Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

25.10.12

Apocalipse NON!

Estes días non se me dá moito por pensar no social, ando un pouco mirando para o meu embigo.
Ao meu arredor parece que se instaurou unha especie de apocalipse, na que a xente queda sen traballo e comeza o proceso que iso trae consigo: primeiro época de contención, de aforro, despois época de retorno á casa familiar, quitar de onde non hai para seguir mantendo casa e coche, un ir deixando todas as actividades de lado...
Ben, as miserias que xa todos van coñecendo, porque se non é un familiar é un amigo ou é unha reportaxe que le na prensa ou ve na tele.
Agora a pobreza é o almorzo de cada día.
As listas da miña especialidade están paradas. Non sei se é unha man negra. Que agora din que os profesores son coma os cesteiros, que o que fai un cesto fai un cento, e usan o mesmo recurso humano para explicar o medio, a lingua nai, a estranxeira e a cidadanía. Optimización din algúns. Probablemente os que non teñen os fillos vivindo esa optimización.
O caso é que esa vía está descartada.
A outra está escangallada.
Ata agora íase tirando, unha changa aquí e outra alá.
As empresas vascas e catalás coas que adoitaba traballar non me deron o pésame pero case.Encantados de haberte conocido, oiga, una chica muy seria y lo simpática que pareces y lo joven que eres.
O de guapa non porque sempre me pillan pola webcam con chicho-chándal ou bata de guatiné esfiañada, dependendo da hora.
Eu non nacín para ser unha directiva moderna, supertraballadora, superarreglada e supervivente.
Eu nacín para currita.
E nunca me deu medo botarlle a man a calquera cousa. Mira, se teño que ir esfolar coellos pois tamén vou, que alguén terá que facelo.
O caso é que este estado apocalíptico a min, persoalmente, quítame o sono.
Así que eu creo que ata que atope novas frontes cara as que mirar vou estar un pouco calada, non quero converter o asunto nun egoblog ata que estritamente sexa necesario.
Para iso teño o outro!!!! É que hai cousas que non poden cambiar, así veñan os xinetes da apocalipse anunciando que o galego volve ser unha materia, non unha lingua vehicular para máis nada e teña que pechar o chiringo e dedicarme a vender pipas de cabaza secas en bolsas de todo a euro e garrapiñadas de mandarina no parque.
Velaí unha afección para non ir perdendo o norte. Prometo non engadir trucos de limpeza, de hixiene persoal e de aforro de enerxía, eses resérvoos para queimar a familia.
http://reciclaxemaridaxe.blogspot.com.es/

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...