Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

24.10.12

Vurullo

Hoxe non sabía se dar a miña opinión sobre o acoso das mulleres no mundo, porque onte andei por aí á pescuda do que pasa tras a primavera árabe. É incrible que o 80% dos mozos e homes exipcios recoñezan que acosaron (moitos violaron) mozas e mulleres.
Non sei se vistes como na praza, que resultou tan significativa no seu momento, rodeaban xornalistas mulleres estando incluso en antena e as van empurrando ata conseguir afastalas para violalas.
Paréceme unha atrocidade do peor.
Onte zapeando quedamos vendo un anaco de Un mundo sen fin, a suposta continuación dos Piares da terra. Alí, coma en todas as obras de ficción ambientadas en épocas supostamente medievais, reflíctese a brutalidade sexual que se supón que existía nese ficticio momento histórico...
Teño moito que dicir sobre o tema, pero calquera persoa razoable teríao por demais, obviamente. Só digo que habería que ver a lexislación e a actuación dos gobernos se fosen os homes os acosados, humillados e violados de man das mulleres.
Vén sendo o de sempre. A descompensación por razón de sexo, tan sutil na nosa sociedade avanzada e moderna (o de sutil vén sendo ironía) e tan esgazadora nas sociedades máis "tradicionais" ou atrasadas... dáme arrepíos pensalo.
Tamén me daba gana hoxe de falar un pouco de Espe, porque xa me andaba a mosca atrás da orella sobre se xa tomaría posesión da súa praza de funcionaria, he, he, he, he, se andaba gastando os moscosos para vir tocar o nabo por estes lares, he, he, he, he, e se tamén lle quitaron a paga do Nadal aínda que cotice por ela á Seguridade Social (co que os agasallos de Nadal lle quedarán necesariamente máis cativos ao ver reducido o que cobraría incluso normalmente en decembro), he, he, he... A min toda esta farsa esperpéntica que se montou arredor desta señora xa nin me indigna, pónseme o rictus de risa parva e mirada de mátame camión...
Pero o caso foi que lendo publico.es parei a ler o artigo de Escolar no que fala das 5 mentiras sobre o retiro de Esperanza Aguirre e alí xa queda todo dito. Non hai máis que engadir.
As eleccións en Galicia continúan resultándome un vurullo moi grande, aínda que hoxe lin con agrado as noticias que xa empezan a saír sobre datos presentados de maneira máis imparcial, tamén se explican os cómputos, as porcentaxes, etc. algo, algo, algo imos indo. Non todos os titulares van ser apocalípticos e escuros/manipulados.
Total, que un vurullo de ideas, así que o que me dá por facer é poñerme a baleirar as cabazas para o Samaín, que a estas alturas de merda de crise quédame tempo ata para ser a nai estrela que prepara os traballos manuais coma se lle fora a vida niso.
Calquera día poño un vestido clariño estampado (primeiro unha faixa redutora de corpo e pernas, claro), fago unha permanente, convértome ao catolicismo, amplío a familia ata o infinito e abro un blog para contar o bonito que é o mundo cando a túa familia (da que es unha abnegada coidadora) é o teu universo e a túa casa (chea de flores, marcos de fotos, espellos e con madalenas no forno) é o teu reino...
Ou iso ou poño as pilas e topo algo que facer serio á de xa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...