Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

2.10.12

Douche unha canción

Como gasto papeles recordándote
como me haces hablar en el silencio
como no te me quitas de las ganas
aunque nadie me ve nunca contigo
y como pasa el tiempo que de pronto son años
sin pasar tú por mi, detenida.

Os seguidores de Silvio contámonos a milleiros.
Recordo que me iniciou a miña grandísima compañeira Iria no instituto. Ela tocaba a guitarra e estudaba solfexo. Eu aínda comezaba a abandonar a música que herdaba de meu tío e dos seus colegas, que xiraba arredor sempre dos mesmos, algo que agradecín co tempo, non ser filla dos éxitos que o mercado cuerentaprincipales che metía na vea ata a saciedade. Así que andaba ás voltas con Kortatu, La polla récords, os Ramones, os Suaves, os Kinks, un pouco reggae do menos comercial, marxinalidades coma Manolo Kabezabolo e colegas do estilo. 
Aprendín a cantar antes El papa tiene guantes de lana y se masturba cuando le da la gana ca o Alabaré, alabaré do catecismo, iso que participaba no coro coma todo fillo de veciño.
O caso foi que Iria tocaba a guitarra e coñecía grandes cantautores, que me foi presentando. E aí namoreime de Silvio e das súas letras.
Andado o tempo ía camiñando polos corredores da residencia de estudantes na que vivía e escoitei a través dunha porta a Silvio de viva voz. Detrás da porta estaba o que hoxe é outro grande amigo, Carlos, que non se sorprendeu que me encantase Silvio.
Eu pensaba que era un deses cantautores que só coñecían os aprendices de músicos. Daquelas non había internet, nin a curiosidade que hai hoxe por mirarlle as tripas a todo.
E así souben que o meu amor non era exclusivo.
Que eramos moitos os que cantaruxabamos a Silvio e que unha lexión de xente no mundo se inspiraba nel e gozaba da súa habelencia.
Pasei unha gran temporada escoitándoo só de cando en cando, pero ultimamente volvo a el un día si e outro tamén.
Faime boa falla para sobrelevar o asunto.

Onte lin a noticia do ditame dun xulgado a favor dun demandante das preferentes. Un señor fontaneiro e a súa muller dependenta de comercio, que tiñan atrapados uns 300 000 euros. Alegreime moito de que a xustiza comece a dar mostras de sentido común nesta historia. A cousa foi que acabei de ler a noticia e deille a seguir os comentarios. 
A min isto do xornalismo participativo sen filtro ás veces divírteme moito e ás veces pásame coma cando descubrín o de Silvio, que vexo que entre o batallón tamén hai de todo, que non todo é xente de moral íntegra e comportamento sen tacha. Todos os comentarios xiraban arredor do estafadores que son os fontaneiros, o que cobran en negro, que ai carallo para os cartos do fontaneiro, que menudo paxaro debía ser o fontaneiro para ter 300 000 euros... Ai, para ir mexar e non botar gota!
Que saberá a xente desde que anos leva traballando esa parella para ter ese capital, se o herdaron, se lles tocou a lotaría, se é carto honrado ou carto negro...
O falar non ten cancelas, éche boa verdade. Con todo, a maioría das veces sigo dándolle ao depregable, aínda que cando o pecho penso que quero confiar que a xente alegre, positiva, con sentido común, etc. non é a que máis participa e entra ao trapo, senón a que ten máis mala hostia, a que ten máis tempo, a que vive máis encabronada... algo así coma eses silenciosos que non se manifestan e que segundo Rajoy é porque están de acordo coas súas políticas.
Agardo que alguén publique axiña un estudo sociolóxico dese tipo, para que se me quite a dúbida e a ansiedade e que me confirmen iso da esquerda reflexiva e castigadora cando ten que selo e a dereita guiadiña e fiel ata a morte.
Alguén se acorda de Os santos inocentes? Ben, os que se acorden xa non teño moito máis que dicir sobre o tema...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...