é moi difícil.
Alguén dicía que non sabes a que sabe o pan do demo ata que cho dan a probar, e ao final é certo.
Oxalá houbese máis valor para traducir en palabras o que se agocha no corazón. E oxalá houbese máis razóns para asumir que os argumentos, neste caso, só serven para continuar adiante, pero non para curar.
Ao final vai a vida pasando e de cando en cando sorpréndeste dicindo: oxalá que...
E así vai andando o tempo. Se tiveres vagar, mándame unha tarxeta, gardareina na caixiña dos tesouros, a carón dese anaco de papel enroscado que di: quen aos dezaoito non se deixa levar pola paixón e aos 30 non se goberna pola razón, é que perdeu a vida, e que só eu sei o que significa.

26.9.12

Cargar



v.t. 1. Pór [unha carga] sobre un vehículo, un animal ou unha persoa.
Carga os camións ben, PePe, que estes son moi perigosos e van armados. Levan as mans.

2. Pórlle a carga a [un medio de transporte].
Poñede ben de pelotas de goma na parte de atrás, gas lacrimóxeno e algunha metralleta para porseacaso. Levemos tamén os cans, que total, xa que lles lavamos a cabeza para que non sexan o mellor amigo do manifestante, hai que amortizalos.

3. Pór en [un recipiente, receptáculo, aparello, instrumento] aquilo para o que está destinado ou a carga.
Cargade os cintos coas mocas, as pistolas, as esposas e todo canto cumpra. Imos en misión de parar o atentado contra a democracia máis duro desde os tempos dos tempos.

4. Facer que [alguén] soporte algo que supón un peso, responsabilidade ou obrigación. Carguémoslles as culpas nas contas dos contribuíntes de a pé o desfasamento. Subamos impostos, recortemos servizos, liquidemos pequenas empresas, mingüemos dereitos. O burro de carga unha vez que leva un fardo, leva un cento!

5. Dar ou tomar algo en abundancia.
Carguémonos de paciencia e aguante, porque os argumentos e a racionalidade parece que de nada serven.

6. Facer que [unha infusión, disolución etc.] sexa moi concentrada.
Paco, cárgame o café, que hoxe teño triplo emprego. A ver se aínda me podo deitar...

7. Facer que [o ambiente, a atmosfera] teña menos osíxeno.
Que cargante me resulta este ambiente cargado. A ver se alguén abre unha fiestra. Aínda que sexa a machetazos.

8. Anotar [un gasto] na conta de alguén.
Que ben, cargáronme as facturas da luz, do gas, da auga, da hipoteca... e isto non deixa de medrar!

9. Informática. Introducir [datos, programas] na memoria dun ordenador.
Vou cargar unhas fotos de gatos e outras das hostias que repartiron onte.


Vese que a policía non le os dicionarios. Se non, cargar para eles tería outro sentido que non ten nada que ver co que está pasando. Nada se di de cargar de hostias o persoal.
E co que se gastou na carga construíase un colexio.
E cargando, cargando, vanse afastando do que en teoría é seu irmán e non o seu inimigo.
E cárganse as tintas defendendo a soberanía do congreso (¿?)
Aínda teño medo de que se saque a guillotina e o garrote vil do rocho. Xa que empezamos coa perpetua, podemos seguir cargando de inhumanidade a lexislación, total, todo é comer e cargar...
E así hoxe cárgome en todos eles e dáme vergoña allea ver o que vexo.

25.9.12

Mutatis mutandi



Desde que se anunciaran as eleccións o meu activismo multiplicouse por mil.
E o malo que teñen as redes sociais é que podes estar ollo no prato e ollo no gato.
Unha faena para xente coma min.
Que se mete ata onde non a chaman.
Eu xa non sei cantas veces suicidei un perfil, abrín unha conta e pecheina. Bah, coma case con todo. Que empezo con moita gana e moito entusiasmo e a medida que vas vendo tamén vai a cousa decaendo.
Non así o blog. Supoño que para min escribir é coma para moita outra xente, unha terapia máis.
En canto ao resto fago moitos propósitos de emenda:
Non abrilo ata que non queira botar un ollo en concreto.
Non adherirme aos grupos nos que sei que vai haber polémicas que non conducen a ningures un día si e outro tamén.
Se me adhiro, non meterme en todos os saraos.
O enfangue básico, vaia.
Pero ao final pódeme o corpo.
E tamén está o de mesturar demasiadas cousas que ás veces xa che fan perder un pouco o norte.
Non podes amar a alguén que pon unha foto tenra de animal, neno ou amor e ao momento odialo porque di que a memoria histórica é unha perrencha duns cantos fracasados vitais.
Tampouco se leva ben descubrir que a vida nada que ver ten coa arañeira. En realidade.
Ao final a xente que quero, que me quere, pola que me preocupo e que se preocupa por min e polas miñas pequenas apenas coincide coa que intercambio impresións doutros temas. Esa xente aparéceme ata pola porta se é que non damos sinais de vida. Está garantida.
E dicíanme que todo está no equilibrio. Na medida.
A xustificación que mantiña para continuar mantendo aberto un perfil era por uns cantos amigos aos que nos facilita a comunicación. Por achegar o que está lonxe. Polos chats de risa con miñas irmás. Pola cámara web que se converte nos ollos da xente que non pode ver as nenas medrar cos seus propios...
Pero como o do equilibrio ao final dáseme coma o cu, o único que acabo conseguindo é deixarme levar pola voráxine.
E por riba parecer que vivo nun permanente estado de cabreo. Cando nada máis lonxe.
Que me indigne este mundo de merda, que me indigna, non significa que non me faga rir ata un peido dun can.
Moitas veces a retranca tamén se confunde con outra cousa.
E non é que me pasara nada en particular. É que tratei de facer propósito de emenda e de aquí ás eleccións non meterme en máis enfangues. Pero ao final xa debo estar ata na lista negra dos antidisturbios. Eu creo que se algún día me piden o carné na rúa non sei se me aplicarían o habeas corpus nin aínda que levara os churumbeis colgados.
Por iso creo que mellor que deixalo en standby é suicidalo directamente. Non me vou poñer con iso de capar aquí e alá, que é moita maquinación para unha cabeza dispersa coma a miña, non me vai. E tampouco é cuestión diso, porque en realidade o que me sobra xa o quito de diante sen necesidade de tecnoloxía ningunha. Para iso sempre tiven unha habelencia innata, creo que é algo xenético, polo que me din.
O caso é que co tempo de que vou dispoñer xa teño pensado uns traballos manuais que rite ti das horas que gasto no Art Attack.
O dito. Moitas cousas botareinas de menos, sobre todo os amigos lonxanos que me regalan de cando en cando unha fotiño súa ou unha vivencia que me alegra o día, as artisteces dos amigos e amigas artistas que nos regalan a vista a todos, as historias e as fotos dos pequenos e pequenas de todos os amigos que por circunstancias da vida non coinciden en tempo ou en lugar connosco e algunha cousiña máis.
En contrapartida aforrarei en facer que non vexo o que non quero ver, ou ler o que non me gusta ler, estar tan informada de todo sobradamente que me reborda a información e obrigar e obrigarme a ter que quedar en persoa máis a miúdo.
E máis nada.
Isto si que seguirá por aquí dando traca.
Un non pode nin debe cortar con todo.
Disque é malo para a saúde (mental) polo menos.

20.9.12

Revulsivos

Estes días no parque a xente comenta o que subiu o comedor escolar no concello. Un 60% máis ou menos. É moito. Falábase cunha especie de resignación e indignación. Pero asumíase.
Porque por fortuna todos os alí presentes precisábano para poder darlles cobertura aos seus pequenos mentres traballan. Aínda non foron tocados polo desemprego.
E por respecto aos que xa non mandan os fillos ao comedor porque non o precisan, nin poden permitilo, ninguén dicía unha palabra máis alta ca a outra.
Ese é o clima.
Esta mañá baixo tomar o café e ler a prensa e a portada do folletín, que era o único que había libre, resalta o ás na manga para o sector naval, un contrato de 30 meses con Pemex e o crecemento de Inditex, que din que a pesar de externalizar practicamente todo, aínda é o pan na mesa dunha chea de galegos aos que nos debería inchar o papo pola soa razón de sermos punteiros na moda aquí te pillo, aquí te mato.
O de Pemex non fai falta descubrir a pólvora para saber que vén pechar o círculo da cesión de terreo no porto exterior da Coruña, a saber se non gratis e a carón da refinería de toda a vida, porque a ver se non en hispanoamérica non hai estaleiros abondo para asumir esa carga de traballo coma quen colle tres leitugas na horta... A foto de portada xa non é que sexa demagóxica, é vomitiva, directamente.
O segundo non deixa de ser máis propaganda. A min que me perdoe o señor Amancio, pero para min un rico que acumula non me merece admiración ningunha. Alén de saber case sen trabucarme que a prosperidade de que goza non é limpa, nin sostible, nin solidaria, nin ecolóxica... Amancio, se foras o meu colega diríache que me alegro por ti, pero que trigo limpo non es. Por non dicir máis.
E saio do bar coa sensación de que o que eu sei e o que leo xa non só é o día e a noite, ou a auga e o aceite, é que é comer merda ou botarlle unha ración de polbo. Nada que ver.
Subo, miro o correo, leo uns cantos xornais dixitais, perdo o tempo como fago sempre que teño algo que facer e non me dou posto e topo unha carta dun xornalista de Público dirixíndoa a un deputado.
Isto xa se achega máis ao pan de cada día.
Nela explica como é a súa vida, a súa familia. O irmán sen futuro a pesar da formación. O pai despedido tras unha vida de traballo. A lei de dependencia pasando deles. A sanidade complicándolles a existencia. E os aforros atrapados nas preferentes.
E entrementres ter que ler como se rescata os verdugos dándolles máis diñeiro e máis poder, como medra Amancio vendendo trapos e como lle comemos un cacho á terra a cambio de calarlles a boca aos do naval durante 30 meses, ata que amaine o chaparrón e as eleccións foran pasadas e xa estean no recordo da xente, que estará máis preocupada por sobrevivir ca por cuestións ideolóxicas.
Despois de ler esta carta éntranme as ganas de chorar.
O outro día vin fotografías dos anciáns que van buscar comida aos comedores sociais e ás beneficencias. Se meus avós non estivesen xa mortos quizais poderían acabar sendo un deles. Unha vida traballada e despois nada.
Nada.
Arrepía.
E a xente que ten traballo fala con respecto sobre a suba dos comedores e da vida en xeral. Porque uns bancos máis alá están uns nenos que van ao roupeiro municipal e viven case da caridade. E antes víanse de lonxe. Pero agora son os teus veciños, ata que teñan que volver á casa dalgún familiar.
E con todo din que hai que ser positivos. E diste que a pasta ten que estar nalgures. E que todo pode dar un xiro, aínda que faga falta tocar fondo primeiro para impulsarse.
E entrementres vas vendo a xeración dos teus pais queimarse por todo o que está pasando. No fondo a ti quédache vida para loitar. Pero eles xa a tiñan loitada. Ou iso pensaron...
Eu só confío en que o rescate non acabe coma en Grecia. Onde dá máis dor a xente cos ollos anegados en bágoas ca as pelotas da policía espetándose nos corpos da xente nova.

18.9.12

Non oír, non ver, non dicir...

Internet éche a repanocha, para algunhas cousas.
Onte estaba cabreada porque pedín unha información a unha empresa e ademais de responder unha morea de días despois permítense o luxo de darme exactamente a mesma información que xa tiñan na páxina, só que nun corta e pega, e poñerse á miña disposición para o que desexe. Eu hai cousas que non as entendo, coma o de facer o teu traballo xa non mal, senón nin intentalo.
A cuestión foi que hoxe decidimos investigar pola nosa conta e en 20 minutos tiñamos non só o que buscabamos, senón tamén toda a información técnica, fotografías e ata un nome de persoa e un número de contacto... bufffffff!!! impresionante, e desacougante tamén.
Así fixen o mesmo coas listas. Pescudando un pouco quen é quen de cada unha. Xa que aínda que non hai listas abertas, polo menos que boa parte da lista te convenza un pouco.
Ben feito porque vese que quero exercer a cativa participación que me deixan na vida pública con seriedade e responsabilidade.
Mal feito porque a panda de mafiosos que nos queren gobernar case me quita o sono.
A culpa foi miña, por comezar co que máis clama ao ceo, un exbanqueiro que é sobradamente coñecido, pero do que descoñecía que, por exemplo, ten na rede de casas rurais a súa casa (rehabilitada e posta a andar con diñeiro público) pero en realidade non funciona como tal e é a súa casiña no terruño para respirar aire puro e pasear pola galería coma un señor do seu pazo (porque poñer señor da súa casa sería moi pouco poñer). A el acompáñano unha serie de expulsados e digo ben, expulsados, dos partidos de dereitas, que xa manda moito carallo, porque se ve que o interese é puramente persoal.
Dicía o outro día un señor, en Salvados, que aspira a concelleiro dun cantón en Suíza que alí a política non é unha profesión, que só se exerce por vocación e que en realidade non chegan nin a 100 as persoas que poden vivir unicamente de dedicar as súas horas ao "ben común". Pero en fin, Suíza neste caso é sitio distinto.
Aquí tampouco se pode dicir que sexa unha profesión, porque se supón que calquera profesión, aínda que sexa a de cantante, se exerce como algo útil para a sociedade, así sexa recrear a vista ou os oídos. Neste caso, a profesión convértese na maioría dos casos nun lucro persoal e familiar. Diría Anguita que xa nin o pobo confía nos políticos e que nin os políticos confían no pobo. Algo triste e que se os gregos visen en que derivou a súa democracia cagaríanse pola pata abaixo, non só observando a cutre dialéctica, senón tamén vendo que xa non merece nin o nome que leva.
O seguinte que me deu por buscar foi un señor que xirou de repente un moito á esquerda, aínda que se argumente que foi por respecto á familia, chéirame algo ao chamusco. Eu tamén lle teño respecto ao meu pai pero aínda con todo, se eu o vexo branco e el me di que é negro, falámolo e vemos o que pasa. Non hai necesidade de que lle diga que si amén a todo. Ou se non comezamos a cuestionar se esa marabillosa relación pai-fillo non era unha relación destas castradoras e que só se liberou en canto enterrou o seu pai... Quero dicir, que postos a dar argumentos que non convencen a ninguén, aquí pode argumentar todo fillo de veciño, ¿non?
Deste dinse moitas cousas, pero sobre todo fálase das súas empresas do sector da construción, da inestimable rede que continuou tecendo cos das dereitas, cos das esquerdas e cos do centro. Todos paraporsiacaso. Dinse outras cousas máis persoais que mira, eu xa non me vou meter, porque cada un leva a vida que leva e como di o outro, en todas as partes hai cans descalzos. Só digo que tampouco me dá o perfil de político honrado que mire polo ben común.
E algún máis busquei por aí, aínda que atopas tanta broza que xa tampouco sabes moi ben por onde atallar, sobre todo cando é xente á que non lle coñeces moi ben a traxectoria.
O caso é que polo si ou polo non a min isto dáme que vai ser máis complicado ca pouco. Se fora como explicaba o señor aspirante en Suíza, ti tes as fotos e o currículo de todos, os que che gusten márcalos, os que non, ríscalos e xa está. As listas son unha orientación para saber cal é a ideoloxía ou as bases sobre as que se asenta cada un, pero dentro delas hai xente que che gustaría que te representase e outra que non. Porque xa se sabe como vai isto de facer as listas, que non acaba sendo máis que outro exemplo máis do pan de cada día en todos os saraos. Con máis seriedade algúns e con máis descaro outros.
Vese que estou desencantada, ¿non si?
O que prometese listas abertas en canto chegase ao poder para min xa subía un punto. Digo un punto, non un voto (que a ver se o vai prometer o señor exbanqueiro e teño que cagarme na nai do can).

14.9.12

S. C.

Cando entrei en 2º de BUP, alá polo ano 94, entrou un profesor pola porta, mirounos, mirou o encerado, mirounos de novo e escribiu na marxe dereita arriba de todo as siglas S.C.
Preguntounos se sabiamos o que nos quería dicir.
Ninguén falou.
Sentido Común. É o único que espero inculcarvos, ou polo menos a idea de que vaiades traballando no tema. Sentido común.
Foi a única materia que suspendín na miña vida, en realidade só unha parte e puiden recuperala niso que chamaban daquelas a "suficiencia".
O do sentido común tardoume anos en chegar, pero acordareime sempre dese día.
De feito useino tamén eu anos despois nun grupo e unha noite saíndo atopámonos e comenteillo. El estaba de baixa por enfermidade nesa época e emocionouse moito cando llo dixen. Alén de que xa chegaramos ao punto da exaltación da amizade na conversa (e tamén conta).
O caso é que esa lección que debería ser universal parece que non se aplica en realidade.
E non me quero meter a polemizar sobre a cuestión do terrorismo, pero a lei digo eu que será para todo o mundo igual, ou polo menos a constitución no seu preámbulo (ou declaración de intencións) e en todo o seu articulado así o prevé, e como digo eu que é a norma normarum pois algo debe mandar.
Hoxe contáronme unhas cousas que me deron dor de barriga e o único que saco en limpo diso é que me vai mellorando o estrinximento, pero vaime sacando a gana de participar en nada. Cada día penso máis na fortuna dos exiliados que non teñen que estar aguantando como lle refregan doses de gilipollez extrema polo fociño.
Cada día odio máis as poses, os posados roubados e os roubos pousados de toda a clase política.
Cada día odio máis profundamente as cortinas de fume que nos estenden sobre todos os aspectos e o oportunismo máis descarado.
Cada día revólveme máis as tripas escoitar discursos, declaracións e opinións que sei, sen temor a equivocarme, que son falsas, erróneas, manipuladas, terxiversadas, falacias ou como queira que se guste en denominar.
Non podo con todos estes progres que agora son máis papistas ca o papa polas redes sociais, polas declaracións dos xornais, polo twitter e que despois montan nos seus bmw coas súas proles e redes caciquís máis cheos ca un pote de verzas. Porque do dito ao feito, hai un treito e nese treito aínda cabe unha mariscada, un viño do bo e unha conversa sobre y papá en la regata.
Dáme vergoña allea case todo o que acontece socialmente ao meu redor.

E mentres imos facendo un oquiño no novo parque, que ao final acaba xente con xente e acabamos sendo todos de cabeza máis ou menos polo estilo. Porque son moitas horas as que hai que botarlle, case coma un emprego a media xornada.
E as pequenas atrás dos grandes, coas súas bicis, os seus cascos postos e querendo xogar con eles ao fútbol. Esta semana parece que lles pasou media vida máis por riba. Tan grandes...

E eu fodida porque ninguén as vai poder preparar para o mundo que lles imos deixar en herdanza... queda tanto que facer. Eu no fondo aínda agardo por unha revolución, e se para iso hai que tocar fondo, pois que sexa canto antes.

12.9.12

The Newsroom

Desde que vexo esta serie os americanos (dos EUA, quero dicir) cáenme un pouco mellor. Sempre tiven uns poucos prexuízos cara a eles e o seu capitalismo expansionista fabricador de abominacións que non me vou poñer a referir porque son moitas e moi variadas.
Pero esta serie estame deixando ver un aspecto do seu sistema de goberno que non coñecía. Ben certo é que é ficción, que non se dá nin de lonxe na realidade cotiá americana, que os personaxes son demasiado, demasiado... pero está lograda. Engancha. E non podo facer spoiler, aínda que ben me gustaría.
Só podo dicir que os diálogos son intelixentes, a situación rápida e coñecida, supoñen que o espectador pode completar o que falta co seu acervo e ainda que ten toques que eu suprimiría directamente, en xeral estimula bastante. Eu xa liquidei a primeira temporada e só podo dicir que a idea que expoñen no último episodio xa me gustaría vela polas eleccións, xa non digo máis, galegas.
E mentres ando vendo que é o que me parece isto da Syriza galega, o que fan uns e mais os outros, a hipocrisia que rodea aos de sempre, o cinismo, a prevaricación, as falacias... todo iso que enreda o espectador, ese bosque que non deixa ver as árbores e esas árbores que non deixan ver o bosque, en definitiva, ese pano que lle van botando por riba a todo mentres che apuntan cun esprai de pementa que te cega momentaneamente e onde había merda, só podes ver un raso.
De entrada todos son máis galegos ca o galego, fáltalles mudarse para os castros para demostrar a pura cepa que os avala, ninguén asume ningún tipo de responsabilidade polo xa feito e que non funcionou e todos colgan galóns polo feito que triunfou. Aquí hai menos sentido común ca nunha reunión de pitas cegas.
Quédame por ver a integridade, a intelixencia, o saber facer, a honradez, a facilidade de palabra, o compromiso cos principios, a vocación de liderado e de goberno. Quédame por ler un currículo que digas ti que non ten volta.
Como falamos moitas veces, é o de sempre, o que ten a cabeza sabe que estará atado de pés e mans e non quere verse aí. A ignorancia, que é moi ousada, é a que domina o mundo.
E polo medio o resto.

11.9.12

O que son as cousas

Un día o meu veciño díxolle á muller que saía por tabaco, colleu a chaqueta, deixouna alí cos fillos e non soubo máis del. Cando subiu botar a roupa para secar no faiado atopouno colgado.
E desde esa tiñámoslle medo no barrio. Á muller. Porque pensabamos que o levara no balde da roupa para estendelo ela mesma.
Un tempo despois foi vivir ao edificio unha nai e un fillo. Ela meiga de profesión e el un tolo de laboratorio, unha cobaia da nai. Isto visto desde ollos de nena.
Hoxe xa non podería xurar se era meiga ou só unha señora excéntrica e se el estaba tolo ou era alguén con algún tipo de discapacidade psíquica.
O caso é que nos daban medo. E poñían candeas para que as vísemos e facíannos sinais.
E nós participabamos emocionadísimos a esa solta de rosarios, de estampas riscadas con boli e dos males de ollo que nos botaba.
Pouco despois o rapaz que vivía ao lado tirouse pola fiestra para o patio da súa casa. E os que estabamos por alí vímolo estamparse contra o chan. Unha imaxe das que se che gravan na retina.
E súa irmá correndo descalza pola rúa chorando porque lle tocaba a ela vixialo e non fora quen.
Din que os aires lurpios lle afectan á xente.
Eu creo que é outra cousa.
Polo si ou polo non, a xente é rara.
Ultimamente penso moitas veces que oxalá todo o mundo tivese ben cousas que facer, así gastaba menos enerxías en elucubrar o que non vén a conto e xestionaba de maneira menos eficaz as emocións negativas.
Parece que hai un certo gusto ultimamente á ruindade.
Será cousa de que non están os tempos para moitas alegrías. Será...

7.9.12

Todo é mentira

E partindo disto a verdade é que o panorama non é moi alentador.
Pasan cousas no mundo que a min déixanme máis tesa ca unha xarda.
Eu non sei se alguén viu o "desaloxo" da Illa de Terra (que nin sabía que existía), con matanza incluída. É que ninguén vai responder por iso? De verdade se perdeu a humanidade ata tal punto? Moitas veces dáme vergoña ser do suposto primeiro mundo. Seremos os primeiros en malgastar, abusar, mentir e moitas outras cousas, pero pouco máis.
E entrementres vén Merkel dicir que por aí si, ai, si si, ai, si si... pero dámoslle poucos minutos porque hai unha concelleira dunha localidade por aí que anda masturbándose e gravándoo co móbil. Que mira, cada un ten as súas afeccións, pero o bluethooth é o que ten, que todo o teu tamén é do mundo. Cousas que pasan. Por min coma se fai dela un pandeiro, non hai dereito a que a humillen, nin por iso nin por nada, pero mira chica, se es un cargo público e co que se estila isto de "y tú más", pois estaba claro que che ían caer. Non vou dicir que estea ben. Só digo que é o que hai. Por desgraza. De aí que leve máis minutos e máis tinta ca os desgrazados que levaron do seu na Illa de Terra.
Porque a este mundo interésalle máis se unha concelleira de dobre moral (unha pública e outra portas dentro, coma case todos os que nos gobernan) é multiorgásmica ca se os veciños do lado morren desnutridos no medio da desesperación máis absoluta.
Creo que algunha vez xa vos falei de Tremé, unha serie ambientada en Nova Orleans tras o desastre do Katrina. Hai momentos en que penso que somos algo semellante. Unha poboación no medio dunha voráxine que a vai depauperando e quitándolle autoestima de maneira vil. Agardo que neste caso o pequeno orgullo sobreviva con maior éxito ca na serie.
Ultimamente comezamos con The Newsroom, e dáme pena non poder facer spoiler ningún, pero en fin, só me veu confirmar o que xa sabía. Que todo é mentira. Que os medios só son unha arma máis para perpetuar a estupidez humana e que, na maioría dos casos, a masa móvese desinformada e cometendo os erros máis graves para si mesma.
A democracia esta dáme a risa. Un día explico o que opino dela, porque é longo.
Entre tanto, como vin por aí nalgunha pancarta: nunca subestimes un/unha imbécil, calquera día pode gobernarte.
Que a fin de semana nos depare moita reflexión e moita responsabilidade!

4.9.12

Indefensión



Supoño que é o sentimento máis xeneralizado nos últimos tempos entre a poboación. Indefensión porque a pesar de verte involucrado en procesos, recortes ou situacións inxustas na superficie e no fondo sabes que estás atado de pés e mans.
Antes confiaba en que as persoas podían modificar actitudes, cambiar hábitos, mover ánimos, impugnar inxustizas e desigualdades. Pero cada vez confío niso menos.
Foron moitos os momentos nos que me sentín indefensa, e non polo meu ánimo, senón porque vía que calquera acción que puidese emprender, folga de fame incluída, caería en saco roto.
Cando quedei embarazada unha compañeira díxome que o único consello que me podía dar era que cruzase os dedos para que saíse todo ben, porque o resto non estaba da miña man. E así foi. Probas a destempo. Outras non feitas. Prazos irreais. Vacacións do persoal. Cando todo rematou pensei que ese sería o meu consello para quen mo pedise: que teñas sorte e que todo saia ben, vai con calma, porque case nada está na túa man.
Parece algo doutro tempo, pero así é nos casos nos que o final te colle en pleno proceso de recortes, vacacións, etc.
A miña primeira indefensión máis indignante foi cando tras traballar todo un curso me dixeron que non me pagaban as vacacións porque acababa de coller a baixa (embarazo de risco). Protestei onde cumpría e recorrín aos sindicatos. A única solución que me daban era a do país de pandeireta. Vai onda o médico, que che quite a baixa, que poña que foi un erro, cobra as vacacións e despois volve que che dean a baixa.
Podedes imaxinar a miña estupefacción ante tamaña parrallada. Pedirlle a un médico que che deu a baixa xa como último recurso porque non a colliches antes para non deixar os exames sen facer baixo a túa conta e risco que rectifique!!!!!!!
Obviamente non o fixen e seguín enviando a documentación polas vías que eu pensaba que cumprían.
Nin sequera recibín nunca resposta. Non había nada que facer. Son ordes, acaboume dicindo un funcionario con cara de “si, seino, é unha putada coma unha catedral e atenta contra toda esa propaganda que precisamente a consellería do lado fai para a protección da maternidade, ademais de contra outras moitas cousas que non cómpre que eu che explique a ti”. E así foi.
A segunda vivina xusto despois cando recualificaron o meu edificio e me reclamaron diñeiro desde o rexistro da propiedade. Outra vaca no millo, pensei.
Desta vez tomeino máis a peito e recorrín directamente ao xulgado. Paguei o que me correspondía e con toda a documentación presentei unha demanda.
Gañei porque tiña a razón. Pero a resposta do rexistro foi que non había cartos para poder pagarme. E o que eu vos ingresei? Pois esfumouse. Loxicamente non o ían gardar no peto agardando por min. Eu si que estou obrigada a prever todos os saqueos que a administración ou quen queira que sexa me cargue na conta, pero eles non. E disto xa logo hai dous anos. Impresionante.
Despois diso viñeron unha longa serie de indefensións cativas e grandes, para todos os gustos.
Vexo os meus compañeiros docentes no inicio do curso agardando pola adxudicación de destinos e penso no sentimento de indefensión que sentes cando non podes controlar nin onde durmirás, que horario terás, cantos quilómetros lle terás que meter ao corpo, que materias terás que impartir que non controlas, cantas horas de estudo vas ter que facer por riba das que xa van co oficio... e todo cos teus dereitos cada día máis recortados, minados, escachizados, vapuleados, arrastrados polo chan...
Penso na indefensión que sente esa xente que amenceu lendo que a lei di que lle boten terra aos aforros das preferentes, que un banco nacionalizado non se fai cargo de tamaño calote, que o que ardeu, queimouse, mentres botan as contas do que se lle inxectou á banca privada para que siga mantendo o sistema inxusto e desigual e engordando o capitalismo máis atroz. Diñeiro que serviría para cancelar as hipotecas de todos os españois, atender todos os servizos sociais e aínda darse unha homenaxe brindando cun Madame Clicot, coma se fora o día da lotería de Nadal.
Pero quedaría feo que a repartición da riqueza se fixese de maneira equitativa e sen distinción de raza, sexo, idade, relixión... isto non é un comunismo ideal, por se alguén aínda non caera da burra.
E o que máis me espanta é que a xente aínda di que estes compañeiros teñen sorte de ter traballo e que xa bo é os que van trampeando. Non estamos falando de ninguén a quen lle caese nada do ceo, falamos de moitos anos de estudo, preparación e un amplo currículo de traballos precarios, mal pagados e case sempre ao abeiro das chamadas prácticas, bolsas, investigacións e un longo etcétera que fai que as grandes mentes non poidan alimentar os seus grandes corpos máis que a base de menú de facultade durante media vida.
Que inxusto me parece que vaia calando o discurso máis rancio de que a culpa de todo está en que todos mamamos do teto da prosperidade con moita ansia cando a realidade é que os tetos están na mesma muxidoira desde os tempos dos tempos e o leite que mama a maioría vén sendo máis ben o que cae ao caldeiro, cando non ao chan.
E falamos moitas veces que quizais, algún día, alguén que xa non teña máis nada que perder se plante nalgún sito e a base de escopetazos chame a atención de maneira radical. E así un tras outro. E a indignación que un sente lendo o xornal se materialice nun “ai si, espera que vas levar o que che corresponde”.
E por se alguén aínda non coñece A xustiza pola man, que o revise, para que vexa que quizais, o que está fóra da lei tampouco vén sendo ilegal, senón poesía, porque a legalidade xa logo, logo é máis espagueti western ca obra mestra.

2.9.12

Black Mirror

(e tranquilos, non vou facer iso de desvelar que ao final o neno estaba morto)
Algunhas veces intento ver as series que outra xente me recomenda, aínda que non me dá tempo a moito, pero agora que volvo ter unha rede decente, algo máis xa se pode buscar.
Black Mirror de calquera xeito xa circula por algunha canle da TDT das gratuítas.
Son tres capítulos independentes que xirar arredor do mesmo eixe, como enfrontarse a situacións máis ou menos extremas e como o ambiente e a presión mediática ou do que nos rodea inflúe nas decisións que se toman, nun mundo que realmente tampouco se afasta demasiado da realidade.
Encantoume especialmente o capítulo primeiro e o último, que me desacougou moitísimo. Sempre que vexo algún reality destes que duran unha chea de tempo e que levan á tele á túa familia, amigos, etc., penso que é unha crueldade illar a alguén que perde totalmente o control da súa vida no exterior. O de sacar os vellos trapos a airear xa me parece demasiado. Non é que isto teña que ver co capítulo, só digo que o exceso de imaxes, gravacións, etc. pode facer que un perda totalmente o control sobre a súa vida.
De pouco serve que te cebes con alguén e despois lle pidas perdón se todo o tempo están bombardeándote coas imaxes e coas palabras do agravio por todas as partes.
Hai que ter a cabeza moi firme sobre os ombreiros para non deixarte levar... ¿non?
Recomendo vela encarecidamente.
Eu despois de facelo abrín o facebook e deille a eliminar a todas as conversas. Que é unha desas merdas novas que che instalou o programa por defecto nesta actualización. Non por nada, pero o que se fala hoxe pode un cambiar de opinión mañá, non vén a nada telo almacenado. Así tampouco me serve para recordarme a diario que ás veces as intencións só quedan na caixa do correo, pero que non chegan a materializarse. Iso non é vida real, é outra cousa que aínda non sei se os sociólogos catalogaron como algo que teña que ver coa real life.
É máis bonito o mundo no que as cousas se materializan un día porque si, porque apetecía e gardalo na memoria, a curto prazo se foi un xesto cotián ou a longo prazo se por excepcional che chegou moi dentro.
A min ver hoxe os vídeos dos paus que lles deron aos das preferentes antes de chegar ao castelo para non sei se si ou se non, boicotear actos políticos a verdade é que me fai falla para recordar que hai que facer algo para cambiar este mundo. Pero ver paso por paso a recreación da matanza de Utoya pois...
É que abrir campaña nun castelo xa manda moito nabo.
E os pinchos que nolos tiren desde o foxo os simpapeis, se queren que os atendamos nas urxencias.
E de ponte colgante os currículos dos parados, que así xa lles conta como enviados a unha empresa de traballo temporal (privada, que os servizos públicos total son prescindibles e ineficaces).
Sempre pensei que o de vivir alleos á realidade só era cousa duns poucos elixidos.
Os sabios na torre de marfil, elucubrando sobre os misterios da humanidade.
Pero en realidade é de calquera cazurro cuns poucos contactos para incharse.
Onte aínda atopei por aí unha publicación na que o señor Zaplana dicía aquilo de: yo estoy en política para forrarme.
Que inda deu para chistes, cousa que graza non fai.
Pois iso. Nos castelos e os pobres a levar hostia limpa, para que saiban que o señor é o señor, e o vulgo, só é iso, masa común.