Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

17.10.12

Nunca máis

Non podo estarlle facendo o seguimento que me gustaría ao xuízo que por fin, dez anos despois, se está facendo do caso Prestige.
De todo isto só teño que dicir algunhas cousas:
1- Que isto se produza 10 anos despois xa di moito do que nos preocupa o mundo en que vivimos e o que imos deixar en herdanza.
2- Que comecen a desclasificar algunhas conversas e informacións nas que se fala con sorna e alegremente de a quen se fode ou se deixa de foder paseando no barco é de vergoña allea.
3- Que o banco dos acusados sexa un acusar a alguén porque alguén ten que ser acusado tamén deixa bastante que desexar.
4- Que as persoas que naquel momento eran as responsables políticas non só non teñan que depurar responsabilidades, testemuñar ou sentar no banco dos acusados, senón que aínda conten hoxe con máis cotas de poder das que daquelas xa tiñan (véxase o señor hilillos de plastilina, que hoxe é nada máis e nada menos que o presidente do goberno, ou o delegado de goberno daquel momento...), en fin, para ir mexar e non botar gota. Premiamos o de sempre, a ineficacia, a ineptitude... é así.
5- Que nos medios lle dediquen 1 minuto de tempo a unhas imaxes dun "resucitado ad hoc Nunca Máis" e 10 ou 15 a facer reportaxes do ben que nos veu o Prestige para as "humildes villas marineras" dáme gana de cantar aquela cantinela de Pinto de Herbón de "paviméntame Xosé Cuíña, paviméntame"..., que foi o que pasou, que parece que se aproveitou o galipote para xuntalo cunha pouca masa e facer beirarrúas, pasarelas e camiños para "percorrer a costa da morte a pé"¿?¿?¿?¿?

Xa case non sei se estou mellor sabendo ou non sabendo.
O do tema de Wert e os seus amigos xa non o vou tocar, porque xa alcanzou o calibre de chiste e eu teño unha retranca das dolorosas, non das de chiste, non sabería que dicir sen ferir sensibilidades.

1 comentario:

  1. Ay, como me gusta leerte!!

    Estoume poñendo un pouco o dia;)
    Beijinhos desde Bruselas
    Paula

    ResponderEliminar

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...