Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

4.9.12

Indefensión



Supoño que é o sentimento máis xeneralizado nos últimos tempos entre a poboación. Indefensión porque a pesar de verte involucrado en procesos, recortes ou situacións inxustas na superficie e no fondo sabes que estás atado de pés e mans.
Antes confiaba en que as persoas podían modificar actitudes, cambiar hábitos, mover ánimos, impugnar inxustizas e desigualdades. Pero cada vez confío niso menos.
Foron moitos os momentos nos que me sentín indefensa, e non polo meu ánimo, senón porque vía que calquera acción que puidese emprender, folga de fame incluída, caería en saco roto.
Cando quedei embarazada unha compañeira díxome que o único consello que me podía dar era que cruzase os dedos para que saíse todo ben, porque o resto non estaba da miña man. E así foi. Probas a destempo. Outras non feitas. Prazos irreais. Vacacións do persoal. Cando todo rematou pensei que ese sería o meu consello para quen mo pedise: que teñas sorte e que todo saia ben, vai con calma, porque case nada está na túa man.
Parece algo doutro tempo, pero así é nos casos nos que o final te colle en pleno proceso de recortes, vacacións, etc.
A miña primeira indefensión máis indignante foi cando tras traballar todo un curso me dixeron que non me pagaban as vacacións porque acababa de coller a baixa (embarazo de risco). Protestei onde cumpría e recorrín aos sindicatos. A única solución que me daban era a do país de pandeireta. Vai onda o médico, que che quite a baixa, que poña que foi un erro, cobra as vacacións e despois volve que che dean a baixa.
Podedes imaxinar a miña estupefacción ante tamaña parrallada. Pedirlle a un médico que che deu a baixa xa como último recurso porque non a colliches antes para non deixar os exames sen facer baixo a túa conta e risco que rectifique!!!!!!!
Obviamente non o fixen e seguín enviando a documentación polas vías que eu pensaba que cumprían.
Nin sequera recibín nunca resposta. Non había nada que facer. Son ordes, acaboume dicindo un funcionario con cara de “si, seino, é unha putada coma unha catedral e atenta contra toda esa propaganda que precisamente a consellería do lado fai para a protección da maternidade, ademais de contra outras moitas cousas que non cómpre que eu che explique a ti”. E así foi.
A segunda vivina xusto despois cando recualificaron o meu edificio e me reclamaron diñeiro desde o rexistro da propiedade. Outra vaca no millo, pensei.
Desta vez tomeino máis a peito e recorrín directamente ao xulgado. Paguei o que me correspondía e con toda a documentación presentei unha demanda.
Gañei porque tiña a razón. Pero a resposta do rexistro foi que non había cartos para poder pagarme. E o que eu vos ingresei? Pois esfumouse. Loxicamente non o ían gardar no peto agardando por min. Eu si que estou obrigada a prever todos os saqueos que a administración ou quen queira que sexa me cargue na conta, pero eles non. E disto xa logo hai dous anos. Impresionante.
Despois diso viñeron unha longa serie de indefensións cativas e grandes, para todos os gustos.
Vexo os meus compañeiros docentes no inicio do curso agardando pola adxudicación de destinos e penso no sentimento de indefensión que sentes cando non podes controlar nin onde durmirás, que horario terás, cantos quilómetros lle terás que meter ao corpo, que materias terás que impartir que non controlas, cantas horas de estudo vas ter que facer por riba das que xa van co oficio... e todo cos teus dereitos cada día máis recortados, minados, escachizados, vapuleados, arrastrados polo chan...
Penso na indefensión que sente esa xente que amenceu lendo que a lei di que lle boten terra aos aforros das preferentes, que un banco nacionalizado non se fai cargo de tamaño calote, que o que ardeu, queimouse, mentres botan as contas do que se lle inxectou á banca privada para que siga mantendo o sistema inxusto e desigual e engordando o capitalismo máis atroz. Diñeiro que serviría para cancelar as hipotecas de todos os españois, atender todos os servizos sociais e aínda darse unha homenaxe brindando cun Madame Clicot, coma se fora o día da lotería de Nadal.
Pero quedaría feo que a repartición da riqueza se fixese de maneira equitativa e sen distinción de raza, sexo, idade, relixión... isto non é un comunismo ideal, por se alguén aínda non caera da burra.
E o que máis me espanta é que a xente aínda di que estes compañeiros teñen sorte de ter traballo e que xa bo é os que van trampeando. Non estamos falando de ninguén a quen lle caese nada do ceo, falamos de moitos anos de estudo, preparación e un amplo currículo de traballos precarios, mal pagados e case sempre ao abeiro das chamadas prácticas, bolsas, investigacións e un longo etcétera que fai que as grandes mentes non poidan alimentar os seus grandes corpos máis que a base de menú de facultade durante media vida.
Que inxusto me parece que vaia calando o discurso máis rancio de que a culpa de todo está en que todos mamamos do teto da prosperidade con moita ansia cando a realidade é que os tetos están na mesma muxidoira desde os tempos dos tempos e o leite que mama a maioría vén sendo máis ben o que cae ao caldeiro, cando non ao chan.
E falamos moitas veces que quizais, algún día, alguén que xa non teña máis nada que perder se plante nalgún sito e a base de escopetazos chame a atención de maneira radical. E así un tras outro. E a indignación que un sente lendo o xornal se materialice nun “ai si, espera que vas levar o que che corresponde”.
E por se alguén aínda non coñece A xustiza pola man, que o revise, para que vexa que quizais, o que está fóra da lei tampouco vén sendo ilegal, senón poesía, porque a legalidade xa logo, logo é máis espagueti western ca obra mestra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...