Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

20.9.12

Revulsivos

Estes días no parque a xente comenta o que subiu o comedor escolar no concello. Un 60% máis ou menos. É moito. Falábase cunha especie de resignación e indignación. Pero asumíase.
Porque por fortuna todos os alí presentes precisábano para poder darlles cobertura aos seus pequenos mentres traballan. Aínda non foron tocados polo desemprego.
E por respecto aos que xa non mandan os fillos ao comedor porque non o precisan, nin poden permitilo, ninguén dicía unha palabra máis alta ca a outra.
Ese é o clima.
Esta mañá baixo tomar o café e ler a prensa e a portada do folletín, que era o único que había libre, resalta o ás na manga para o sector naval, un contrato de 30 meses con Pemex e o crecemento de Inditex, que din que a pesar de externalizar practicamente todo, aínda é o pan na mesa dunha chea de galegos aos que nos debería inchar o papo pola soa razón de sermos punteiros na moda aquí te pillo, aquí te mato.
O de Pemex non fai falta descubrir a pólvora para saber que vén pechar o círculo da cesión de terreo no porto exterior da Coruña, a saber se non gratis e a carón da refinería de toda a vida, porque a ver se non en hispanoamérica non hai estaleiros abondo para asumir esa carga de traballo coma quen colle tres leitugas na horta... A foto de portada xa non é que sexa demagóxica, é vomitiva, directamente.
O segundo non deixa de ser máis propaganda. A min que me perdoe o señor Amancio, pero para min un rico que acumula non me merece admiración ningunha. Alén de saber case sen trabucarme que a prosperidade de que goza non é limpa, nin sostible, nin solidaria, nin ecolóxica... Amancio, se foras o meu colega diríache que me alegro por ti, pero que trigo limpo non es. Por non dicir máis.
E saio do bar coa sensación de que o que eu sei e o que leo xa non só é o día e a noite, ou a auga e o aceite, é que é comer merda ou botarlle unha ración de polbo. Nada que ver.
Subo, miro o correo, leo uns cantos xornais dixitais, perdo o tempo como fago sempre que teño algo que facer e non me dou posto e topo unha carta dun xornalista de Público dirixíndoa a un deputado.
Isto xa se achega máis ao pan de cada día.
Nela explica como é a súa vida, a súa familia. O irmán sen futuro a pesar da formación. O pai despedido tras unha vida de traballo. A lei de dependencia pasando deles. A sanidade complicándolles a existencia. E os aforros atrapados nas preferentes.
E entrementres ter que ler como se rescata os verdugos dándolles máis diñeiro e máis poder, como medra Amancio vendendo trapos e como lle comemos un cacho á terra a cambio de calarlles a boca aos do naval durante 30 meses, ata que amaine o chaparrón e as eleccións foran pasadas e xa estean no recordo da xente, que estará máis preocupada por sobrevivir ca por cuestións ideolóxicas.
Despois de ler esta carta éntranme as ganas de chorar.
O outro día vin fotografías dos anciáns que van buscar comida aos comedores sociais e ás beneficencias. Se meus avós non estivesen xa mortos quizais poderían acabar sendo un deles. Unha vida traballada e despois nada.
Nada.
Arrepía.
E a xente que ten traballo fala con respecto sobre a suba dos comedores e da vida en xeral. Porque uns bancos máis alá están uns nenos que van ao roupeiro municipal e viven case da caridade. E antes víanse de lonxe. Pero agora son os teus veciños, ata que teñan que volver á casa dalgún familiar.
E con todo din que hai que ser positivos. E diste que a pasta ten que estar nalgures. E que todo pode dar un xiro, aínda que faga falta tocar fondo primeiro para impulsarse.
E entrementres vas vendo a xeración dos teus pais queimarse por todo o que está pasando. No fondo a ti quédache vida para loitar. Pero eles xa a tiñan loitada. Ou iso pensaron...
Eu só confío en que o rescate non acabe coma en Grecia. Onde dá máis dor a xente cos ollos anegados en bágoas ca as pelotas da policía espetándose nos corpos da xente nova.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...