Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

23.1.13

Amy...

Podía chamarse Manuela, Rocío, Uxía ou Marta, pero non sería tan global observator..., non coñecería tan ben o mundo do cine, da política, da moda, do couché, do glamour..., por iso a bautizaron con Amy, como muller cosmopolita.
Non sei se esta clasiña política que nos desgoberna vería demasiados capítulos de Sexo en NY..., pode ser tamén.
Amólame que se tiren cortinas de fume tan evidentes que case insultan sobre o caso Bárcenas (xa comezamos a estar afeitos ás xogadas de pre-campaña que despois quedan en nada, aos casos que saen á palestra cando mellor convén, aos movementos xogados só para distraer o público... en fin!), pero quitado iso, que calquera é capaz de dilucidar, preocúpame que haxa este tipo de actitudes xa a todos os niveis.
Para min as fundacións dos partidos veñen ser como pagarlles un sobresoldo aos políticos por facer o que xa lles vai no soldo ou o que deben facer se tan implicados se atopan dentro dos seus partidos. Publicacións, cursos, charlas, congresos, estudos...
Que lles paguen os soldos aos xornalistas, analistas, secretarios ou secretarias, conserxes, limpadores, etc. que exercen os seus oficios, pero que non se vaia máis alá.
Non me sorprende para nada que existan falsas publicacións, falsas revistas, falsos estudos ou incluso falsas personalidades, pero non por iso deixa de molestarme.
De verdade todo é corruptela?
De verdadeeee???
Eu por 50.000 euros anuais fágome global observator e bótome a escribir en portugués, castelán, inglés ou francés, así teña que sacar algo para tradutores e lingüistas que me colaboren... e opínolles tanto do conflito en Malí, coma das perspectivas de Hollande e da esquerda dentro da UE, así como das rebaixas estratéxicas dos sitios web de Inditex ou a caída e estampida do pequeno comercio das zonas comerciais das nosas grandes cidades...
En fin...
Este mundo a min cada día antóllaseme máis estúpido, ruín e complicado. Non é?

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...