Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

8.10.12

Salvados!

Varias cousas.
A máis importante, que un programa de suposto entretemento sexa o programa no que máis claro se fala de política manda moito chover na Habana. Parece xornalismo de investigación.
Por moi parcial que sexa, ou por moi nesgado que resulte, para min son dos poucos que cantan e fan cantar claro.
Iso si. Despois de velo pónseme o corpo todo revolto.
Non sei se alguén o viu onte, pero o que me quedou claro é que os alemáns o teñen claro. Claro non, clarísimo e non agochan en absoluto que o que queren é recuperar o seu investimento, e como o fagamos ou de que dependa impórtalles (desculpen a palabra) merda.
E que o adorne como queira a "clase política".
Neste inicio de campaña quedo co silenciamento dos descontentos a base de paus, xa sexan sindicatos do naval, afectados polas preferentes ou estudantes que ven minguadas as súas posibilidades de futuro.
Dáme vergoña allea ver certas actitudes que despois son carne de tertulianos aos que lles resulta fácil xulgar desde os seus cómodos asentos. Dicímolo sempre, o falar non ten cancelas...
Quedo tamén coa iniciativa, din por aí que dun exdirector de xornal dixital descontento, da contracampaña feijoo2012.com. Está ben verlle as dúas caras á moeda. Despois xa... cada un que faga como vexa.
A páxina pareceume non só xenial polo simple, senón xenial polo pouco ornamentada que está, e incluso poderiamos cualificala de pouco demagóxica. Non é máis ca "isto foi o que dixeches, isto foi o que fixeches", despois o porqué ou o por que non que o pescude cada un na súa casa.
Cando vin os carteis circulando por aí xa quedei parva.
Despois das hostias que se están repartindo pensei que os meus ollos xamais asistirían nesta campaña a "cousas" tan abertas e tan públicas. Pensei que todo quedaría nos foros, páxinas, xornais, etc. que sempre frecuentamos os mesmos, á fin e ao cabo.
Hoxe quédome coa frase do señor economista asesor de Angela Merkel (J. Donges, creo que se chama), que dixo camiñamos cara a un mundo desigual, e que é iso ou nada. E que eles o teñen moi claro, ¿e nós?

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...