Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

31.10.12

Eurovegas, love cataluña, banco malo, malo, malo e chaparretas a Wert

Xa sei, ultimamente todo é un remexido de ideas e non o que adoitaba facer, de centrarme nun tema e comentar por riba (ou por baixo) o que penso del.
Pero agora tanto che frego un piso á maneira antiga, como paso unhas pezas a man, como pinto unhas pedras, coso unhas camisetas ou fago un flan de ovo.
Unha trapallada para ocupar o tempo. Así que a cabeza vai acorde co tema.
O de Eurovegas xa o comentei en varias ocasións. Paréceme de vergoña allea pelexar por establecer no territorio un ocio de puticlub, alcoholismo, ludopatía e mafias variadas.
Nin sequera que me digan que vai traer algún posto de traballo me convence.
A min o de pan para hoxe e fame para mañá non me gusta nada, nin me vexo de crupier en Eurovegas, nin llo desexo a ninguén.
Nun lugar no que se menospreza a formación académica, non se inviste en i+d+i e se cae unha e outra vez no mesmo erro de planificar a economía sustentándoa na masa e no ladrillo, non podía deixarse escapar o tanto de Eurovegas.
De verdade?
Pois si. E cada vez vas vendo como lle emendan a plana máis abertamente: incumprimos as leis de solo para ceder un sitio, a lei antitabaco para que se poida fumar, eximímolos de pagar impostos como IBI ou IAE, lavámoslles os cartos para que de negros pasen a brancos, negros e vermellos, en formas de fichas do Monopoly.
De verdade?
De verdade. De verdade da boa.
E despois de cabrearme co tema vexo o vídeo promocional do PP para a campaña en Cataluña, onde saen uns cantos (Cospedal, Rajoy, Pere...) dicindo que que bonita é Cataluña: sus gentes, sus paisajes, sus costumbres, su gastronomía... PÁRTOME MOITÍSIMO.
Quedei pensando no argumento este que se usaba tanto no inicio das campañas de normalización do galego: hai que quererlo porque es nuestro, es muy bonito, tiene mucha tradición, es muy melódico, tanto te vale para hablar del carro como de la vaca, y la de formas que tiene para llover, que eso en castellano no lo hay...
En fin. Para ir mexar e non botar gota.
Pregúntome se a algunha xente lle parece serio ou todos opinan coma min.
Para combater un argumentario, da índole que sexa, non me parece nin ético, nin responsable, nin intelixente, facer un vídeo dese calibre.
Pregúntome se non o farán á mantenta, sabendo que só o dirixen para o seu electorado, que o teñen asegurado, tanto fagan un vídeo de paisaxes coma de patronaxe con videotitoriais. Patético non, o seguinte.
E para rematala observo con estupor que Wert nin sequera se presenta á súa propia reprobación. As maiorías absolutas é o que teñen, que por unha banda ínchanlle os papos a quen as exercen e ínchanlles as pelotas ao resto da cidadanía.
Pregúntome en que punto ambas pelotas e papos rebentarán e se monte a de San Quintín. Confío en que pronto, mentres non me pille unha do revés e non poida saír nin á rúa.
E o banco malo sigue portándose mal, mal, mal.
E o que pasa é que ninguén lle vai ir dar unhas chaparretas ata que chamen a Súper Nanny dos bancos. Disque traballa nalgunha canle das que tamén están manipuladas.
Acabáramos.
Así non vai haber deus que poña orde neste estado de cousas.
E o peor parece que inda está por vir. Pois... ao final vou ter que opositar a crupier, porque o que é a profesora xa é un horizonte demasiado afastado...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...