Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

26.12.12

SICAV

Eu quero ter unha sicav, e forrarme ata os dentes sen tributar máis ca 1%. Ata estes días non sabía exactamente que eran, nin cantas, nin os nomes, nin quen estaba detrás.
Pero agora que o sei creo que inda irei con máis cautela polo mundo. Mirando a ver onde consumo o pouco que consumo.
Estanme dando gana de trousar os bombóns de Ferrovial que había pola casa de agasallo de Nadal (non meus, que a min agasalláronme un libro e xa bo foi, xa non hai queixa, que nin había por que)... porque papei neles sen moito máis cuestionamento e vai ser que é unha desas empresiñas.
A min as do IBEX35 xa me daban grima.
Ao final o mellor é o que dicía un paisano meu nunha reportaxe: se na feira xa temos de todo, boas patacas, bos grelos, bo porco, bo queixo, bos ovos... a que andamos indo ó supermercado, se os do supermercado, quitado o pouco traballo que dan (que non o regalan tampouco), o único que fan é levar os cartos por aí adiante para uns poucos...
Teño o firme propósito de consumir todo o produto local e de temporada que o peto me deixe, e deixarme de lerias.
E se hai que ir vivir á caverna irei.
Falando de caverna, onte vin unha viñeta boísima, na que a xente estaba na caverna e dicía que ao final un acostumouse a vivir nela e deixou de imaxinar opcións, ou algo semellante. Moitas veces teño pensado eu tamén no mito da caverna e en como aos exploradores lles teñen as pernas presas cunha pexa ben gorda, para que non poidan gabear inda que queiran.
Ao final volvemos ao de sempre.
Por iso xa non me estraña que ata se queira conculcar o dereito de reunión ou de manifestación, ou de libre expresión de opinión ou pensamento.
Pregúntome se algún día chegarei a ver unha denuncia e un peche deste misérrimo blog por dicir o que penso. Chegarase tan alá? Eu despois do que sei xa agardo ata o peor.
Non sei a quen lle oín que isto non se para ata que non haxa unha guerra.
Para min a guerra xa está, e coma sempre perden os máis débiles, e no canto de armas ao lombo levamos sentimentos mal xestionados, que é o peor.
A xente sentindo vergoña de verse estafada. Sentindo que lle arrincan o corazón se o deixan sen traballo (como non vai afectar se aquí a metade da xente considera os seus compañeiros de traballo, xefes, etc. coma da familia, aínda me queda ir a unha voda ou comuñón na que non estea un xefe, colega, compañeiro, amigo ou o que sexa do traballo, as relacións sempre se estreitan, que te boten é coma se teu irmán che cuspise á cara na maioría dos casos, aínda que non teña nada que ver). Xente sentíndose coma se non valese nada a súa vida, nin as súas ideas, nin os seus propósitos.
O que montou esta guerra era máis listo ca un cuco, e sabía que a xente pode deixar as escopetas no caixón, pero o sentimento teno que levar sempre canda el ou canda ela.
É así.
Polo que consigo outear que vai ser unha guerra moi, moi, moi, moi longa...
E entrementres as sicav a dalo todo, para cando pase a tormenta, que sigan aí na súa torre, no máis alto, e agachados e protexidos das balas...
Que noxo, non?
Investiguen, investiguen vostedes...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...