Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

18.10.12

Vai a vella morrendo e vai aprendendo

E o que agora se chama patchwork e crochet é o coser, calcetar e facer gancho de toda a vida.
O que agora é trending topic é un estar na boca do mundo de toda a vida.
Non teño whatsapp, así que cando quero quedar teño que recorrer ao timbre e ao café e ao botarlle un conto de toda a vida.
Alégrome un pouco diso, aínda que chegue tarde a case todo.

As miñas fillas non saben distinguir entre as flores do campo e do monte e as cultivadas. Así que van atacando os xardíns e os tarros con flores que adornan as casas. E o que é peor, queren arrincar os mostrarios das tendas de xardinaría e as florarías que imos atopando.
Temos que ir reforzando todos os días que hai flores coas que se pode xogar porque son de todos e outras que hai que respectar porque son dunha persoa concreta, aínda que estean na rúa á vista de todos (das leccións de ecoloxía ímonos encargando aos poucos, todo non se pode xunto).

En política non soportamos que nos falen mal "dos nosos", por falar mal digo a dicir verdades. É unha pena que xa non sexamos coma os nenos e saibamos querer aprender que as flores poden ser de moitos tipos, ata as hai cheironas, que saben ben, que saben mal, que son vistosas para seren engados...

Ai, cantas leccións habería que darnos e cantas deberiamos aceptar!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...