Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

2.10.12

A pluralidade

O da pluralidade ou o da educación plural, ou diversidade, ou atención á diversidade é un puro papel mollado na maioría dos centros. Case sempre pasa pola vontade ou polos recursos humanos e materiais de que se poida dispoñer. E agora seica a vontade vai ser a repanocha. Agora o equipo directivo vai pasar a mans de libre designación.
O próximo partido que proteste pola politización do que estea no goberno dos currículos escolares e pola intromisión nas directrices educativas, ou beneficie a tal ou cal sector máis relixioso, máis privado, máis elitista ou máis a nai de todos os máis e despois faga o mesmo ou peor é para afogalos nun balde de auga.
Eu xa non sei se acabar de enfermar: a policía crecéndose en determinados temas e arreando hostias coma se estivésemos en plena era franquista; os políticos na súa nube de Songoku esperando a ver de onde peta o aire; os sectores sociais privatizándose e converténdose en produtos de luxo; e a educación adoecendo e, en moitos casos, agonizando, e aínda así, inténtase politizala ata o cerne máis duro. Coma se non tivera dabondo!!!!!!!!!!
Dáme aprensión pensar que isto non vaia ter amaño.
Volver aos tempos en que nalgúns centros se prohibia facer murais de Non á guerra ou de Nunca máis. Que iso era facer política... ai, señor, señor! Pero por riba agora as armas non serán cativos argumentos, senón avais gobernamentais.
E entrementres voume poñendo do fígado vendo os tertulianos que pasan polos debates televisivos.
A culpa é miña.
A pluralidade de opinións é un exercicio democrático e de aguante que debo traballar no meu día a día. Fíxeno en tempos nos que a mañá de estudo ou de traballo flutuaba entre os nervios que se me poñían de punta escoitando a Cope e a Losantos e o discurso da Ser, que me daba outro punto de vista. Unhas eleccións vascas e outras catalás recórdoas por esa tensión-distensión de músculo e cerebro.
E agora teño que transmitirlles aos meus rebentos que non todos pensamos igual, non todos actuamos igual, non todos vivimos igual, non todos... e que hai que respectalo e ser considerados, empatizar ata onde se poida... Aínda que iso implique que alguén se porte coma un tirano, coma un ditador, coma un abusón, coma un caprichoso, coma un... bufffffff!!!!!!!!!
Así que planeo o que me dá o corpo polos xornais fachorros, polas teletoritos e, que carallo, polos folletíns parroquiais en que se converteron os medios máis populares (por vendidos, quero dicir, aínda que tamén do outro, tamén, tamén...), e despois de quentarme intento afastarme, pensar friamente, avaliar o tema con calma, autoesixirme prudencia, pensar que ten que haber de todo no mundo, que teño que crer o meu propio discurso ou vou resultar un pouco fraude.
E de fraudes nesta vida estou xa máis chea ca pouco.
Así que convivamos na pluralidade. Aínda que pase por todo iso. Aínda que ás veces no canto de esgrimir argumentos che dea a tentación de esgrimir as técnicas que aprendiches noutros momentos da vida que xa van alá.
Pluralidade. De pensamento. Mentres poidamos e non sexa tamén ilegal...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...