Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

23.10.12

Inmatricular

E non me refiro a esa opción que sempre me rolda pola cabeza de non escolarizar as nenas ata que me leven presa...
Refírome a algo moito máis abraiante.
Ben, de todos é sabido a miña aversión a esa especie de homes e mulleres que non son homes nin mulleres ao uso e que aínda así saben e opinan máis de todo ca ninguén. Si, curas, monxas, monxes, freires, bispos, arcebispos... toda unha xerarquía para darlles de comer á parte.
Así que vai por diante que os prexuízos me acompañan case sempre en todo o que se refire a esta especie raruza anacrónica que xa non ten ningún sentido nos mundos en que estamos.
Con todo, sigo buscando, e o peor, atopando, datos e datos que me fan reafirmarme nas miñas ideas e apuntalar esa máxima de "con la iglesia hemos topado" cando algo non ten nin xeito nin traza.
As inmatriculacións. Fortísimo.
Inmatricular consiste en inscribir un inmoble ou un ben no rexistro da propiedade por primeira vez.
Todos aqueles que tedes algunha propiedade sabedes o longo do proceso, a esixencia de pasar por un notario e todas esas cousiñas que se supoñen que impiden que alguén se apodere de algo que non é lexitimamente seu.
Coma sempre, a igrexa desmárcase.
Eles mesmos poden dar fe administrativamente de que algo é seu só porque o digan eles.
En serio!!! Non só dan fe católica, tamén dan fe notarial en canto aos bens se refire. Para ir mexar e non botar gota.
Isto en que se traduce, en que calquera casa da xuventude, centro social, parroquia, casa do cura, igrexa, ermida, casa da escola, etc., etc., etc. pode ser rexistrada por eles e pasar a formar parte dos bens inmobles (numerosísimos) que posúe a igrexa como institución e que están exentos de pagar o IBI.
Toma moreno!!!!!!!!
E o mellor de todo, despois poden vendelo ata por medio dunha inmobiliaria ao mellor postor, como lles saia da gana e a canto estimen oportuno.
E o que me veña co labor social que fai a igrexa direille que coa pasta que reciben, cos privilexios que se lles dá e co longo etcétera xa fodería que por riba non fixesen pola sociedade nada de nada.
Para min ese labor social está claramente copado por eles porque llo permite o sistema, de non ser así, concorrerían coma calquera outra ONG á hora de pedir subvencións para desenvolver o seu traballo no ámbito que se determinase.
Son da firme opinión de que se non estivesen eles, estarían outros, e darían menos a brasa.
A ver a santo de que se continúan facendo algunhas cousas.
Que na transición se lles dese privilexios para pecharlles a boca e calmar ánimos case o entendo, que o PP llos ampliase case o entendo tamén (non esquezamos que son fieis votantes e polo tanto facilitadores de poder mentes lle vaia ben a vaíña), pero que o PSOE non fose quen de parar iso dáme un argumento máis para asegurarme de que a esquerda é crítica e castigadora.
Tócame a fibra bastante o asunto.
E das eleccións galegas xa falarei, porque agora mesmo estou demasiado cabreada cos titulares fachorros. Só un par de apuntamentos:
1. Se o señor feijoo se desvinculou das directrices do partido e non usou nin símbolos, nin siglas, nin se prestou a fotografías con pesos pesados para vender que el ía por libre, agora que non me veñan co rollo de que é unha ratificación de que por aquí si que imos ben. Iso chámase fraude, pero a iso xa estamos afeitos.
2. Ben por AGE (ague, non aje, como se repetiu ata o infinito), alegrarame escoitar de novo a voz do señor Beiras no parlamento e tamén me alegra a oportunidade de representación de esquerda unida. Un voto de confianza para todos eles, confío en que fagan unha oposición madura, combativa e con sentido común.
3. Galicia non é representativa do resto do territorio. Calquera con dous dedos de fronte pode facer unha cativa análise sociolóxica para ver que non temos moito que ver coa maioría do resto de comunidades. E se non preséntolle a miña familia, e a ver se se parecen en algo a unha de salamanca ou de cádiz, por poñer un exemplo. Así que extrapolar os resultados galegos ao resto é moito extrapolar de diola.
4. Case fai ben o señor Mas en deixarnos fóra desas autonomías históricas que van dar traca, porque aquí a máxima traca que se dá é coas bombas da festa o día do patrón. Aínda hai moita cultura de imos quedar con estes para non arriscarnos a poder ir a peor, e iso demóstrano os datos: as aldeas, as vilas aínda continúan na dinámica de carretar votos para a dereita (no meu colexio electoral debía haber polo menos 15 ou 20 interventores do PP para recibir a xente con palmas no ombreiro, chocar de mans, chiscadela de ollos, unha vergoña do peor), fronte aos poucos e xustos do resto de partidos, que estaban sentados tranquilamente anotando e supervisando... Desmárcanse as cidades, que me deixan a porta aberta a pensar que algo, algo, algo imos cambiando.
5. A longa noite de pedra comezara xa non timidamente, senón descaradamente agochando por detrás as contas da calculadora e vendendo as da vella, pero agora xa non haberá nin falta diso. Botémoslle peito ao asunto, porque vai para moito...
E mañá máis... que agora marcho que teño que marchar...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...