Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

11.1.13

Desafección

Non creo que sexa que a xente sente que a clase política sexa inepta, ineficaz ou que non mereza os privilexios que ten.
É que tantísimos casos claman ao ceo que é difícil non xeneralizar e metelos a todos no mesmo saco.
Teño compañeiros funcionarios que viron reducidos os seus soldos, os seus complementos e minguadas a súa autoestima, a súa vida social, a súa estabilidade emocional, grazas a esa campaña de "doma y castración" que emprendeu o goberno para soltar esa cortina de fume que agacha as súas andanzas cotiás, e que ven a cotío como se continúan nomeando a dedo "asesores" e outra fauna que é filla, prima, sobriña ou amiga de e como cada xefe de servizo remodela o seu despachiño porque o topa anticuado.
Cada día saltan á palestra novos casos de corrupción.
Eu xa non faría a distinción nin nos titulares, porque uns son caciques, outros corruptos, pero outros príncipes consortes, presidentes de caixas, empresarios emprendedores de renome e éxito social, outros políticos de carreira... Directamente simplificaría, todos e todas aqueles que pasen de "presuntos", que sexan directamente ladróns.
Cabréame enormemente que o rapaz de Vigo que pillaron en tempos pasando unhas papelinas acabe entre reixas por un nada, anos despois e cando xa non vén a conto porque non só está totalmente limpo, senón que por riba é un axente que colabora coa reinserción social para outras persoas que rozan a exclusión, por marxinación, por adiccións ou polo que sexa.
E pola contra a outros ladróns que causan moito máis dano á sociedade, moito máis irreparable ca unhas papelinas, aplícanlles o terceiro grao ou indúltanos directamente.
A min que me digan que a desafección non nos conduce a nada, pero isto cansa. Cansa bastante.
De feito, aínda non me explico como non estamos todos coma no far west, ao que se salve quen poida...
Eu xa ando mirando polo miúdo o de emigrar.
Fáltame un tris que me convenza de que é unha opción boa.
De seren as cousas doutro xeito, habería xa meses que estaría mandando postais.
Desafección, dinlle.
Eu non sei se "hartazgo" ten unha opción boa en galego para min, porque "ata a cona" ou "ata o carallo", que é o que se usa pola miña terra, non soa moi ben así escrito. Que tamén para mostrar o cheo que está un do mesmo ten que ser correcto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...