Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

27.10.12

O Samatroido

Non é difícil deducir que é unha mestura de Samaín e Entroido.
Na escola das nenas pedíronnos colaboración para adornar o que vai ser a festa do Samaín a próxima semana. O que cada un boamente puidese.
Así que case todos recorremos ao das cabazas. Nós xa nos adiantaramos e tiñamos as cabazas case listas.
O venres cando chegamos xa había moitas achegas supoñemos que doutros pais, tíos, avós, nais, tías, avoas, irmás.
A maioría cabazas.
Unha era unha cabaza paiaso.
Outra un señor potato.
Un marcianiño.
Unha cabaza alongada travestida de persoa.
Outro paiaso.
Un espantallo.
...
...
...
Supoño que non hai por que coñecer a tradición, nin sequera o Halloween que xa nos venden por todos os cornechos.
Que digo eu que se aínda fose colaborar co día de muertos mexicano, alguén podía soltar o artista que leva dentro e darlle cor e máis cor ao tema...
Igual que no Arde Lucus atopas tanto un Asterix e Obélix, coma un par de carvernícolas, unhas cantas damas de época, un Luís XIV, uns cantos gregos, fenicios, mesturados cos celtas e coas puti-romanas con peiteado do rococó, xoias do romanticismo e minisaia de facer a ruta, a ver a santo de que no Samaín hai que cinguirse aos morcegos, as candeas, as luminarias, as bruxas, a santa compaña e todos eses seres terroríficos que comezan a introducirse no imaxinario infantil.
Podendo poñer un Ronald MacDonald non se vai poñer un home do saco.
Podendo poñer un papá noel non se vai poñer un apalpador.
Podendo poñer a Mickey Mouse non se vai poñer unha donicela.
Despois diso chegaron as mochilas viaxeiras cos libros supostamente preferidos e elixidos polas nenas (teño que dicir que se iniciou unha batalla case campal con lanzamento de libros, mochilas e acusacións porque ningunha aclaraba cal elixira cal, e nin sequera querían abrilos).
Un era unha especie de caderno de fadiñas tipo Campaíña que se titula Aprender a ser agradecidos con las haditas (ou algo semellante).
Ten unhas 20 páxinas, letra e contido para lector xa adestrado e a explicación e a convicción é para ir mexar e non botar gota.
O outro é un libro de animais da granxa con sons.
O porco é unha cocha relucente cunha perruca loira longa.
A vaca leva un sombreiro de palla, un colar de perlas e é de pintas brancas e negras que non é nin frisona, nin rubia galega nin nada que se lle pareza.
A cabra e a ovella parecen as do anuncio do Caserío e de Norit respectivamente, e levan cadanseus adornos de fantasía, tipo colares, tiaras e pendentes.
Encantáronme os libros e arrepentinme de obrigar as nenas a reconciliarse e a asumir as súas eleccións coma meditadas e xuizosas. E tamén me alegro de ter traído da biblioteca o xoves os libros de Antón vai ó parque e un Mesi e o camión de bombeiros.
Onde van dar a pesar de que Antón xogue nun "estanque" cunha ra, merende un pastel e volva só á casa coas chaves (a pesar de ter uns 4 anos) e de que Mesi e a súa amiga Flor sexan un rato e un esquío que salvan un gato dun tellado.
Non sei que cara vou poñer cando me pregunten se a fin de semana traballei coas nenas e cos libros, supoño que me agocharei detrás das cabazas e direi: BUUUUUUUU!!!!!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...