Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

28.1.13

Conversas de café

Antes xiraban que sei eu, arredor de calquera cousa. O tempo, os rexoubeos do barrio, as rebaixas do inverno, a familia, os amigos, as espectativas.
Agora xa todo mudou. Agora fálase da prima de risco, da vida política, de tal ou cal lei, das preferentes, da ética no traballo, de por que se chegou onde se chegou, das perspectivas vitais no futuro, de emigrar con ou sen ganas...
Non hai mesa na que non se estea comentando esta viaxe aos infernos á que a maioría da xente se ve sometida.
Quizais nalgún momento a xente folleaba os xornais buscando a programación, os deportes, o horóscopo ou as noticias locais.
Agora case toda a xente fai unha análise polo miúdo, e vive atenta a como enfocan os diferentes editoriais os temas máis actuais.
Esta crise, á parte de ser unha merda espetada nun pau, está conseguindo que a xente comece a ser máis crítica, máis consciente do mundo en que vivimos e máis solidaria co do lado.
Se podo sacar algo en limpo de optimismo é precisamente iso, que parece que algo máis se vai aprender. É unha mágoa que vaian aprender os que a pagan (unha vez máis) e non realmente quen tiña que saber a lección de pe a pa (unha vez máis).
Hai temas que son un asco, pero do peoriño.
Inauguramos semana. A ver se no Entroido, aproveitando a inversión dos papeis, algún dos que tira proveito empatiza e se viste de choqueiro e vén ver o que acontece por aquí.
Polo de pronto, na cuestión da lingua e da educación, parece que a xente vai tomando conciencia e dicíndolle a quen corresponde que ata aquí chegamos. O de invisibilizar agardo que vaia tocando o seu fin. Quero confiar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...