Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

9.10.12

Eu non vin o debate

Porque algo que é pactado non é un debate.
Para min un debate é un moderador que vai sacando temas e cedendo a palabra aos participantes, que argumentan a favor ou en contra, que rebaten os argumentos dos que non pensan coma eles de maneira razoada, crible, apoiada en feitos, en estatísticas...
Para algo lles aprendemos nas aulas aos rapaces e ás rapazas non só a metodoloxía, senón a ética que acompaña un debate, o construtivismo, a empatía, a lóxica, o sentido común...
Para min o outro é propaganda.
Un lóase a si mesmo e vólvese loar. Ofrece inconsistencias, vólvese loar, gábase outro pouco, descualifica por descualificar...
O outro y tú más.
Como odio o y tú más, é que me pon a bile a mil por hora.
Os debates que non son debates había que prohibilos, na cámara, nos medios e onde cumprise.
Eu o que quero ver é as verdades, e non que teña que andalas buscando coma se fose Sherlock Holmes procurando o asasino.
Para min hai cousas que non se sosteñen.
Non se pode permitir que alguén que prevarica, malversa, rouba ou defrauda a ollos vista poida acceder a cargo público ningún.
Isto é así.
O do señor Mario Conde é máis propio dunha novela de Valle Inclán ca dunha realidade.
O das adxudicacións a Eulen, os incumprimentos da lei electoral en plena campaña e outras miudeces (miudeces!!!) sangrantes tiñan que estar en primeira páxina e abrir as noticias todos os días.
E xa non vou seguir porque aquí hai para todos.
Onte cando lin que a maioría da poboación considera os políticos o principal problema de España caeume a alma aos pés. Pero en fin, por fin deixan de dicir que a gran preocupación era o tema do terrorismo (que me gustaría asexar a ver en que porcentaxe de casas falan de terrorismo nas sobremesas e en cambio en que porcentaxe falan da actuación política, sexa local, comarcal, nacional ou europea). A manipulación e o oportunismo no tema do terrorismo parece que vai tocando o seu fin, que sen falta non era.
Agora a ver se se dan por reprendidos os políticos... que non creo.
Á vista está.
Un borra o logo do partido dos carteis para parecer máis independente pero o único que consegue é dar máis pena ca gloria.
Tamén teño que dicir que pese ao que admiro a persoa e a personalidade do señor Beiras, ese cartel cheo de xente que parece que van sacar os paus de detrás da gabardina tampouco me entusiasma demasiado.
É o de sempre. Os que viramos máis á esquerda, á parte de sermos críticos con eses, tamén o somos con estes, con aqueles e cos de máis alá. E máis castigadores.
E no fondo para a lei electoral tan marabillosa que gastamos é unha pexa máis ca outra cousa.
O de intentar mover ao non voto válido, ao voto en branco ou á abstención paréceme unha estupidez. Nada se vai gañar dicindo que non nos gusta e que así non, porque a lei é como é, e os fieis xa se sabe tamén como son.
Ao cura pederasta deostarano na taberna, na praza da vila e nos foros, pero as beatas perdoarano, e seguirá saíndo baixo palio, e aínda haberá funcionistas que se maten por pagar a cera e os foguetes...
Que hai de todo no mundo, pero o dos fans incondicionais había que erradicalo.
Digo eu...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...