Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

14.1.13

Carromero, o deán extorsionado, urdangarín co cu ao aire...

Diría Sarita Montiel: pero que paaaaasa, pero que invento es eeeeeste?
A min o do caso Carromero cáusame moita curiosidade. Non por nada particular, nin persoal, só que no seu momento que a disidencia cubana tivese un accidente nun coche conducido por políticos "neoliberais" xa me sorprendeu. E despois toda a movida que se montou. E a posterior extradición. E o balbordo da saída, con mediación de Espe en pleno Nadal. E todos os demais partidos calados coma petos. E hoxe xa case traballando de novo no despacho.
Din fontes xornalísticas que se dedica a todo e a nada. Que fala moito polo móbil. Que non é licenciado en nada, pero que asesora ben, e que por iso cobra uns cincuenta mil ao ano. Así sen entrar en máis fonduras. Con 27 anos pódese dicir que este rapaz xa viviu o seu... ¿non?
É retranca.
Ou ironía.
Sorpréndeme que a sociedade apenas sexa capaz xa non de xerar emprego, senón de soster o pouco que ten, e que os carromeros e os agajes da vida atesouren eses postos tan ben remunerados que serven para todo e non serven para nada...
Seica é o dondegentes.
E o raparigo este que intentaba ou extorsionaba o deán de Compostela, que tampouco me quedou moi claro aínda o tema, terei que investigar máis, pero faime graza os veciños, que falen del dicindo que mira que listo era, que chegaba a personalidades moi altas nas súas miras extorsionadoras. O rapaz inda era espelido, que non rateaba polo barrio, poñía os ollos noutros barrios máis abondosos.
Galicia éche sitio distinto.
Ás veces cando vexo algún telexornal da galega descúbrome rindo polo baixo ata da/coa maldade humana. É que algún proceder e algunha metodoloxía é tan de andar pola casa coa bata e as pantuflas que pensas ti, a onde pensa algunha xente que pode chegar?
Ains.
O deán. É outro que teño no meu punto de mira, xunto con Carroñero, perdón, Carromero (é que amigo, xa te me fixeches símbolo de todos os da túa especie, que sodes moitos, que vivides de rillar na prea que outros van deixando polo camiño).
E o caso Urdangarín tamén é outro que pasou de quentarme e indignarme a facerme esa graza amarga, de saber que todo quedará en nada, pero que polo menos se vaia sufrindo publicamente. A min se isto axuda ao desgaste da monarquía, pois case que benvido sexa, se, total, rouba todoquisque, xa pouco máis me ten que sexa político, banqueiro, cacique ou príncipe consorte.
Encántame ese socio extorsionador que vai facendo unha tortura mediática lenta, soltando perlas cando lle cunde e facéndose o longui cando lle cae mellor. E dáme vergoña máis que allea ver que os mecanismos que ten a lei para parar isto son ridículos.
Un xuíz non pode esixirlle que entregue todo canto ten para xustificarse e defenderse ou que peche a boca para sempre.
Así alimentan tamén a prea.
Os que asistimos entre esparavanados e divertidos a ver como a cara de pánfilos vai caendo e se lles vai poñendo a que realmente vesten, a de mangantes, con casas boas, coches bos e de boa familia, pero tan mangantes coma os que saen na galega, que parecen pepesvilluela intentando atracar naves a golpes de comecartos, pero mangüelos á fin e ao cabo.
A amiga do rei, desviación de fondos, pagamentos indebidos... toda unha continuidade de eufemismos para poñer de relevo máis do mesmo.
Ai, é moi entretido ver como nalgunhas canles tratan o da amiga do rei.
Non sei no resto do territorio español, pero aquí cando se fala de que fulanito ten unha amiga, ou que se amigou, xa todos sabemos do que falamos...
Chegarán os meus ollos a ver como se desincha o tema da monarquía?
Niso confío.
No resto teño confianza cero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...