Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

3.10.12

Os Bolechas, Toni Cantó, Rosa Díez, Mario Conde e o home do saco acompañados por Gayoso e dona Croqueta

Así percibo o mundo e a realidade ultimamente.
Tantas e tantas veces lin historias de Bolechas na vida. Aos rapaces na biblioteca, ao meu sobriño, a quen lle ía mercando a colección, ás miñas fillas, que aprenderon os nomes de Pili, Loli, Sonia, Braulio, Carlos, Tatá e Chispa antes ca os da súa propia familia. Fun fan de Pepe Carreiro e a súa habelencia para mostrar a idiosincrasia galega aos ollos dos pequenos, que aprenden o que é unha morena, un can de palleiro, os castros, unha feira galega, unha rapa das bestas. Vexo os debuxos doutras canles e dáme non sei que escoitarlles aos cativos despois que queren unha casa na árbore, cear tortitas con sirope de arce e toda esa feminidade chunga que destilan a minnie, a daisy e a kitty, que máis parecen árbores de nadal atrofiadas ca personaxes en si mesmas...
Así que o anuncio da materialización dos bolechas en personaxes televisivos, a pesar dos horarios, alegroume moitísimo.
Ai, pero o primeiro desencanto chegoume cando vin que polo medio andaba novacaixagalicia, dando os agasallos por abrirlles contas aos meniños. Imaxineinos coma uns grandísimos maiquel jacksons coas mochiliñas e cos petos para as moediñas na man: ven, bonitiño, que che vou meter os aforriños nuns produtos moi bonitiños, verás que alegría cando queiras ir á universidade e vexas que non os podes quitar, como moito dámosche un crédito para enmerdar máis aínda os teus pais... Que chasco! Para min foi coma se a nocilla a patrocinase o ratibrom, ou as chuches os pensos adulterados que provocan encefalopatía esponxiforme... que todo teña que ter cara A e cara B manda chover na habana... pero en fin, iso sabémolo nós, os pequenos van safando...
Pero desde que empezou están cos mesmos 3 capítulos un día si e outro tamén. Vale, xa sei iso de que aos rapaces lles encanta o mesmo conto seguido, saber anticiparse ao que vai pasar, coñecer os diálogos de memoria, fixarse no que antes non viron pero gustaríame saber se a programación foi asesorada por algún pedagogo iluminado ou é que simplemente pasan directamente de todo e danlle ao play.
E así o luns vemos un, o martes o mesmo, o mércores outro, o xoves o mesmo do luns, o venres o do mércores e o bucle nunca se renova. Estou empezando a collerlles tirria, porque por riba berran e interrómpense coma seis nenos consentidos e ditadores (eu que os tiña por unha familia enrollada e ben levada) e non son máis ca unha guerra de guerrillas fratricida... arrrrggggg!!!!! hai cousas que nunca se deberían facer, coma pasar do papel ao audivisual (por riba non saben que en galego hai 7 realizacións para as vogais...).
Vale, a repunante son eu.
Ou non.
Así que despois paso ao arrepío de Toni Cantó, Rosa Díez e o seu rancioso discurso sobre a lingua e a cultura, galego no peor sentido da palabra, que debe ser no sentido da gana que transmiten de poñerlle de sombreiro un gran bosteiro e que a acompañe durante toda a turnée. E o gentleman de Mario Conde, un señor, porque non rouba xamóns, que rouba millóns, engadindo máis argumentos dos de dar gana de vomitar sobre o tema. E incriblemente nas canles (máis surrealistas das que hai para elixir, todo hai que dicilo) fanlle os coros e apláudenlle coma se da súa boca saíse filosofía e non estupidez... Pero onde queremos ir parar? Que clase de monstrosidade se está xestando neste país no que se lles dá cabida mediática ao mesmo nivel ao señor ao que lle ardeu a palleira, ao que os lobos lle mataron as ovellas, ás corridas de touros e a personaxes co ego subido que pensan que mandan no mundo?
O único que me consola destes personaxes é que poidan prexudicar a propia dereita. Polo menos que haxa sangría entre os seus propios militantes e que teñan que vivir todos no mesmo bote. Quero pensar.
O meu desexo para esta campaña, para min e para todos, é que a información non chegue nesgada, que a xente teña acceso e criterio para discernir a palla da gra e a gra da palla, e despois que faga como lle deixe a conciencia.
Como o de bos e malos xa es esborranchou, non sei cal é o criterio que queda para simplificalo.
Chegarán os meus ollos a ver a Gayoso e a dona Croqueta (personaxe inventado por min pero querido e admirado polas masas) pedindo o voto (para as esquerdas, quero desexar)?
Nalgunhas igrexas xa se fai desde o púlpito (para as dereitas, quero pensar, que eu non vou á misa).
Seica.
Pero son todo falabaratos...
Ai, vou ter que ir ordenando os sentimentos en compartimentos estancos ou vou empezar a padecer iso que se chaman apaixonamento desmedido...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...