Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

26.10.12

O que vale unha vida humana...

Porque xa se desdebuxou que as persoas, independentemente da súa raza, sexo, relixión ou poder adquisitivos son persoas e non animais.
Onte unha patera á deriva levaba dentro 14 mortos, varios graves e xa contabilizaran 40 desaparecidos.
En total, 54 ou 55 vidas de persoas coa súa historia mortas.
A portada da Voz de hoxe era unha grandísima fotografía cun pé que daba entrada a unha noticia dun xogador da ACB. O da patera ía na marxe inferior esquerda só co título e unha entradiña.
A portada do País polo menos situábao na marxe superior esquerda e algo máis destacado. Pero a portada era Javier Marías.
Pregúntome onde o situarían se o que naufragase non fose unha patera senón un barco de recreo saído dalgún porto deportivo español.
Xa non digo se fose un cruceiro de pijos descocados celebrando a festa que sei eu, salvemos los perrillos sin pedigree...
Porque onte quedei parva vendo esa especie de mini-campamento de ricos patrocinado por LandRover e Hunter (aínda que tivese a pasta non mercaría ningunha desas marcas, nin unhas putas catiuscas a prezo de zocas de coiro cosidas a man), coa finalidade de recadar fondos para os animais en perigo de extinción. Pártome. Facendo probas tipo ir montados nun carro empurrados por outros (que non eran pijos) e ese tipo de situacións entre o traxicómico e o patético que deixaban entrever as imaxes. Despois unha festa á altura das circunstancias, obviamente, que ser solidarios é moi duro de diola.
A culpa é toda miña por adormecer coa 1 prendida e espertar con ese panorama.
Teño que ler máis sobre o de Javier Marías antes de pronunciarme, pero apláudolle a congruencia, se o fai para vender máis ou ser máis popular pois seguro que o consegue, aínda que non creo que lle faga falla. Paréceme estupendo que alguén que vai ter cota de pantalla denuncie a miseria á que están condenando servizos como as bibliotecas municipais.
Estes días andei pola do meu concello e os libros dos pequenos están divididos a partes iguais de letra, ilustración e fixo/pegamento. E aínda menos mal que hai partida de cartos para eses útiles de oficina, se non, habería que levar as follas soltas na man e compoñelo na casa en plan ONG salvemos os libros infantís.
Creo que é complicado fiar todo o que penso nada máis comezar o día de hoxe.
Só parabéns a Javier Marías, non só por levar o premio, senón por rexeitalo e dicir o que pensa abertamente. Parabéns ás bibliotecas que siguen traballando a pesar de ver que o irmán rico (véxase a cidade da cultura) sigue engordando e engulindo pasta mentres elas van quedando cada vez máis achicadas e desprotexidas.
O meu pésame á humanidade, que só presta atención cando no titular se di que desapareceron, afogaron, estrelaron, embarrancaron, atentaron... e morreron, e desapareceron, e feriron... entre eles a un turista francés, alemán, español, unha familia europea...
Alguén non viu Babel? Eu, a pesar dalgunhas tachas que lle podo poñer, recórdoa como un hostión de realidade, sensibleiro e manipulado, si, pero realidade á fin e ao cabo. Terei que revela anos despois, a ver que opino, pero no seu momento pareceume ben.
E vese o que vale unha vida humana. Tanto tes, tanto vales.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...