Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

4.1.13

Bonzo, Baltar e a esquiar!!!!

Que un señor se queime ao bonzo pola desesperación só me fai pensar que xa entramos no sendeiro dos habitantes de Grecia.
Contaba unha señora con bagullas nos ollos que se aparecesen nos medios todos os casos de suicidio, asasinato compasivo e outro tipo de mortes tráxicas, sería para botarse a chorar e non parar máis. A maioría da xente réndese no canto de loitar, porque a loita parécelles demasiado inxusta e desigual.
Por aquí comeza a verse o mesmo. É que obrigarte a loitar cando xa te ves espido non está feito para a maioría da poboación. É así. Simplemente.
Para min é sintomático demais.
Pero parece que ninguén vai atallar iso. Iso parece.
E mentres en Galicia dámolo todo con casos de corrupcións para encher portadas e páxinas de diarios. Que Baltar é un cacique ao grande non é revelación ningunha. Deixar en herdanza unha deputación coma quen deixa unha chousa para min xa é poñer as cartas sobre a mesa e boca arriba. Ninguén pon cara de: pero que me estás contando? Por desgraza, o caciquismo por estes lares é o pan de cada día, e raro é que non haxa en cada casa un ou dous que entraron por esa vía a facer "algo" nalgún momento. Recordo eses marabillosos plans labora que colocaron ata o máis inepto de cada casa nas deputacións e concellos para perpetuarse (os que non se perpetuaron só viviron ese contrato para pasar o ano, coa ilusión de que podía ir a máis, pero só a semente do cacique sobrevive en terra erma, a outra ten que ir buscar terreos máis fértiles nos que darse, é outro feito).
A min as andanzas de Baltar só me escandalizan na medida en que me marabilla que o populismo sexa tan fondo e atraente que inda con todo á vista lle siga pasando coma o rei nu, só que á inversa, el sábese espido, pero é tan manipulador e raposo que consegue que todos os demais o vexan ricamente vestido. Pregúntome que fará a lei nesta ocasión.
Xa non vou afondar no de Urdangarín, iso que hoxe férveme o sangue pensando nesa entrevista que a canle pública vai poñer no prime time, dun rei chocho se vanagloriará coa condescendencia dun xornalista de peso (isto eu cuestiónoo, pero deixémolo en peso pola traxectoria vital)... ai, non sei se velo só para non prender a calefacción en todo o día, porque deixo o ambiente eu caldeado pero fixísimo.
E non sei se onte todo o mundo flipou coma min, pero en todos os informativos introduciron dúas noticias case ao tempo: a detención dunha morea de pederastas e a liberación de case 100 meniños secuestrados polos seus abusadores xunto coa incautación de material para parar un tren (todo dito así, sen aclarar lugares, nomes, idades, canles, etc.) e unha amplísima reportaxe a todo luxo de comentarios sobre as montañas de aramon, que un temporal fixo que se frustrase o de esquiar para xente (pobre de pedir, isto é ironía), e ademais de saír señoras maqueadas, mozos deportistas e efemérides variadas dicindo que menuda jodienda quedar sen esquiar, inda que os trataran moi ben e lles deran a cea e todo, tamén se facía fincapé nos sentimentos desa xente miúda que nas vacacións de nadal vai esquiar coa familia e saían dándolles ao pelo (y papá en la regata, diciamos nós de adolescentes para imitar esta pasta) dicindo con total autoridade: te lo puedes creer? toda la tarde y toda la noche encerrados en un hotel sin poder esquiar, ni deslizarte, ni nada, nada, nada, un aburrimieeeeentoooo... e outro: yo es que pensaba que vendría un helicóptero o algo, pero nos hicieron bajar andando hasta el pueblo, y claro, sin dormir ni nada...
Eu non digo nada.
Somos a educación que levamos.
E actuamos como actúan os nosos iguais.
Só digo que tal como está o asunto, desagrádame bastante que o informativo se reduza a este tipo de anécdotas, a presentar a grandes empresarios como modelos de triunfadores que cómpre imitar, xornadas de moda, anuncios de estreas no cinema, e se pase por riba do que realmente acontece coma se non existise. Supoño que a ética xornalística non é un valor en alza. Só hai que ver o que se consome...
Que mal todo!





Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...