Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

7.1.13

Déixate ir...

Nadaliño, ou como queira que che haxa que chamar.
Cada quen xa tivo o seu e xa viu o que había.
Non digo máis.
Esta noite soñei que a policía me perseguía e que intentaba matarme. Non sei se é de tanta peli como vexo ou que o outro día me pararon para avisarme de que circulaba cunha roda do coche trillada.
Ha ser polo primeiro.
Creo que xa falei varias veces da serie Tremé, que vou seguindo. Sei que non podo facer spoiler, por iso non conto moito. Pero é boa. Moi boa. Onte nun dos capítulos que vin quedaba á vista a indefensión da maioría que non conta e da impunidade coa que poden actuar as minorías que mandan.
Lía hoxe no xornal que a maioría dos que cortan o bacallau neste mundo saen de escolas e universidades privadas e son de boas familias. E que a selectividade, a universidade pública, o sistema de axudas, estaba axudando a contrarrestar iso mesmo. É certo que existe a mobilidade de mestrados, os mestrados inalcanzables, os intercambios de universidades máis que elitistas, pero cando menos o acceso ao máis básico resultaba máis ou menos xusto.
Nunca o fillo do pobre ha mandar no mundo. Iso din os vellos e parece que por unha vez se lles ía quitando a razón, por fortuna.
Ao final volverase ao de sempre.
Así queren que sexa. O rico máis rico e o pobre máis pobre. O que manda máis tirano e o que obedece máis submiso.
Ultimamente topo pouco que dicir que non sexa abondar no mesmo, porque o mundo parece que bate na pedra, bate de novo e volve bater, e a pedra é a mesma, o que a esquiva é o mesmo e o magoado é o mesmo. Sempre é o mesmo.
Ando pensando que igual este ano tampouco vai cambiar moito nada.
Só confío en que non cunda o desánimo inda máis por estes lares.
...
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...